Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

25/06/2018

Galicia asumirá no segundo semestre do ano a representación autonómica no Consello Europeo de Ministros de Medio Ambiente

Galicia asumirá no segundo semestre do ano a representación autonómica no Consello Europeo de Ministros de Medio Ambiente.jpg
  • O Goberno vasco, que exerce a función de coordinador na actualidade, daralle a testemuña á Xunta nun acto previsto en Bilbao o 28 de xuño
  • Galicia será a voz das comunidades españolas nos consellos de ministros da UE do próximo outono, onde defenderá unha postura común sobre os principais asuntos que marcarán a axenda europea en materia de medio ambiente
Bruxelas, 25 de xuño de 2018. Galicia asumirá durante o segundo semestre deste ano a representación das comunidades españolas no Consello de Ministros de Medio Ambiente da Unión Europea. A través da Consellería de Medio Ambiente, a Xunta tomará o relevo do Goberno vasco, que desde xaneiro asumiu o papel de representante e coordinador autonómico nas sesións do Consello e nos grupos de traballo de medio ambiente da UE.

O traspaso farase efectivo de forma oficial o próximo 28 de xuño, en Bilbao, nun acto durante o que a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, recibirá a testemuña da man da viceconselleira de Medio Ambiente vasca.

Durante a reunión, que estivo presidida pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, a conselleira de Medio Ambiente agradeceu a confianza do resto de comunidades ao depositar en Galicia a súa representación ante as institucións europeas nos vindeiros meses. Así, lembrou a importancia de que as institucións aposten de forma decidida polo medio ambiente e que Europa traballe en rede e cunha fronte común pola súa protección.

Está previsto que o Consello Europeo de Ministros de Medio Ambiente se reúna o 9 de outubro, en Luxemburgo, e o 20 de decembro, en Bruxelas, dúas citas nas que será Austria, país que asume a presidencia rotatoria da UE o vindeiro semestre, o país encargado de definir os principais temas a tratar.

O papel da Xunta será trasladar nestas reunións, en nome do conxunto das comunidades, unha postura forte, común e sólida sobre algúns dos grandes asuntos previstos para este período; entre eles, unha mobilidade e transporte máis sustentables, a estratexia de plásticos dun só uso e a posición da Unión Europea na próxima Conferencia das Partes sobre Cambio Climático (COP 24), que se celebrará en Katowice (Polonia) a finais de ano.

Último Consello Consultivo de Política Medioambiental

O pasado mércores, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, participou na sesión do Consello Consultivo de Política Medioambiental para Asuntos Comunitarios na que os representantes autonómicos e a ministra para a Transición Ecolóxica abordaron a súa postura común ante os principais asuntos a tratar no Consello de Ministros de Medio Ambiente da UE que se celebra mañá, 25 de xuño.

Nesta xuntanza preparatoria subliñouse con relación ás emisións dos turismos, a importancia de promover unha transición xusta cara a vehículos non contaminantes da man dos propios fabricantes do sector.

En canto á proposta de directiva relativa á calidade das augas para consumo humano, as comunidades españolas defenderán a participación dos departamentos de saúde pública autonómicos, e dunha representación de municipios e asociacións de abastecedores de auga á hora de establecer os requisitos de calidade deste tipo de recurso.

Así mesmo, e con respecto á economía circular, a delegación española defenderá no próximo Consello de Ministros de Medio Ambiente a necesidade de urxir á Comisión Europea a establecer criterios harmonizados para a clasificación de residuos e apostar pola innovación, o que fai necesario desenvolver máis indicadores de gasto en ecoinnovación.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante