Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

14/11/2019

Galicia defende a posibilidade de que a Comisión Europea destine os fondos de pesca non empregados a axudas para minorar o impacto do brexit

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, intervindo na Asemblea Xeral da Comisión do Arco Atlántico da CPMR.jpg
  • A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na sesión extraordinaria sobre o brexit e a pesca celebrada no marco da asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico.
  • Quintana lembrou que a comunidade autónoma galega aposta por un acordo a longo prazo que vele pola sustentabilidade da pesca, que estea ligado ao acceso mutuo ao recurso, ás zonas pesqueiras e ao mercado.
  • A titular de Mar debullou a folla de ruta trazada por Galicia na defensa da pesca ante o brexit que inclúe diversos informes para avaliar as consecuencias sociais e económicas deste proceso neste ámbito e a busca de aliados para a defensa de intereses comúns, entre outras accións.
Porto (Portugal), 14 de novembro de 2019. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na sesión extraordinaria sobre o brexit e a pesca celebrada no marco da asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico que se está a desenvolver en Porto. Alí a titular de Mar fixo fincapé nas aportacións de Galicia á Declaración política sobre o brexit e a pesca aprobada neste encontro. Unha das fundamentais, explicou, é a petición de que a Comisión Europea analice a posibilidade de destinar a parte do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca non empregada en anos previos a axudas para minorar o impacto do brexit.

A segunda das aportacións fundamentais de Galicia a esta declaración política é a petición de que a Unión Europea e o Reino Unido traballen conxuntamente para protexer e desenvolver a cooperación existente entre as rexións da UE e as zonas atlánticas do Reino Unido, os territorios británicos de ultramar e terceiros países. Con estas propostas, explicou a conselleira, «buscamos afrontar con éxito as oportunidades do brexit e que as nosas posicións saian reforzadas». Estas mensaxes debatéronse e definíronse na reunión do grupo operativo brexit da Comisión do Arco Atlántico celebrada a semana pasada na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas.

Ademais a titular de Mar puxo de relevo a importancia socioeconómica da pesca en Galicia e lembrou que neste eido o brexit afecta a unha frota de máis de 130 buques e 1.700 tripulantes e a un negocio potencial de 250 millóns de euros só en primeira venda. Por iso, sinalou, «Galicia aposta por un acordo a longo prazo que vele pola sustentabilidade da pesca, que estea ligado ao acceso mutuo ao recurso, ás zonas pesqueiras e ao mercado e que permita preservar unha distribución axeitada dos Totais Admisibles de Captura e das cotas». Un acordo, engadiu, «que proporcione un marco de xestión que garanta o equilibrio das nosas poboacións pesqueiras».

En aras desa defensa, explicou a titular de Mar, Galicia trazou unha folla de ruta, un traballo que «consistiu en anticiparse e adoptar as medidas necesarias para converter o brexit nunha oportunidade co obxectivo de que a internacionalización do tecido empresarial continúe crecendo como ata o de agora».

Folla de ruta de Galicia
Galicia foi a primeira rexión europea en trazar unha folla de ruta co obxectivo de minimizar o impacto do brexit sobre os intereses pesqueiros. No ano 2016 a Xunta encargou ao Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, da Universidade da Coruña un informe no que analizou as consecuencias do brexit para a pesca galega.

A este sumouse o realizado pola Universidade de Santiago de Compostela tamén por encargo da Xunta para analizar aspectos económicos como o posible impacto por cese da pesqueira e de acceso ás augas, principalmente dos buques que faenan en augas británicas e malvinas. Tamén se suma, expuxo Rosa Quintana, un segundo informe Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga sobre as posibilidades para conformar o acordo de pesca co Reino Unido.

Rosa Quintana lembrou que Galicia tamén está a aproveitar diferentes oportunidades para buscar rexións e estados membros aliados na defensa de intereses comúns. Froito desta busca xorden traballos en común coa Alianza Pesqueira Europea, dos que o primeiro foi a declaración de Santiago a favor de que a pesca teña un papel prioritario nas negociacións do brexit e que foi rubricada por máis de 60 comunidades costeiras.

Ademais a Xunta creou un grupo de traballo interdepartamental sobre os efectos económicos do brexit na comunidade autónoma galega e sobre posibles medidas de minoración e propuxo ao Goberno central adoptar as medidas necesarias para que, ante a posibilidade dun brexit duro, os barcos de bandeira británica e capital galego que faenan no Gran Sol poidan seguir operando con normalidade en portos de Galicia.

A maiores a conselleira lembrou o labor de Galicia con outras rexións. Por exemplo na conferencia de rexións periféricas marítimas de Cardiff, á que asistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; no grupo de traballo que coordina Galicia sobre o brexit dentro da Comisión do Arco Atlántico e no memorando de entendemento subscrito con Gales.

Comisión do Arco Atlántico
A Comisión Arco Atlántico creouse en 1989 en Faro (Algarve, Portugal) e está integrada por rexións de cinco Estados (Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal). A cooperación destas rexións tradúcese en grupos de traballo sobre temas como os transportes, a pesca e a investigación mariña e marítima, entre outros; proxectos ao servizo dos cidadáns e os territorios e a colaboración con outras entidades como as Cámaras agrarias, os círculos socio-profesionais e as universidades. Ademais ten como obxectivo a defensa dos intereses rexionais ante as instancias comunitarias e os Estados membros, a través da participación activa nas consultas sobre as políticas europeas e da elaboración de documentos estratéxicos, entre outras funcións.

Fonte: Xunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante