Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

23/03/2018

Galicia considera irrenunciables os fondos europeos para consolidar unha PAC forte que sosteña un rural vivo e dinámico

Ángeles Vázquez na reunión con DG Agri.jpg
  • A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse co director xeral adxunto da Dirección Agri da Comisión Europea para trasladarlle a postura da nosa comunidade, que mantén a coherencia e coordinación coa do conxunto de España
  • Puxo tamén sobre a mesa a importancia de manter o número de agricultores e gandeiros, cuns niveis de renda dignos, así como de garantir a remuda xeracional nas explotacións e potenciar o papel da muller no agro
  • Lembrou que Galicia é a primeira potencia forestal española e a novena europea e que o seu Plan Forestal aposta por un modelo sustentable no que os montes se consolidan como o noso maior sumidoiro de carbono
  • Anunciou ademais, que a Xunta agarda ter antes do verán o visto bo da UE ao decreto de artesanía alimentaria, que aposta por vincular calidade e tradición nas producións do agro galego

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe en Bruxelas co director xeral adxunto da Dirección Agri da Comisión Europea, Rudolf Moegele. Ambos analizaron diferentes aspectos relacionados coa futura PAC máis alá do 2020 e a conselleira aproveitou o encontro para trasladar a posición de Galicia diante das negociacións para a revisión destas políticas, actualmente abertas no seo das institucións comunitarias, unha postura coordinada e coherente coa mantida por España como estado membro.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, defendeu unha vez máis a existencia dunha futura PAC ben dotada de orzamento, algo –dixo– fundamental para rexións como Galicia, nas que o sector primario en xeral e o agrogandeiro en particular teñen un peso moi relevante. Neste sentido, a titular de Medio Rural lembrou que a nosa comunidade lidera o sector leiteiro español e ocupa o noveno posto no ranking europeo neste eido. “Se por algo se distingue Galicia é porque segue sendo competitiva, a pesares das características do territorio”, declarou a responsable, en referencia ao minufundismo e sinalou que en 500.000 hectáreas hai 15 millóns de parcelas. “As características de Galicia distan moito doutras rexións”, indicou.

Galicia precisa estabilidade e considera que aínda existe marxe para manter o actual compromiso comunitario a prol do rural e por iso avoga por unha PAC que manteña os seus dous piares básicos: axudas directas e medidas de desenvolvemento rural, cunha prioridade clara polo primeiro. Neste sentido, Ángeles Vázquez sinalou que cada explotación recibe de media 5.800 euros, polo que estas achegas son “fundamentais” para manter unhas rendas dignas. Por iso, dende a nosa comunidade queremos que se respecte tamén a asignación actual para o conxunto de medidas, sen que esta aposta se vexa prexudicada, por exemplo, por circunstancias coma o Brexit, malia o impacto negativo que este poida ter nos orzamentos da UE.

Neste sentido, a conselleira do Medio Rural advertiu que a delegación galega acudiu á capital comunitaria a negociar, pero que, en todo caso, considera irrenunciable para a nosa comunidade esa dotación de fondos europeos, co fin de consolidar unha PAC forte, que sosteña un rural vivo e dinámico. En parecidos termos, Galicia reclama un maior peso da muller e o seu papel protagonista no deseño das futuras políticas comunitarias para o agro, tendo en conta que esta figura é esencial nunha sociedade como a galega, tradicionalmente matriarcal. De feito, o 57% dos solicitantes da PAC en Galicia son mulleres, cando esta porcentaxe a nivel estatal queda no 35%.

Ademais, no que atinxe ao eido forestal, Galicia quere poñer en valor a súa condición de primeira potencia forestal española e novena europea. Lembra que está finalizando a revisión do seu Plan Forestal, documento fundamental á hora de lograr un modelo de agricultura sustentable e de preservación do medio ambiente. De feito, este plan constata que os montes son o maior sumidoiro de carbono de Galicia e que fixaron máis de 93 millóns de toneladas de dióxido de carbono, prevéndose que cada ano se incremente esta cifra noutras seis toneladas.

Renda digna para os agricultores
A conselleira puxo tamén sobre a mesa a importancia de manter o número de agricultores e gandeiros, cuns niveis de renda dignos, así como de garantir a remuda xeracional nas explotacións e potenciar o papel da muller no agro. Todo isto sen esquecer o necesario coidado do medio ambiente, pero dando un paso máis alá na profesionalización dos produtores e as súas prácticas.

O fomento do benestar animal na produción de alimentos e a aposta por unha alimentación saudable e equilibrada, con programas dentro da PAC que sigan fomentando o consumo de produtos lácteos, froitas e verdura, son outros dos argumentos que esgrimiu a delegación galega nesta xuntanza de traballo.

Artesanía alimentaria
Neste encontro a conselleira trasladou tamén aos responsables comunitarios o contido do borrador de decreto sobre artesanía alimentaria que prepara o seu departamento e que recentemente foi avaliado, tamén, polo Consello Agrario Galego, no que están representadas as organizacións profesionais.

Ángeles Vázquez amosou a súa confianza en que a Comisión Europea dea o seu visto e prace a este texto antes do verán e sinalou que esta norma vai propiciar beneficios tanto para os agricultores e gandeiros como para os consumidores, xa que dará valor engadido ás producións agroalimentarias artesanais e, ao tempo, reforzará as súas garantías canto a calidade, orixe e trazabilidade. Trátase, dixo, de intensificar a aposta por vincular calidade e tradición nas producións do agro galego, con todas as garantías.

A conselleira explicou que o decreto contemplará tanto a artesanía alimentaria que desenvolven as grandes empresas como as pequenas, así como a que se realiza directamente desde as explotacións agrogandeiras e avanzou que o texto do borrador irá proximamente ao Consello da Xunta.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante