Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

21/03/2018

A Xunta defende en Bruxelas o mantemento dunha política de cohesión forte que garanta fondos para todas as rexións

Jesús Gamallo durante a súa intervención.jpg Ver máis...
  • Por vez primeira, as comunidades autónomas españolas adoptaron unha posición conxunta sobre o futuro da política rexional
  • Galicia, representada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, foi unha das tres comunidades autónomas encargada de presentar o documento no que se defende unha política de cohesión destinada a todas as rexións europeas

Bruxelas, 21 de marzo de 2018. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, recalcou hoxe en Bruxelas a necesidade de manter unha política de cohesión forte que garanta que se continúe investindo en todas as rexións e non soamente nas menos desenvolvidas.

Gamallo participou hoxe na presentación, no Comité Europeo das Rexións (CdR), da primeira posición conxunta das comunidades autónomas españolas sobre o futuro da política rexional, unha postura que foi coordinada pola Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Hacienda. Esta intervención produciuse coincidindo coas celebracións do 30 aniversario da Política de Cohesión, e no marco das actuais negociacións do novo presuposto europeo

Galicia, Asturias e Valencia foron as tres comunidades autónomas encargadas de presentar o documento no marco da Alianza pola Cohesión (#CohesionAlliance), unha iniciativa do CdR coa que se reivindica a necesidade dunha política de cohesión forte, efectiva e máis visible máis alá do 2020.

Nos últimos meses, as rexións de Alemaña, Polonia e Italia tamén presentaron as súas opinións sobre como debe ser a política rexional do futuro, da que dependen o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Fondo Social Europeo (FSE).

A posición conxunta
En primeiro lugar, Gamallo resaltou a importancia dos fondos estruturais investidos en Galicia, máis de 17.500 millóns de euros nas últimas tres décadas, e o seu impacto na rexión. Tras destacar o firme papel de Galicia como defensora da política de cohesión, pasou a citar os cambios desexados na mesma polo conxunto de rexións españolas.

A complexidade da súa xestión foi o primeiro punto citado, avogando por una xestión máis flexible e simplificada dos fondos. As rexións tamén se mostraron a favor dunha elección dos obxectivos e prioridades máis libre, para así poder adaptalas aos intereses específicos de cada territorio. Como resumiu Gamallo, para o próximo período, o principal desexo das comunidades é o de mellorar en claridade, seguridade xurídica e conseguir unha redución da carga administrativa.

Por último, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, quixo destacar a especial preocupación de Galicia polo cambio demográfico, insistindo na importancia que posúe a política de cohesión de cara a garantir a prestación de servizos públicos esenciais e o mantemento de infraestruturas de calidade nun contexto de declive poboacional.

Galicia como exemplo de boas prácticas
Jorge García Reig, Director Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Hacienda foi a persoa encargada de introducir a posición española xunto a Joan Calabuig, en representación da Comunidade Valenciana; Juan José Sota, por parte de Cantabria e o propio Gamallo, encargado de presentar os elementos da política de cohesión que, segundo o documento de posición acordado, deben ser revisados.

Na presentación de García Reig, que analizaba o impacto da política de cohesión en España, Galicia foi presentada como exemplo de boa xestión e execución dos fondos europeos. En particular, o representante ministerial referiuse aos avances realizados pola comunidade autónoma na dixitalización da sanidade e a educación. Así, citou a implantación da historia clínica electrónica e as aulas dixitais introducidos nos centros educativos de Galicia.

Pleno do Comité das Rexións
Como continuidade ao debate celebrado hoxe, os membros do Comité Europeo das Rexións, entre os que se atopa Jesús Gamallo en representación de Galicia, reuniranse este xoves e venres para celebrar a súa 128ª sesión plenaria.

Así, o xoves adoptarán ditames relacionados coa revisión intermedia do Fondo Social Europeo con vistas á preparación da proposta para o período posterior a 2020 e cos riscos que supón a falta de cohesión entre as rexións europeas. Ao día seguinte, debaterán sobre as expectativas dos entes locais e rexionais da UE respecto ao próximo marco orzamento plurianual, nun debate que introducirá o eurodiputado Jan Olbricht, despois de que o Parlamento Europeo aprobara a semana pasada unha resolución sobre este tema.

Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante