Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

17/12/2018

Galicia defende en Bruxelas os intereses da frota galega ante a obriga europea de desembarque de capturas

A conselleira do Mar asiste ao Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, no que se negocian as posibilidades de pesca para 2019.jpg
  • Rosa Quintana fixo fincapé no compromiso acadado cando se aprobou a reforma da Política Común de Pesca que consiste en que este principio de descartes cero non impida a posibilidade de desenvolver a actividade pesqueira
  • En relación á pescada sur, Galicia avoga por que se poida aplicar xa o Plan plurianual de augas do Atlántico para mellorar a súa cota
Bruxelas, 17 de decembro de 2018. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe en Bruxelas, no transcurso das negociacións do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, a necesidade de ter en conta o desenvolvemento da actividade da frota en relación coa entrada en vigor da obriga de desembarque de capturas en xaneiro de 2019. Neste sentido, fixo fincapé no compromiso acadado cando se aprobou a reforma da Política Común de Pesca a través da que se establece esta obriga, que consiste en que esta obriga de descartes cero non impida a posibilidade de desenvolver a actividade pesqueira.

Nesta liña, a conselleira valorou que o comisario europeo de Pesca, Karmenu Vella, insistise neste compromiso, tanto no Consello de Ministros de Pesca da UE do mes de novembro como no que se está a celebrar, e subliñou a importancia de “conseguir que ningunha especie funcione como especie de estrangulamento e que a obriga de desembarque de capturas non imposibilitase o desenvolvemento da actividade pesqueira”. En relación a esta obriga, a conselleira lembrou que Galicia vén insistindo en que choca frontalmente co principio de estabilidade relativa a través do que se establecen os TAC e cotas de pesca, xa que é un principio, explicou, que se estableceu hai máis de trinta anos, cando non existía a obriga de desembarque de capturas.

Por iso Galicia defende unha maior flexibilidade entre especies e zonas ante a obriga de descartes cero e a creación dunha bolsa que poidan utilizar todos os Estados membros para evitar que as especies accesorias, é dicir, aquelas de escasa relevancia de captura, funcionen como especies de estrangulamento impedindo a actividade da frota. En canto a estas propostas e as que se están a facer no marco dos grupos de traballo do Consello de Ministros de Pesca da UE, Rosa Quintana, puxo de relevo o seu valor para “axudar entre todos a mellorar a xestión dos recursos, a respectar a obriga de descartes cero e a acadar no 2020 o Rendemento Máximo Sustentable para todas as especies”.

Pescada sur e cigala

Outro dos temas aos que se enfrontan nas negociacións España e Galicia, como representante das comunidades autónomas españolas en materia pesqueira, é o da pescada sur, capturada no Cantábrico. En relación a esta especie, para a que a Comisión Europea propón unha redución do 14%, Galicia propón que se poida aplicar xa o Plan plurianual de augas do Atlántico no que se establece a xestión da pesqueira en rangos, posto que xa hai un acordo político.

Deste xeito, explicou a titular de Mar, podería darse pé a un incremento do 3% das posibilidades de pesca desta especie en relación ao ano pasado, o que permitiría incrementar a biomasa do stock nun 41% e cumprir co compromiso de acadar o RMS para a pescada sur no ano 2019.

En relación á cigala, a titular de Mar explicou que Galicia defende que se revise a súa situación no Cantábrico, xa que o que se está comprobando co plan experimental desta especie para mellorar a aportación de datos é que “a súa situación é mellor que a que reflectían os datos que levaron ao peche desta pesqueira”.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante