Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

04/12/2017

Galicia participa na primeira reunión do Comité das Rexións co grupo Spinelli en prol dunha Unión Europea máis forte

Imaxe da primeira reunión do Grupo Spinelli co CdR, con Jesús Gamallo como invitado. © Fundación Galicia Europa Ver máis...

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, interveu en Bruxelas na primeira reunión con membros do CdR mantida polo Grupo Spinelli, unha iniciativa europeísta ao máximo nivel que promove o desenvolvemento da Unión Europea
  • O Grupo Spinelli decidiu sumar ao CdR nas súas propostas en prol dunha Europa máis forte que faga fronte aos seus máis inmediatos desafíos como o terrorismo, o populismo ou os nacionalismos desde unha perspectiva federal
  • Nesta sesión plenaria reflectiuse tamén sobre o afondamento da Unión Económica e Monetaria, nunha discusión na que participou o comisario de Asuntos Económicos e Financeiros, Pierre Moscovici

Bruxelas, 4 de decembro de 2017. Galicia vén de participar a semana pasada como representante do Comité Europeo das Rexións (CdR) na primeira reunión que membros deste Comité manteñen co Grupo Spinelli, unha iniciativa europeísta liderada polos eurodeputados Elmar Brok e Jo Leinen. A sesión tratou de como afrontar as eleccións ao Parlamento Europeo de 2019 para que sexan favorables aos intereses da UE, xa que Europa enfronta importantes desafíos como o terrorismo, os nacionalismos ou o Brexit. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, acudiu en representación da nosa comunidade, a única española presente, e xunto cos portavoces de tres grupos políticos do Comité. A reunión tivo lugar antes do pleno do CdR.

Gamallo subliñou que “as eleccións europeas de 2019 son esenciais para encarar os retos que supón o futuro de Europa. A ameaza terrorista, a ciberseguridade, as migracións ou o cambio climático só poden abordarse con éxito se logramos unha Europa más forte e unida”. Por iso, o director xeral recalcou que “é importante que os políticos se esforcen por construír un novo relato sobre Europa que consiga ilusionar aos cidadáns. Esta nova narrativa debe ter como eixo a defensa dos valores compartidos, como o respecto ao Estado de Dereito, á democracia, aos dereitos fundamentais e á dimensión social”. “Europa non debe ser percibida de forma afastada, sino como un espazo de oportunidades para as persoas”, concluíu.

Os líderes locais e rexionais debateron tamén na sesión plenaria sobre as consecuencias que a decisión de Reino Unido de abandonar a UE podería ter no plano local. Os membros do CdR interviñeron sobre a afectación do Brexit na fronteira de Irlanda, así como acerca da dimensión socioeconómica e cidadá deste proceso, aspectos de gran interese para Galicia. Ademais, no pleno discutiuse sobre política de competencia coa comisaria do ramo, Margrethe Vestager, e o afondamento da Unión Económica e Monetaria, contando coa presenza de Pierre Moscovici, comisario de Asuntos Económicos e Financeiros, Fiscalidade e Alfándegas.

 

Afondamento da Unión Económica e Monetaria

O CdR reflectiu tamén sobre o afondamento da Unión Económica e Monetaria de aquí a 2025. A Comisión Europea fixo a súa proposta no Debate de Estado da Unión, en setembro deste ano. A Comisión propón converter o actual Mecanismo de Estabilidade (Mede) nun Fondo Monetario Europeo (FME), que conte con máis recursos para completar a unión bancaria. O FME viría acompañado da creación dun orzamento único para a Eurozona e da figura dun ministro de Economía para o UE que entraría en vigor en 2019. O comisario Moscovici salientou esta necesidade de simplificar cargos.

Os líderes locais e rexionais reunidos no pleno valoraron positivamente esta reforma, que pode servir para corrixir as inestabilidades vinculadas ao euro. Os membros do CdR esixen ademais a posta en marcha de novos instrumentos económicos para afrontar os períodos de crises, que non supoñan en ningún caso unha redución dos fondos para política de cohesión.

 

Grupo Spinelli

O Grupo Spinelli é unha iniciativa creada en 2010 por un grupo de coñecidos eurodeputados, entre os que destacan o exprimer ministro belga Guy Verhofstadt, Elmar Brok ou Jo Leinen. Este Grupo propón o federalismo no seo da Unión Europea, para o que leva a cabo un labor con cidadáns, ONGs, expertos, universitarios e políticos en prol dunha Europa federal e unida.

A vista dos importantes cambios que afronta a UE nestes momentos, marcados pola a ameaza terrorista e o crecemento de movementos populistas, o Grupo Spinelli está a lanzar unha campaña especial para as eleccións ao Parlamento Europeo de 2019. Neste sentido, os impulsores veñen de implicar por primeira vez ao CdR nas accións que desenvolven. Galicia tivo a oportunidade de asistir a esta primeira reunión conxunta. A nosa rexión confirma así o seu forte convencemento europeísta, apostando por unha Europa forte que pode resolver os seus actuais desafíos. Nos próximos meses, os líderes locais e rexionais involucraranse na defensa desta Europa federal.

 

O Comité Europeo das Rexións

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante