Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

22/02/2018

Galicia ratifica en Bruxelas a súa adhesión ao Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía e anima a todos os concellos galegos a sumarse

4217F_1519990188_image_gallery__1_.jpg Ver máis...
  • No encontro, a titular de Medio Ambiente destacou o nivel de desenvolvemento das enerxías renovables en Galicia, onde o consumo enerxético procede nun 38% de fontes renovables
  • A Oficina Técnica da Xunta que se encargará de coordinar e asesorar aos municipios sobre o Pacto de Alcaldes estará en marcha este ano
  • No encontro co comisario, o responsable comunitario de Cambio Climático animou a Galicia a utilizar fondos do Plan Juncker en programas de eficiencia enerxética que permitan loitar contra o cambio climático
  • A xornada en Bruxelas, organizada pola Fundación Galicia Europa, incluíu unha reunión de traballo co director xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Daniel Calleja, onde se destacou a necesidade de impulsar a estratexia de economía circular

Bruxelas, 22 de febreiro de 2018-. Galicia ratificou hoxe en Bruxelas o seu compromiso co chamado Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía coa sinatura por parte da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, do documento que recoñece á Xunta de forma oficial como coordinadora da iniciativa na comunidade.

Tras participar na cerimonia do décimo aniversario do Pacto de Alcaldes, a conselleira identificou a súa presenza en Bruxelas como unha mostra máis do “compromiso real” do Goberno galego na loita contra o cambio climático e fixo un chamamento a todos os concellos a sumarse a un pacto que, desde o ano 2008, agrupa a autoridades locais e rexionais co compromiso voluntario de aplicar nos seus territorios os obxectivos climáticos e enerxéticos marcados pola Unión Europea.

Esta aposta da Xunta na loita contra o cambio climático foi un dos temas principais da reunión que mantivo posteriormente a conselleira co comisario europeo de Acción polo Clima e Enerxía, Miguel Arias Cañete. Durante a xuntanza, Beatriz Mato, que estivo acompañada pola directora da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, trasladoulle a Cañete os avances na redacción da futura Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía, cuxo primeiro borrador estará dispoñible neste primeiro semestre, e incidiu tamén na importancia de implicar na mesma e na asunción dos seus obxectivos aos alcaldes, polo seu papel como “actores principais” na loita contra este fenómeno.

Como coordinadora do Pacto de Alcaldes, a responsable de Medio Ambiente lembrou que a Xunta fixouse como obxectivo para este ano a posta en marcha da Oficina Técnica encargada de asesorar ao municipalismo sobre a iniciativa e promover que aos 22 concellos adheridos na actualidade ao pacto se sumen de aquí a 2020 a práctica totalidade dos 313 municipios galegos. O investimento previsto pola Xunta para a súa creación e funcionamento ascende a un millón de euros nos próximos catros anos, 250.000 euros en cada exercicio.

Desde a súa posta en marcha no ano 2008, máis de 9.200 autoridades locais téñense sumado xa ao chamado Pacto de Alcaldes e traballan xuntas para lograr, entre outros obxectivos, que no ano 2020 os municipios que o integran reduzan as súas emisións de CO2 un promedio dun 40% e o consumo de enerxía nun 20%, ao tempo que incrementen a produción de renovables nun 27%.

Neste sentido, a conselleira destacou tamén os logros alcanzados por Galicia en materia de enerxías renovables e que a converten nunha das comunidades do país que “mellor se está a comportar”. Así, lembrou que fronte ao obxectivo que se marcou a UE para o ano 2020, en Galicia nestes momentos o 38% do consumo enerxético provén xa de fontes renovables, “case o dobre” do 20% fixado para os membros do Pacto de Alcaldes.

De feito, lembrou que a futura Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía tamén prestará unha atención especial á eficiencia enerxética e a seguir impulsando medidas que reforcen a posición actual de Galicia.

Nesta liña, Mato Otero felicitouse pola “aposta importante e real da UE” a través do chamado Plan Juncker, que establece dispoñibilidade financeira de fondos comunitarios para que tanto os Estados membros como tamén as comunidades como Galicia poidan canalizar os seus proxectos en materia de loita contra o cambio climático e eficiencia enerxética.

Por último, a responsable galega de Medio Ambiente trasladoulle ao comisario o pulo que desde Galicia se lle está a dar a outro tipo de iniciativas relacionadas co cambio climático como o Climate-Kit, unha rede público-privada para impulsar metodoloxías innovadoras neste eido na que a comunidade tamén participa, ou o Climathon, a xornada internacional que acolleu Galicia o pasado mes de outubro.

Pola súa banda, o comisario Miguel Arias Cañete felicitou a Galicia polo seu traballo na elaboración da Estratexia de Cambio Climático, ao ser unha das poucas comunidades en España que están marcando a súa propia folla de ruta nesta materia. Así mesmo, animou á comunidade a que utilice os fondos do Plan Juncker para establecer proxectos de transición e eficiencia enerxética, dado que o consumo de enerxía e a súa redución son claves na loita contra o cambio climático, un dos principais retos non só a UE senón de todo o planeta.

Economía circular
Xa pola tarde, Beatriz Mato tivo ocasión de reunirse co director xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Daniel Calleja, responsable das políticas de economía circular na UE que perseguen unha transición eficiente no uso dos recursos e baixa nos consumos de carbono.

Segundo indicou a conselleira, a economía circular “merece unha atención especial” cando se fala de medidas que inciden directamente no cambio climático. Por esta razón, destacou que Galicia forma parte, xunto con outras dúas comunidades e o propio Estado, do grupo de traballo que está a decidir a redacción dos programas para a implementación da economía circular nas comunidades e a posible redistribución dos fondos europeos para este tipo de políticas. “Teremos a oportunidade de coñecer como Galicia se pode beneficiar deses fondos para ser unha comunidade punteira en economía circular, que é o noso obxectivo”, resumiu.

Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante