Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/04/2018

Galicia traballa en Bruxelas por mellorar a seguridade dos espazos públicos

Intervenci__n_de_Jes__s_Gamallo_na_Comisi__n_CIVEX.jpg
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión da Comisión de Gobernanza, Cidadanía e Asuntos Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións coa seguridade como centro do debate.

O intercambio de boas prácticas mediante o establecemento dun Foro de Profesionais e a futura posta en marcha dunha rede de Seguridade de Alto Risco foron algunhas das propostas apoiadas por Galicia.

Os representantes locais e rexionais tamén debateron sobre a importancia de impulsar os diálogos cidadáns para, tal e como apuntou Gamallo na súa intervención, conseguir a “Europa forte e unida que todos queremos”. 

Bruxelas, 11 de abril de 2018. A Comisión de Gobernanza, Cidadanía e Asuntos Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións aprobou na súa reunión celebrada hoxe o proxecto de ditame sobre o “Plan de acción para contribuír á protección dos espazos públicos”. Galicia, representada polo director de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, defendeu unha maior cooperación en materia de seguridade, apostando por a creación dun Foro de Profesionais e da posta en marcha dunha rede de Seguridade de Alto Risco, que funcione como plataforma de formación, para favorecer o intercambio de boas prácticas na loita contra o terrorismo. 

A mellora da cooperación entre os actores locais e o sector privado tamén foi discutida. Así, os membros do Comité mostráronse favorables á organización dun Foro de Operadores para fomentar as colaboracións público-privadas; involucrando a operadores coma os centros comerciais, organizadores de concertos, centros de deporte ou compañías de aluguer de coches. Neste contexto, a implicación das autoridades locais e rexionais reforzarase a través dunha reunión de alto nivel dedicada ao intercambio de boas prácticas na xestión dos espazos públicos. 

Estas medidas forman parte da Axenda de Seguridade Europea presentada polo executivo comunitario en resposta aos ataques terroristas que teñen como foco principal os espazos públicos con moita afluencia de persoas. Os representantes dos entes locais e rexionais celebraron o aumento do apoio financeiro por parte da Comisión con 18,5 millóns de euros destinados a proxectos transnacionais que melloren a protección dos espazos públicos e máis de 100 millóns de euros adicionais, procedentes do programa de Accións Urbanas Innovadoras, que se destinarán no 2018 a seguir apoiando as inversións feitas polas cidades en materia de  seguridade. 

Reflexionar sobre Europa 

A reunión tamén serviu para intercambiar opinións sobre “Reflexionar sobre Europa” un debate que pretende, mediante o impulso de consultas públicas, cambiar a percepción e aumentar o interese dos cidadás sobre o proxecto europeo. Os líderes locais e rexionais buscan, mediante consultas, en liña e persoais, e a organización de eventos, comprender como poñer en práctica a Europa que queren os cidadás e mellorar o funcionamento das institucións. 

Jesús Gamallo foi o primeiro en intervir neste debate, destacando a importancia de ter “unha Europa forte e unida” que non pode existir se é mal percibida polos cidadáns. Para resolver esta situación paradoxal Gamallo apuntou á necesidade de establecer un vínculo cos cidadás e utilizar ás cidades e rexións coma laboratorios de novas ideas, que escoiten de preto as prioridades da súa xente. “É a nosa misión como membros da Comisión de Gobernanza, Cidadanía e Asuntos Exteriores cambiar as percepcións negativas”, apuntou. 

Na mesma liña interveu o presidente da rexión de Murcia, Fernando López Miras, destacando a necesidade de, dende o nivel político, “explicar mellor” o que a Unión Europea fai polas rexións, municipios e persoas. 

No marco do proxecto “Reflexionar sobre Europa”, lanzado tras a publicación por parte da Comisión Europea do Libro Blanco sobre o Futuro de Europa, xa se organizaron máis de 130 diálogos cidadás, involucrando a 81 rexións e 114 municipios. 

A Comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexión

Neste mandato, Galicia participa en dúas comisións do Comité das Rexións (CdR). Unha delas é a de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX), que traballa en asuntos como asuntos exteriores e desenvolvemento sustentable. 

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. 


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante