Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

05/12/2019

A Xunta de Galicia reivindica o papel do Comité Europeo das Rexións no acto de celebración do seu 25º aniversario

Jesús Gamallo na sesión plenaria 137º do CdR que tivo lugar no hemiciclo do Parlamento Europeo.jpg Ver máis...
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, debateu cos demais membros do CdR a Declaración sobre os 25 anos de vida da asemblea de rexións e municipios europeos na última sesión plenaria deste mandato.
  • Os presidentes do Comité Europeo das Rexións e do Parlamento Europeo foron os encargados de abrir o 137º pleno cun debate sobre o Estado da UE.
  • Tamén se expuxo unha resolución das rexións e cidades europeas sobre o futuro Pacto Verde Europeo e unha declaración conxunta da delegación española no CdR sobre os aranceis aplicados por EE.UU. aos productos agroalimentarios de orixe español.
Bruxelas, 5 de decembro de 2019. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, participou onte e hoxe no último pleno da actual lexislatura do Comité Europeo das Rexións (CdR), o cal designará a súa nova presidencia, cargos e comisións de traballo durante a próxima sesión plenaria de febreiro para dar así comezo a un novo mandato.
 
A sexta sesión plenaria do CdR en 2019 abriu cun debate sobre o Estado da UE desde o punto de vista das rexións e das cidades a cargo do presidente do Comité, Karl-Heinz Lambertz, en presenza do presidente do Parlamento Europeo, David Maria Sassoli. Na súa intervención, Lambertz expuxo as expectativas dos entes subnacionais de cara ao novo mandato 2019-2024 na Unión, incluído o orzamento a longo prazo da UE. Nunha liña similar se expresou o presidente Sassoli ao mostrar o seu rechazo ao recorte no orzamento europeo por parte da presidencia finlandesa do Consello da UE.

No pleno, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE xunto ao resto de representantes rexionais e locais europeos adoptaron unha Declaración sobre o 25º aniversario do Comité Europeo das Rexións. Durante o período 2014-2019, o Comité Europeo das Rexións consolidou a súa posición institucional no proceso europeo de toma de decisións e marcou de numerosas formas a súa influencia na axenda europea. Coa renovación do Parlamento Europeo en maio de 2019 e o nomeamento dunha nova Comisión Europea, comeza agora un novo ciclo político nunha encrucillada crucial para o futuro da Unión Europea.

Os membros do CdR tamén manifestaron o seu interese en participar, plenamente, na Conferencia sobre o Futuro de Europa que porá en marcha a nova Comisión Europea a principios do 2020. Jesús Gamallo puxo en valor o papel do CdR ao declarar que na actualidade «as rexións e cidades europeas son responsables dun terzo do gasto público total e dous terzos do investimento público na UE». Para o representante galego este feito, unido á proximidade coa cidadanía e as súas necesidades, lexitima ao Comité á hora de gañar máis presenza na próxima Conferencia sobre o Futuro de Europa.   

Por último, os representantes rexionais e locais da UE debateron un total de 10 ditames relativos a temas clave na axenda europea como o potencial do sector ferroviario ou o Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía.

Resolución das rexións e cidades da UE sobre o Pacto Verde Europeo
No seo do 137º pleno do CdR tamén se celebrou un debate sobre o futuro Pacto Verde Europeo no que participou Frans Timmermans, vicepresidente da Comisión e responsable deste pacto medioambiental no executivo europeo de Ursula von der Leyen. Para Timmermans, «é crucial non deixar a ninguén atrás na loita contra o cambio climático, por iso desde a Comisión necesitamos contar coas autoridades rexionais e locais europeas».

A continuación, debateuse unha resolución específica das rexións e cidades europeas sobre o Pacto Verde Europeo anunciado esta semana pola propia presidenta da Comisión durante o Cumio Climático da ONU (COP25) que se está a celebrar en Madrid. Segundo von der Leyen, o obxectivo prioritario da UE é ser o primeiro continente climáticamente neutro en 2050. Os líderes rexionais e locais recordaron o rol clave que deben desempeñar os entes subnacionais á hora de cumprir esta ambiciosa meta climática; xa que a día de hoxe aplican o 70% da lexislación da UE, o 70% das medidas de mitigación e o 90% das políticas de adaptación ao cambio climático, ademais dun 65% dos obxectivos de desenvolvemento sustentable propostos por Nacións Unidas. Neste sentido, o Comité recomenda que o futuro Pacto Verde Europeo garanta que as transicións sexan xustas e participativas, e que asocien de forma colaborativa a todos os axentes implicados sen deixar a ningún atrás.

Finalmente, o CdR incide na necesidade de crear un novo fondo de transición xusta dirixido ás rexións carboníferas, que consista en recursos adicionais que se engadan aos fondos da política europea de cohesión, así como que se destine un 30% do marco financeiro plurianual 2021-2027 a accións en favor do clima e a biodiversidade, eliminando progresivamente as subvencións aos combustibles fósiles.

Declaración conxunta da delegación española no Comité Europeo das Rexións
Ante a ameaza que supoñen os novos aranceis aplicados por Estados Unidos sobre os produtos agroalimentarios españois, Galicia participou nunha petición común da delegación española no CdR para defender estes produtos comercializados en EE.UU. e solicitar ao mesmo tempo á Comisión unhas medidas de mitigación que palíen os efectos negativos dos aranceis estadounidenses sobre os sectores agrícolas e agroalimentarios europeos máis afectados. O goberno galego quixo incluír os ‘moluscos’ na lista de produtos nacionais cuxo mercado se verá seriamente danado polos aranceis da administración estadounidense. Esta posición común das comunidades autónomas incluirase nun ditame do CdR sobre a aplicación de acordos de libre comercio, o cal se debaterá no pleno de maio de 2020.

Acto de celebración do 25º aniversario do Comité Europeo das Rexións
Tras o pleno tivo lugar un acto de celebración polos 25 anos de vida do Comité Europeo das Rexións, que abriuse cun discurso inicial do presidente Lambertz e continuou cunha degustación gastronómica de produtos de 16 rexións da UE. Galicia foi unha das dúas comunidades autónomas que tivo un posto na mostra gastronómica do CdR. Nel, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e o equipo da Fundación Galicia Europa deron a benvida e atenderon aos case 500 invitados ao evento.

O Comité Europeo das Rexións
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.

Imaxes relacionadas


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante