Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

21/09/2018

A Xunta defende unha actuación conxunta da Unión Europea na abordaxe da cuestión migratoria

Jesús Gamallo na reunión da Comisión CIVEX en Grecia..jpg Ver máis...
  • O director xeral de relacións exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na 20ª reunión da Comisión CIVEX celebrada en Atenas xunto a Dimitris Avramopoulos, comisario europeo de Migración
  • Os líderes rexionais e locais analizaron os proxecto de ditames que se presentarán na sesión plenaria de outubro. Entre eles, o relativo ao Fondo de Asilo e Migración da Comisión Europea a partir de 2021
  • Os membros de CIVEX recalcaron a necesidade de redobrar esforzos para a integración dos migrantes e de involucrar aos entes rexionais e locais na busca de solucións aos retos de seguridade da UE

Atenas (Grecia), 21 de setembro de 2018. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na reunión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Asuntos Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións celebrada en Atenas en presenza do comisario de Migración, Dimitris Avramopoulos, e coa migración como principal tema de discusión.

No marco dos debates de orientación para definir os ditames que se presentarán na sesión plenaria de outubro, Gamallo destacou que a política migratoria ten que ser abordada de forma conxunta por toda a UE. As actuacións illadas neste asunto non só non contribúen a súa xestión racional, senón que son contraproducentes. O director xeral destacou ademais a importancia de situar a cooperación con terceiros países no centro da política migratoria da UE.

Así o recolle o borrador de ditame sobre o Fondo de Asilo e Migración que tamén resalta que, debido a constante evolución dos retos migratorios, a inversión nunha xestión eficiente e coordinada da migración, co apoio dos Estados membros e os seus entes rexionais e locais, é fundamental para alcanzar o obxectivo da Unión de construír un espazo de liberdade, seguridade e xustiza.

Ademais do debate sobre o futuro Fondo de Asilo e Migración, os líderes locais e rexionais intercambiaron opinións sobre a proposta da Comisión de fusionar os diferentes instrumentos de acción exterior existentes nun amplo instrumento de Veciñanza, Desenvolvemento e Cooperación Internacional, de cara a conseguir unha acción exterior máis coherente, e consensuaron tamén a súa opinión sobre o interese da Comisión de ampliar o número de Estados Membros, acción que consideran prioritaria. Na actualidade os países candidatos son Albania, Antiga República Iugoslava de Macedonia, Montenegro, Servia e Turquía e candidatos potenciais Bosnia e Hercegovina e Kosovo. O director xeral chamou a atención na reunión da especial situación da candidatura de Turquía, tanto polas últimas decisións adoptadas polo goberno turco, como pola situación de Chipre.

Na mesma liña, os membros de CIVEX debateron sobre a integración das persoas migrantes que, en última estancia, recae nos niveis rexionais e locais. Segundo concluíron, sectores como a saúde, o emprego, a vivenda ou a educación son algunhas das áreas nas que se deben redobrar esforzos e deseñar políticas e programas específicos que logren a creación de vínculos e espazos compartidos.

Maior implicación das rexións en materia de seguridade
Os líderes rexionais e locais abordaron igualmente os desafíos de seguridade coma o terrorismo e o extremismo violento, que deben abordarse de maneira efectiva para garantir que as persoas vivan nun espazo de liberdade e seguridade, como se describe na Axenda Europea de Seguridade.

Aínda que os Estados membros son os principais responsables da seguridade, as cidades e as rexións adoitan ser os primeiros niveis de gobernanza que se enfrontan ás crises e, como resultado, son lugares onde xorden problemas, pero onde tamén se poden atopar solucións polo que piden unha maior involucración.

A Comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións
Nese mandato, Galicia participa en dúas comisións do Comité das Rexións (CdR). Unha delas é a de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX), que traballa temáticas como asuntos exteriores e desenvolvemento sustentable.

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. 

Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante