Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

23/01/2018

Galicia representa en Bruxelas a voz das comunidades costeiras sobre o futuro do fondo de financiamento pesqueiro

4206F_1516706035_IMG_20180111_093341.jpg Ver máis...
  • A conselleira do Mar participou no primeiro debate sobre o ditame ”O FEMP máis aló de 2020 - Investir nas comunidades costeiras europeas”
  • Galicia representa en Bruxelas a voz das comunidades costeiras sobre o futuro do fondo de financiamento pesqueiro
  • A Xunta fixo fincapé na importancia da continuidade dun fondo específico para a estrutura marítimo-pesqueira que sexa acorde e coordinado coa normativa europea, e orientado a conseguir os obxectivos da Política Común de Pesca e da Política Marítima Integrada
  • Galicia defende o relevo xeracional, o apoio á organización, o mantemento da competitividade do sector transformador e a diversificación do sector nas zonas costeiras rurais como prioridades para o novo fondo
Bruxelas, 22 de xaneiro de 2018A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe en calidade de experta á presentación do documento de traballo previo ao ditame ”O Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro (FEMP) máis aló de 2020 - Investir nas comunidades costeiras europeas”, un labor que lidera Galicia por encargo da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR). 

Alí, a Xunta, a través do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, expuxo a importancia da continuidade dun fondo específico para a estrutura marítimo-pesqueira. Un fondo, defendeu Galicia, que sexa acorde e coordinado coa normativa europea, e orientado a conseguir os obxectivos da Política Común de Pesca e da Política Marítima Integrada. 

Ademais, a Xunta tamén fixo fincapé na necesidade dunha ferramenta financieira simplificada para facilitar a súa aplicación práctica por parte das administracións e pescadores, e adaptada á realidade e ás necesidades dos distintos sectores do mar. Para este futuro fondo, Galicia defende unha serie de prioridades, como a remuda xeracional, de xeito que poida apoiar a formación e a mellora da calidade de vida a bordo dos buques pesqueiros. 

Outras das prioridades de Galicia de cara ao futuro FEMP son a adecuación ao esforzo pesqueiro, o apoio á mellora da organización e o reforzo do espírito de colectividade dos bens comúns que hai no mar para mellorar a súa xestión e explotación. Tamén son liñas prioritarias o mantemento da competitividade do sector transformador e a diversificación económica do sector, especialmente en zonas costeiras rurais. 

Galicia tamén puxo de relevo a importancia de sumar as sinerxías que ofrecen outros fondos como o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER), o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) - debido ao carácter rural e periférico da maioría das zonas costeiras-  e o Fondo Social Europeo. 

En canto á aplicación do fondo, a Xunta cualificou o apoio público en forma de subvención como a mellor opción debido a que garante o control do destino e aplicación sobre algo concreto. Tamén porque xera efecto dinamizador directo sobre a economía, estimula as iniciativas en cuestións radicadas nos obxectivos da PCP, xera confianza e asegura a obtención de financiamento.

 Ademais, Galicia fixo fincapé na necesidade das axudas a empresas de alto volume de emprego ou facturación, aínda que sexa de forma parcial e en determinados eixos. Isto é debido a que a súa capacidade de impulso en materias como I+D+i ou mellora de estándares laborais pode perderse por falta de axudas. 

Un dos acontecementos que defendeu a Xunta que hai que ter en conta no futuro fondo financeiro é a saída de Reino Unido da UE, prevista para marzo de 2019 e que, no caso da pesca, podería afectar ao financiamento, aos dereitos de acceso ás augas británicas e aos seus mercados. Neste sentido, Galicia defende que o futuro FEMP leve unidos eses aspectos e que trate de corrixir os puntos débiles que poidan darse como consecuencia de preservar a unidade da Europa pesqueira. 

Próximos pasos

 Mañá a conselleira do Mar, Rosa Quintana, continuará a súa axenda en Bruxelas, onde se reunirá con axentes e membros de Parlamento Europeo para recoller as súas achegas ao debate sobre o FEMP máis aló de 2020. Posteriormente, debatirase un borrador do ditame na comisión NAT de 9 de marzo e adoptarase en sesión plenaria a mediados de maio. 


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante