Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

14/11/2019

A Xunta apoia en Bruxelas que o respecto á lei e ao Estado de Dereito estea no centro das futuras decisións da UE

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE na 25ª reunión da Comisión CIVEX.jpg Ver máis...
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu á 25ª sesión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo e das Rexións (CdR).
  • O representante galego tamén participou en dous debates sobre a situación actual do proceso de ampliación da UE e sobre a participación dos entes rexionais e locais europeos na Asociación Oriental.
Bruxelas, 14 de novembro de 2019. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, asistiu en Bruxelas a unha nova reunión da Comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións (CdR). Nesta 25ª reunión da comisión de traballo abordáronse asuntos clave na actual axenda europea. En concreto, debatéronse tres proxectos de ditames entre os membros do CdR: un ditame sobre o reforzo do Estado de Dereito na Unión, tendo en conta o rol importante que poden desempeñar os entes rexionais e locais nese fin; outro sobre o paquete de ampliación da UE para o ano 2019, e un terceiro sobre a contribución das rexións e das cidades da UE ao desenvolvemento dos países africanos.

No marco do Estado de Dereito, a Xunta puxo de manifesto a súa vontade de que os Estados membros e a UE non se desvíen dos principios fundacionais da Unión, como o respecto ao Estado de Dereito e ao imperio da lei, aos dereitos fundamentais e ás liberdades dos cidadáns, ao pluralismo dos medios de comunicación ou á separación de poderes.

Pese a que o respecto do Estado de Dereito corresponde en primeira instancia a cada Estado membro individualmente, é unha responsabilidade compartida entre estes países e a UE. A sociedade civil europea e os entes locais e rexionais como o Goberno galego, que constitúen un nivel fundamental de lexitimación democrática, tamén teñen un papel importante neste proceso.

Ante as ameazas do contexto actual, a defensa do Estado de Dereito na UE inclúe hoxe en día aspectos como a loita contra a desinformación, os ciberataques, a precaución ante o monopolio dos medios de comunicación por grandes grupos económicos privados, así como a loita contra a corrupción ou o uso correcto e transparente dos fondos comunitarios. Neste sentido, o Comité Europeo das Rexións convida a considerar a condicionalidade dos fondos como unha solución que só deba utilizarse en casos de violacións graves e sistémicas. Nesta liña, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, rexeitou que as rexións e cidades europeas poidan ser penalizadas por esta razón, se non tiveron nada que ver nun proceso aberto pola Unión Europea.

Debates sobre o proceso de ampliación da UE en 2019 e sobre a Asociación Oriental
Tamén se celebraron outros dous debates desde a perspectiva local e rexional do Comité Europeo das Rexións. O primeiro versou sobre o paquete de ampliación da UE en 2019, en concreto no estado das negociacións entre a Unión e os países candidatos (Albania, Montenegro, Macedonia do Norte, Serbia e Turquía), nun informe sobre Kosovo e na solicitude de adhesión de Bosnia e Herzegovina. A actual Comisión presidida por Jean-Claude Juncker xa anunciou que non habería novos países membros da UE durante o seu mandato, posto que ningún socio estará plenamente preparado antes do fin de 2019.
A día de hoxe hai sete países involucrados no proceso de adhesión á Unión Europa, o cal consta de tres fases: a de candidato potencial, a de candidato oficial e a de negociacións de adhesión. Na fase inicial atópanse actualmente Bosnia e Herzegovina e Kosovo, tras solicitar a súa adhesión no 2016.

Na segunda etapa como candidatos oficiais figuran Macedonia do Norte e Albania, desde os anos 2005 e 2014, respectivamente, pese a que aínda non se iniciaron as negociacións de adhesión. Tras acometer reformas nas súas economías, políticas e sistemas xurídicos para así garantir o Estado de Dereito que marca a UE como principal criterio de adhesión, a decisión de iniciar as negociacións de adhesión cos dous países balcánicos está en mans do Consello tras a resposta afirmativa da Comisión Europea.

Na última etapa de negociacións de adhesión están Turquía, Montenegro e Serbia, cuxas negociacións se iniciaron en 2005, 2012 e 2014, respectivamente. Porén, as negociacións están agora mesmo paralizadas no caso turco ante a drástica degradación do Estado de Dereito no país, en particular, a raíz do intento de golpe de estado de xullo de 2016.
O segundo debate abordou a posición do CdR na Asociación Oriental (EAP), unha asociación política e económica iniciada en 2009 que estreita as relacións con seis países veciños da UE (Armenia, Azerbaián, Bielorrusia, Xeorxia, Moldavia e Ucraína), e na que o Comité ten un rol clave a través da Conferencia de Entes Rexionais e Locais da Asociación Oriental (CORLEAP).

Durante este debate, os líderes rexionais europeos discutiron a pertinencia de apoiar unha maior reforma da descentralización nos países da Asociación Oriental, para así fomentar a maior participación dos seus entes locais e rexionais no establecemento e cumprimento dos seus obxectivos. Ademais discutiuse sobre o intercambio de experiencias e a asistencia de expertos da UE aos países da Asociación Oriental para mellorar a xestión estratéxica dos orzamentos locais, sobre a utilidade das iniciativas de cooperación transfronteiriza para alcanzar obxectivos compartidos entre a UE e a EAP ou sobre a ampliación do marco xurídico que regula a propia Asociación Oriental.

A Comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións
No actual mandato 2015-2020, Galicia participa na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR), a cal aborda temas como a ampliación da UE, a axenda migratoria ou a relación cos países veciños da UE. O CdR é a asemblea consultiva na que está representada Galicia como comunidade autónoma xunto aos demais entes locais e rexionais da UE.

Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante