Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

13/11/2019

Galicia apoia o reforzo da cooperación transfronteiriza en materia de asistencia sanitaria nos Estados membros da UE

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, durante a última reunión do ano da Comisión NAT.jpg
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, debateu este asunto xunto a outros líderes rexionais europeos na última cita do ano da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR).
  • O representante galego tamén participou nunha reunión sectorial sobre a innovación forestal rexional na UE organizado pola propia Comisión NAT.
Bruxelas, 13 de novembro de 2019. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu durante as xornadas de hoxe e onte a unha reunión da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR), e a unha reunión sectorial sobre a innovación forestal nas rexións da UE organizada pola mesma comisión de traballo do organismo europeo.

Nesta última cita do ano da Comisión NAT tiveron lugar varias discusións: un debate sobre o uso de recursos naturais na zona insular mediterránea, outro sobre a necesidade dunha nova política alimentaria europea que una a produción sostible de alimentos e o seu transporte; así como importantes discusións, unha sobre a asistencia sanitaria nas rexións fronteirizas da UE e outra sobre a actuación da propia Unión á hora de protexer e preservar os bosques de Europa e o resto do mundo.

O debate principal versou sobre unha consulta aos membros do CdR a fin de analizar o funcionamento e financiamento da Directiva europea sobre asistencia sanitaria tranfronteiriza, a cal leva en vigor desde o ano 2013. Na discusión tamén participaron representantes da Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria (DG SANTE) da Comisión Europea e da Rede Europea de Autoridades Sanitarias Rexionais e Locais (Euregha).

Jesús Gamallo e os demais líderes rexionais e locais europeos transmitiron aos representantes da Comisión os puntos de vista e as experiencias pasadas dos entes territoriais en canto a asistencia sanitaria nas rexións transfronteirizas para discutir as posibles formas de mellora na aplicación da Directiva, e ao mesmo tempo, reforzar os dereitos daqueles doentes que buscan tratamento médico nun Estado europeo distinto ao seu país de orixe. Deste xeito, Galicia busca reforzar máis a cooperación en materia de asistencia sanitaria co norte de Portugal para o beneficio xeral da cidadanía que vive nas rexións fronteirizas.

No seguinte debate, os membros do CdR intercambiaron opinións en torno a un documento de traballo sobre como intensificar a actuación da UE para protexer e restaurar os bosques do mundo. Este texto parte dunha serie de recomendacións políticas da Comisión Europea, co obxectivo de difundir entre os Estados membros as medidas, proxectos e recursos empregados pola propia Comisión para protexer e restaurar os bosques, así como fomentar entre a cidadanía europea o consumo de produtos de cadeas de subministración libres de deforestación na Unión.

Reunión sectorial sobre a innovación forestal rexional na UE
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE tamén participou nunha reunión sectorial da Comisión NAT sobre a innovación forestal nas rexións da Unión, dada a relevancia deste sector estratéxico para a comunidade galega, e no marco da próxima actualización do Plan Forestal de Galicia que ten previsto acometer a Xunta.

Os bosques teñen cada vez máis importancia na formulación de políticas da Unión Europea pese a que o sector non pertence a unha das políticas comúns da UE, se non que segue sendo unha competencia nacional ou rexional. Os beneficios do sector forestal son amplos e van desde a preservación da biodiversidade; a saúde, o turismo ou a protección contra desastres naturais, ata o crecemento económico, a xeración de emprego e a fixación de poboación no rural. Así mesmo, os bosques desempeñan un papel clave en materia climática e na economía circular, contribuíndo decisivamente ao cumprimento do Acordo de París e aos logros dos obxectivos de desenvolvemento sustentable da ONU. En definitiva, como tercer maior empregador de Europa con preto de tres millóns e medio de postos de traballo, o sector forestal inflúe de maneira considerable na converxencia social e territorial europea.

Na actualidade, este sector enfronta serios desafíos como o impacto do cambio climático, a progresiva demanda de materias primas e a competencia dos mercados internacionais. Tras tomar plena consciencia da situación, o Comité Europeo das Rexións decidiu adoptar unha posición proactiva e aprobou nos últimos anos dous ditames referentes á estratexia forestal da Unión: un ditame en maio de 2018 sobre a revisión intermedia da estratexia forestal da UE, e outro en abril de 2019 relativo á aplicación desta estratexia forestal europea. Ambos avogan pola preservación dos bosques como peza fundamental para o desenvolvemento da bioeconomía e a biodiversidade en Europa, ademais de contribuír ao desenvolvemento das zonas rurais, a prevención da deforestación ou o mantemento do medio ambiente.

Galicia colaborou nos dous ditames presentando varias emendas que foron incorporadas aos textos finais, e que incidían na necesidade de involucrar ás comunidades rurais na aplicación das medidas da UE e na xeración de rendas para así poder paliar os procesos de despoboamento que sufre o rural. Por iso, o director xeral defendeu durante esta reunión da Comisión NAT os intereses do sector forestal galego, dada a gran importancia económica e social que ten o mesmo tanto nivel autonómico como a nivel nacional e europeo.

Cun 10% da superficie forestal nacional, e en torno ao 2,5% do monte arborizado da UE, Galicia é actualmente a novena potencia forestal europea, liderando ademais o sector no ámbito nacional, xa que o 50% da madeira que se corta en España procede dos montes galegos.

A Comisión NAT do Comité Europeo das Rexións
Neste mandato, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións. A Comisión NAT ocúpase de temas como a política agrícola común (PAC), o desenvolvemento rural, a silvicultura, a produción alimenticia, a política pesqueira común (PPC) ou a política de asuntos marítimos.

O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que está representada Galicia como comunidade autónoma xunto aos demais entes locais e rexionais da UE.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante