Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

25/06/2019

A Xunta expón en Bruxelas a súa xestión do Pacto dos Alcaldes tras ser escollida como exemplo de boas prácticas nesta materia

Cruz Ferreira defendendo no CdR a labor coordinadora de Galicia no marco do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía.jpg Ver máis...
  • A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, representou a Galicia nun encontro que reuniu a representantes políticos das rexións europeas implicadas no pacto, o maior movemento mundial creado para unir forzas e buscar sinerxías entre administracións en materia de clima e enerxía.
  • Cruz Ferreira subliñou que son 116 os municipios que se sumaron á iniciativa, e outros 23 os que están en trámites de adhesión, desde a posta en marcha da oficina técnica que coordina a iniciativa en Galicia e brinda apoio e asesoramento aos interesados.
  • O obxectivo do Goberno autonómico é que o próximo ano o 90% dos concellos da comunidade estean adheridos, xa que a implicación das administracións locais resultará clave para poder acadar a neutralidade climática antes de 2050. 
Bruxelas, 25 de xuño de 2019. A Xunta de Galicia participou hoxe no Comité Europeo das Rexións en Bruxelas nun encontro de traballo de alto nivel entre as principais rexións europeas implicadas no chamado Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, o maior movemento mundial impulsado para unir forzas e buscar sinerxías entre as diferentes administracións competentes co obxectivo común de combater o cambio climático.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, foi a encargada de representar a Galicia na reunión que baixo o título ”Rexións europeas para o diálogo sobre o clima e a enerxía multinivel”, abriu un debate construtivo entre representantes políticos de toda Europa arredor do cambio climático e a transición enerxética, partindo da súa propia experiencia como coordinadora do pacto. Durante a xuntanza, os participantes puideron coñecer algunhas das mellores prácticas xurdidas baixo o paraugas do Pacto de Alcaldes co fin de demostrar o poder que ten a gobernanza multinivel á hora de impulsar accións efectivas en materia de clima e enerxía.

Precisamente este mesmo ano os estados membros decidiron comezar a implementar o regulamento de gobernanza multinivel, establecendo as bases para programar a longo prazo as políticas para avanzar cara á neutralidade climática da man das autoridades locais e das rexionais implicadas no proceso.

Cómpre lembrar que a Xunta tomou a decisión de participar directamente no Pacto dos Alcaldes a finais de 2017, asumindo o papel de coordinadora na comunidade das iniciativas que se leven a cabo para acadar os obxectivos da UE nesta materia. Neste sentido, Ferreira Costa incidiu na boa acollida que está a ter o movemento en Galicia, sobre todo desde a posta en marcha da Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes, constituída o ano pasado e activa desde o pasado mes de xaneiro.

Así o demostra o feito de que na actualidade sexan xa 116 os concellos adheridos e 23 os que están en trámite de adhesión, unha cifra que avanza a bo ritmo e que sitúa a Galicia máis preto do obxectivo final de que o ano que vén o 90% dos municipios galegos estean xa plenamente integrados no Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía.

No conxunto de Europa hai xa 9.664 municipios adheridos ao Pacto dos Alcaldes pertencentes a 59 países, mentres que no caso de España, son preto de 2.000 as entidades locais implicadas na iniciativa.

A Xunta traballa como coordinadora do pacto desde a convicción de que os retos globais do cambio climático deben afrontarse desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa "pensar global, actuar local". Así, a directora xeral defendeu en Bruxelas o potencial do municipalismo galego para combater o cambio climático e contribuír a dar resposta aos obxectivos fixados por Europa para 2030, que se resumen nun 27% menos de consumo enerxético, un 40% menos de emisións de CO2 e un 27% máis de enerxías renovables.

Nese sentido, engadiu que a implicación dos concellos é «determinante» no proceso de transición enerxética e na loita contra este fenómeno, dada a súa maior proximidade á cidadanía, polo que lembrou que o reto do Goberno autonómico desde o momento en que asumiu a responsabilidade e o papel de coordinadora do movemento en Galicia, é lograr a adhesión ao pacto da práctica totalidade dos 313 concellos da comunidade.

En todo caso, a Xunta quere ir máis alá e a través da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía, que se aprobará este verán, define o marco de actuación a medio e longo prazo co obxectivo de converter a Galicia nunha rexión climáticamente neutra en carbono antes do ano 2050. Este horizonte equipara á comunidade con outras nacións punteiras na loita contra o cambio climático, como é o caso de Suecia, Francia, Costa Rica ou Nova Zelanda.

Funcións da Oficina Técnica
A Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes foi activada pola Xunta a comezos deste ano para actuar como interlocutor directo cos concellos e servir de instrumento de apoio ás entidades locais para que coñezan o marco regulador, lexislativo e económico vixente, reciban asesoramento individual para aumentar a súa resiliencia ante o cambio climático e detecten posibles sinerxías con outros concellos. Desde que empezou a traballar, a oficina mantivo xa 100 reunións de traballo con municipios adheridos, que servirán de base para a elaboración dun inventario de emisións e avaliar a súa vulnerabilidade a nivel local.

As principais funcións desta entidade consisten en asesorar a todos os concellos, axudándolles a elaborar o seu propio Plan de Acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) para o cumprimento dos compromisos fixados pola UE de aquí a 2030 ou o seu Plan de adaptación; e a creación de redes entre concellos con similitudes xeográficas, co fin de poñer en marcha accións en común como vía eficaz para afrontar grandes retos globais, optar a apoios e financiamento e acadar metas que serían inalcanzables doutro modo.

Ao mesmo tempo, esta oficina tamén é a que canaliza, desde o momento en que o pleno municipal aproba a adhesión, o propio trámite para unirse ao pacto, cubrindo o formulario a través da web da UE, e encargándose dos posteriores traballos de carácter administrativo.

Participación da Fundación Galicia Europa
Durante a súa visita ao Comité Europeo das Rexións en Bruxelas, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, foi asesorada en todo momento polos membros da oficina da Fundación Galicia Europa destinados na capital europea.

Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante