Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

15/05/2018

Feijóo e Tajani avalían os principais retos da Unión Europea e da política comunitaria relevantes para Galicia como o corredor atlántico de mercadorías, a demografía e o brexit

O titular da Xunta reuniuse co presidente do Parlamento Europeo, a quen lle entregou un informe sobre as prioridades da rexión, co obxectivo principal de que as necesidades galegas se teñan en conta no deseño da Europa da vindeira década.jpg
  • O titular do Goberno galego traslada a plena disposición da Comunidade para colaborar e para sumar en todos os asuntos que afectan o futuro da UE
  • En relación á solicitude de incorporación da rede ferroviaria galega ao Corredor Atlántico de Mercadorías insiste en que “non ten sentido que os principais portos da fachada atlántica non teñan unha conectividade ferroviaria e non poidan evacuar as mercadorías a través do ferrocarril”
  • Despois de que esta década servise para a asimilación do problema demográfico, sostén que a vindeira ten que ser a de actuación e busca de solucións, cun compromiso real coas zonas máis envellecidas
  • Valora a sensibilidade do presidente do Parlamento Europeo, coñecedor do papel activo que Galicia está tendo para afrontar o brexit
  • Agradece ao presidente do Parlamento Europeo a súa deferencia, xenerosidade e sensibilidade á hora de escoitar e de comprometerse coas necesidades de Galicia, cos seus sectores e cos seus traballadores

Bruxelas, 15 de maio de 2018.- O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, analizou hoxe co presidente do Parlamento Europeo, Antonio Tajani, os principais retos da Unión Europea e da política comunitaria relevantes para Galicia como o Corredor Atlántico de Mercadorías, o avellentamento da poboación, as axudas da PAC e o brexit.

Nun escenario histórico importante, Feijóo trasladou a plena disposición da Comunidade para colaborar e para sumar en todos os asuntos que afectan o futuro da UE. Deste xeito, durante a xuntanza, entregoulle un informe sobre as prioridades da rexión no marco comunitario, co obxectivo principal de que as necesidades galegas se teñan en conta no deseño da Europa da vindeira década, sobre todo naqueles sectores clave para a nosa economía.

Ademais da necesidade de que a política comunitaria defenda os sectores máis estratéxicos da Comunidade como a agricultura, a pesca e o aproveitamento forestal, outro dos asuntos abordados por ambos os mandatarios foi a solicitude de incorporación da rede ferroviaria galega ao Corredor Atlántico de Mercadorías, apostando con firmeza por converter Ourense nun importante nó ferroviario como centro de entrada e saída a Europa dos trens procedentes dos principais portos galegos. Ademais de que o futuro fondo de financiamento neste ámbito estea dotado dun orzamento suficiente para apoiar os proxectos incluídos na rede secundaria, o que axudaría a evitar a conxestión e contaminación da rede principal.

O titular da Xunta recordou o apoio explícito do Goberno central, que trasladou esta cuestión fundamental á UE de forma prioritaria para España como Estado membro. E expresou o desexo de que esta petición se resolva de xeito satisfactorio, “xa que non ten sentido que os principais portos da fachada atlántica non teñan unha conectividade ferroviaria e non poidan evacuar as mercadorías a través do ferrocarril”, dixo.

En relación ao avellentamento demográfico, un reto común a toda Europa, ambos coincidiron en que despois de que esta década servise para a asimilación do problema, a vindeira ten que ser a de actuación e busca de solucións, cun compromiso real coas zonas máis envellecidas.

E, ao respecto dos orzamentos comunitarios 2021-2027, en proceso de debate, o presidente da Xunta transmitiu a Tajani o interese por que estes sexan coherentes coas prioridades económicas, sociais e territoriais que Europa fixou nos últimos anos e que para Galicia ten unha importancia capital.

En relación ao brexit, o responsable do Executivo autonómico incidiu en que dependendo de como se faga a xestión da saída do Reino Unido, a flota galega podería perder ata un terzo das capturas. E valorou a sensibilidade do presidente do Parlamento Europeo, coñecedor do papel activo que Galicia está tendo con este tema.

O titular da Xunta quixo agradecer ao presidente do Parlamento Europeo a súa deferencia, xenerosidade e sensibilidade á hora de escoitar e de comprometerse coas necesidades de Galicia, cos seus sectores e cos seus traballadores. A plena determinación por defender sempre os intereses dos europeos e, polo tanto, dos galegos.
 

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante