Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

27/02/2019

A Xunta liderará un proxecto de pesca e acuicultura en Libia no marco da Iniciativa de Nicosia do Comité Europeo das Rexións

Jesús Gamallo participou na xuntanza da comisión CIVEX do Comité das Rexións.jpg
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do CdR

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2019. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Sevilla nunha xuntanza da comisión CIVEX do Comité das Rexións para coordinar o apoio a Libia en ámbitos considerados esenciais para as súas administracións rexionais e locais a través da cooperación das rexións e cidades europeas, que demostraron que dispoñen da experiencia política, capacidade institucional e capacidades técnicas necesarias para axudar aos seus homólogos libios.

A cooperación da UE en Libia, e en particular a que o Comité Europeo das Rexións está a impulsar a través das rexións e cidades que o integran, é unha resposta á desestruturación política, á convulsión social e á inseguridade que padece Libia desde 2011, que erosionaron os seus servizos públicos, mantido ás súas institucións illadas internacionalmente e transformado ao país nunha das principais rutas de tránsito de migrantes cara a Europa. Aínda que a crise afectou á saúde, á educación, aos medios de vida e ás perspectivas dos cidadáns de Libia, numerosos entes rexionais e locais conseguiron manter servizos básicos e moitos gozan dun mandato electoral continuado e dunha sólida lexitimidade popular. Ao longo da crise, son precisamente as cidades e as rexións libias as que achegaron una certa estabilidade ás súas poboacións.

En liña con este obxectivo da UE, o Comité Europeo das Rexións (CdR), a través da denominada Iniciativa de Nicosia, desenvolve con varias rexións e cidades libias unha estreita relación política, que se ve reflectida, cada vez máis, a nivel práctico. Esta relación ten o triplo obxectivo de contribuír a mellorar os servizos públicos en Libia, elevar as condicións de vida dos seus cidadáns e axudar aos seus entes rexionais e locais a acceder á comunidade internacional. A iniciativa é tamén unha contribución á estabilización de Libia, nun momento en que a axitación política e a inseguridade terminaron dificultando a cooperación co país. Esta iniciativa do Comité das Rexións ten o apoio político e financeiro do Servizo Europeo de Acción Exterior e da DG NEAR (Dirección Xeral de Política de Veciñanza e Negociacións de Ampliación) da Comisión Europea, a través do Instrumento para a Administración Pública da UE para Libia.

Diversas rexións e cidades da UE xa proporcionan apoio a Libia. A Rexión de Murcia está a desenvolver unha iniciativa sobre a Xestión da auga, a portuguesa de Vila Real, sobre atención sanitaria primaria, ou a belga de Amberes sobre xestión de residuos.

No marco as reunións do Comité Europeo das Rexións da comisión CIVEX, hoxe tivo lugar en Sevilla unha reunión da Iniciativa de Nicosia co obxectivo de identificar posibles áreas de cooperación conxunta coas entidades libias, definir o tipo de apoio que se pode realizar (experiencia, formación, loxística, financeira, etc.), ou o intercambio de representantes rexionais ou locais co fin de identificar ámbitos comúns de colaboración.

Na xuntanza de Sevilla tamén participaron representantes da Asemblea Rexional e Local Euromediterránea (ARLEM), unha asemblea de representantes locais e rexionais da Unión Europea e os seus socios do Mediterráneo. O Comité Europeo das Rexións e as asociacións territoriais que actúan neste contexto crearon a ARLEM en 2010 para permitir aos representantes elixidos por sufraxio das tres beiras do Mar Mediterráneo representar politicamente aos seus entes locais e rexionais. As rexións e cidades que integran ARLEM e a Iniciativa de Nicosia propuxeron que Galicia lidere un proxecto de pesca e acuicultura que facilite a transmisión de coñecementos e de experiencias nos distintos aspectos desta actividade.

Ademais, grazas á nosa solvencia en materia pesqueira, a proposta entróncase co noso liderado en diversos ditames do CdR nos ámbitos da acuicultura e de cooperación ao desenvolvemento, dos que que a Xunta participou como relatora. Unha primeira actividade a levar a cabo este ano,podería ser a visita dunha delegación de representantes libios a Galicia para unha primeira toma de contacto e exploración de posibles vías de colaboración.

Na reunión de Sevilla participaron responsables políticos libios, representantes locais e rexionais europeos, membros do Comité Europeo das Rexións e de institucións europeas. A reunión foi inaugurada hoxe pola mañá polo presidente da Junta de Andalucía, Juan Manuel Moreno Bonilla.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante