Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

13/12/2017

Galicia e a CRPM instan a Juncker a consolidar o lugar central da política de cohesión na reforma da UE

Os representantes da CRPM na reunión con Juncker en Bruxelas. © CRPM
  • A Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) instou ao Presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, a consolidar o lugar da Política de Cohesión como a principal política de investimento estratéxico da UE para todas as rexións e cidadáns europeos despois de 2020
  • Esta iniciativa foi apoiada oficialmente pola Xunta de Galicia, que suscribiu unha carta a favor da política de cohesión xunto con 55 rexións europeas

Bruxelas, 13 de decembro de 2017. Nunha reunión en Bruxelas a semana pasada, unha delegación da CRPM composta por varios Presidentes das Rexións discutiu co presidente Juncker as súas propostas para unha Política de Cohesión modernizada no seo dunha Unión Europea fortalecida no futuro. Esta acción en defensa da cohesión atópase apoiada pola Xunta de Galicia

A CRPM pide á Comisión Europea que teña en conta as propostas da carta no seu próximo paquete lexislativo para o orzamento da UE despois de 2020, que se publicará en maio de 2018, así como no paquete lexislativo da política de cohesión.

A reunión tivo lugar un día despois da publicación da folla de ruta para a profundización da Unión Económica e Monetaria de Europa, que propón cambios significativos na forma en que os fondos da Política de Cohesión deben apoiar as reformas estruturais.

O presidente da CRPM, Vasco Cordeiro, subliñou que “esta produtiva reunión brindounos a oportunidade de transmitirlle ao presidente Juncker o crucial que é manter unha política de cohesión forte no futuro para abordar as disparidades económicas, sociais e territoriais en toda Europa. Por tanto, a política de cohesión debe integrarse nunha estratexia europea global a longo prazo para crear crecemento e emprego a partir de 2020. Non pode converterse nun mero instrumento para apoiar a implementación de reformas estruturais no futuro”.


Durante a reunión, os representantes da CRPM entregáronlle ao presidente Juncker unha carta aberta con cinco mensaxes fundamentais:

1) A política de cohesión debe seguir cubrindo todas as rexións e cidadáns europeos para o período posterior a 2020, á vez que persegue os obxectivos de cohesión económica, social e territorial. O mercado único necesita unha política de cohesión para funcionar eficazmente, e fomente a cooperación entre cidadáns, rexións e países.

2) O Fondo Social Europeo ( FSE) debe seguir sendo unha parte integral da política de cohesión para garantir que o renovado enfoque da UE na Europa social poida realizarse sobre o terreo. O FSE ten unha dimensión territorial esencial que reflicte ámbitos de competencias rexionais en toda Europa.

3) A política de cohesión necesita unha forte dotación financeira posterior a 2020 para que siga contribuíndo ao benestar público europeo a longo prazo, tal como está consagrado nos Tratados da UE. Desde a redución das disparidades rexionais e o equilibrio social e económico en tempos de crises, ata o fomento da solidariedade e a competitividade europeas, Europa necesita unha forte Política de Cohesión agora máis que nunca.

4) A política de cohesión non pode evolucionar para converterse nun instrumento da UE para incentivar aos Estados membros a levar a cabo reformas estructurais. A Política de Cohesión e o Semestre Europeo teñen diferentes prazos e procesos. Para que a política de cohesión conserve a súa ”razón de ser” como política de desenvolvemento territorial, a conciliación de ambas requiriría unha reforma substancial do Semestre Europeo.

5) Deben manterse os principios básicos da política de cohesión, como a xestión compartida, a asociación e a gobernanza multinivel. A confianza, o empoderamiento rexional e os procesos intelixentes para definir as prioridades de investimento a nivel rexional son fundamentais para mellorar o potencial da política e garantir o crecemento e o emprego para lograr un desenvolvemento sustentable na UE.

 

A Secretaría Xeral da CRPM publicou unha análise que revela o impacto dos recortes orzamentarios suxeridos nun documento interno da Comisión sobre unha base de país para a súa asignación da política de cohesión. A análise da CRPM tamén mostra as consecuencias financeiras de retirar o Fondo Social Europeo da política de cohesión para cada Estado membro. 


CRPM

A Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) é unha organización de rexións europeas creada co obxectivo de facer chegar os seus intereses ás institucións da UE. Galicia forma parte dela a través da Comisión do Arco Atlántico (CAA), onde desempeña un papel especialmente activo coordinando na actualidade un grupo de traballo sobre Brexit.


Documentos para descarga



© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante