Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

19/10/2018

A Xunta representa ás rexións europeas nunha reunión do Consello de Europa para tratar a cuestión das migracións

Jesús Gamallo na reunión do Centro Norte-Sur.jpg
  • O director xeral de relacións exteriores e da UE, Jesús Gamallo, actuou como voceiro do Comité Europeo das Rexións da UE na reunión do Centro Norte-Sur do Consello de Europa
  • Na súa intervención, Gamallo explicou o traballo desenvolvido polo Comité Europeo das rexións en materia migratoria e resaltou a importancia de seguir traballando no empoderamento das mulleres e contra a radicalización e extremismo dos mozos na rexión mediterránea 
Tunisia (Tunes), 19 de outubro de 2018. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou ao Comité Europeo das Rexións (CdR) ante o Comité Executivo do Centro Norte-Sur do Consello de Europa, onde resaltou a importancia e valor engadido da cooperación continuada entre ambas institucións. En concreto, Gamallo destacou a importancia de apostar polo empoderamento feminino e incidiu no rol esencial que xogan as autoridades subnacionais da rexión mediterránea á hora de abordar a radicalización e o extremismo violento entre os mozos. Temas nos que o CdR está a traballar a través da Asemblea Rexional e Local Euromediterránea – ARLEM- creada pola propia institución en 2010 para fomentar o diálogo político e a cooperación entre a UE, os países magrebís e Oriente Próximo.  

Para recalcar o importante papel das entidades locais e rexionais desempeñan no ámbito da cooperación internacional. o director xeral lembrou os tres ditames que na súa calidade de representante de Galicia no CdR se lle foron encomendados no ámbito da política de desenvolvemento da UE, en especial o relativo ao novo Consenso Europeo sobre Desenvolvemento, no que expresamente se recolle o interese do CdR de impulsar e coordinar a cooperación descentralizada dos entes locais e rexionais da UE cos entes locais e rexionais dos países veciños no marco de iniciativas específicas como foi o caso da Iniciatica Nicosia para Libia.

Jesús Gamallo aproveitou a súa intervención tamén para recalcar que, ademais do Centro Norte-Sur e ARLEM, o CdR colabora de maneira continuada co Congreso de Autoridades Locais e Rexionais do Consello de Europa; institución que, para fortalecer a democracia, reúne representantes de 200.000 poderes locais e rexionais. En referencia a esta cooperación, Gamallo sinalou a vontade do CdR de continuar con tan frutífera relación que vela pola aplicación da Carta Europea do Goberno Autónomo Local.

Por último, o director xeral quixo informar sobre a celebración da 6ª edición do Foro sobre asociacións locais e rexionais para o desenvolvemento sostible. O evento, organizado conxuntamente polo CdR e a Comisión Europea, terá lugar en Bruxelas os días 4 e 5 de febreiro.  

Durante a xuntanza, o Comité Executivo analizou os avances no programa de actividades do 2018, así coma a organización do Foro Lisboa 2018, que terá lugar os vindeiros 15 e 16 de novembro na capital portuguesa. Outro dos puntos a destacar na orde do día foi os nomeamentos aos Premio Norte-Sur 2018; distinción que se outorga dende 1995 a personalidades que destaquen polo seu compromiso coa promoción da solidaridade entre Norte e Sur. 

O Consello de Europa

O Consello de Europa é unha organización internacional, con sede en Estrasburgo, creada para promover a democracia e protexer os dereitos humanos e o estado de dereito en Europa. Trátase da principal organización do continente dedicada á defensa dos dereitos humanos. O Consello de Europa está composto por 47 Estados membros, entre os que se atopan os 28 membros da Unión Europea. Dende a súa creación, o Consello de Europa produciu máis de 200 tratados e convencións en diferentes áreas, tales como o Convenio sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica, e o Convenio contra a ciberdelincuencia. Tamén supervisa os progresos realizados polos Estados membros nestes ámbitos, e formula recomendacións a través de órganos de control especializados e independentes.

O Centro Norte-Sur do Consello de Europa

Creado en 1989, o Centro Europeo para a  Interdependencia Global e a Solidariedade do Consello de Europa, máis coñecido como o ”Centro Norte-Sur”, creouse en Lisboa co propósito de difundir os valores universais defendidos polo Consello de Europa - dereitos humanos, democracia e Estado de Dereito - máis aló do continente europeo. A misión do Centro Norte-Sur é  empoderar á sociedade civil, en particular aos mozos e as mulleres, a través do diálogo intercultural e a educación para a cidadanía global; fortalecendo a promoción do diálogo entre o Norte e o Sur e creando conciencia sobre a  interdependencia global. Está composto por 17 Estados europeos e 3 africanos (Marrocos, Cabo Verde e Tunes).  



© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante