Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

19/12/2018

Europa atende a demanda da Xunta e compromete unha partida de dous millóns de euros para investigación sobre o lindano

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe en Bruxelas un encontro con responsables da Dirección Xeral de Medio Ambiente.jpg
  • A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe en Bruxelas un encontro con responsables da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, aos que lles trasladou a necesidade de incorporar este asunto canto antes á axenda política da UE
  • Mañá será a encargada de representar ao conxunto das comunidades españolas na reunión do Consello de Ministros de Medio Ambiente europeos
Bruxelas, 19 de decembro de 2018. A Unión Europea destinará unha partida de dous millóns de euros a financiar tarefas e proxectos de investigación relacionados coa contaminación por lindano. Así o avanzou esta mañá en Bruxelas a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen se felicitou por un compromiso que, subliñou, responde a unha petición realizada pola Xunta ás institucións comunitarias.

Tras manter unha reunión de traballo con Humberto Delgado Rosa, director de Capital Natural, e outros responsables do grupo de protección de solos da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, a conselleira explicou que para Galicia a problemática xurdida arredor do lindano, cun impacto non só ambiental senón socialmente moi importante, debe incorporarse canto antes á axenda política europea. Por este motivo, considerou fundamental o feito de que Europa se implique economicamente na súa investigación.

Concretamente, destinarase unha partida de 600.000 euros a un proxecto piloto encomendado á Comisión Europea para elaborar un mapa de solucións e boas prácticas para a descontaminación de solos afectados polos residuos de lindano en toda Europa. Ademais, en resposta expresa á petición presentada por Galicia, o Parlamento europeo vén de aprobar un orzamento de 1,4 millóns de euros para outro proxecto piloto co fin de obter un inventario de solucións e medidas para descontaminar as zonas afectadas por este praguicida.

Tras amosar a súa confianza en que estes proxectos poidan ter efectos directos en Galicia e axuden a proseguir cos traballos xa iniciados desde a Xunta, Vázquez Mejuto explicou que durante o encontro, no que estivo acompañada por membros da Fundación Galicia Europa, tamén lle pediu aos representantes da CE que se “concreten” o antes posible os prazos e a forma de execución das partidas comprometidas para a descontaminación pola presenza de lindano.

Neste sentido, a responsable de Medio Ambiente lembrou que o Goberno galego leva moito tempo traballando neste problema desde a súa detección na comunidade. Así, subliñou que o seu departamento dirixiuse por carta ao Estado para solicitar a súa colaboración económica nas tarefas de descontaminación en O Porriño, e que a Xunta xa licitou por 0,5 millóns de euros o estudo sobre a zona máis afectada pola presenza deste praguicida, cuxa adxudicación está prevista para o primeiro trimestre do próximo ano.

Por outra banda, Vázquez Mejuto mantivo tamén unha reunión de traballo esta mañá con Beatriz Yordi, directora de European & International Carbon Markets na Dirección Xeral de Cambio Climático da CE e unha das principais responsables comunitarias en materia de gases de efecto invernadoiro.

Con ela, abordou o futuro reparto de dereitos de emisións e as fórmulas máis eficaces para camiñar cara a unha economía hipocarbónica na Unión Europea. Neste sentido, a conselleira avogou porque as futuras normas de asignación gratuíta de dereitos permitan impulsar a redución de emisións dos sectores afectados sen que se vexa afectada a súa competitividade.

En Galicia existen preto de 50 empresas no mercado do comercio de emisións, coas que a Xunta ten previsto organizar unha xornada de traballo durante o primeiro trimestre de 2019. Neste sentido, Beatriz Yordi comprometeuse coa conselleira a participar neste encontro xunto ao seu equipo, ao tempo que tamén lle avanzou que se creará un fondo dotado duns 9.000 millóns de euros nos próximos dez anos para que as empresas poidan optar a el con proxectos de innovación dirixidos a reducir as emisións.

Representación autonómica ante o Consello de Ministros

Ángeles Vázquez está en Bruxelas como membro da delegación española encabezada pola ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, que participará mañá no Consello de Ministros de Medio Ambiente da UE. A conselleira será a encargada de trasladar e defender o posicionamento común de todas as comunidades durante esta xuntanza, logo de meses de traballo conxunto no que Galicia asumiu o liderado das reunións preparatorias nas que se consensuou a postura respecto ante os diferentes asuntos a tratar.

Concretamente, os temas principais que figuran na orde do día serán as normas de emisións de CO2 de vehículos pesados, a proposta de regulamento sobre o programa de axudas LIFE, e a estratexia da Comisión Europea para alcanzar unha Europa climaticamente neutra no ano 2050.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante