Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

21/11/2017

O Presidente da Xunta liderará no Comité das Rexións o ditame sobre o futuro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

Gamallo intervén durante a sesión da comisión NAT celebrada en Bruxelas. © Fundación Galicia Europa
  • O Comité Europeo das Rexións (CdR) adxudicou a Galicia a redacción dun ditame sobre o futuro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que elaborará o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, defendeu onte en Bruxelas a importancia de que Galicia fose a encargada de redactar este informe
  • Galicia é a rexión europea que conta cun maior orzamento deste fondo, así como a que máis medidas ten activadas

Bruxelas, 21 de novembro de 2017. A comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR) vén de outorgar onte a Galicia o liderado dun ditame sobre o futuro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) despois de 2020. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, participou nesta sesión de NAT en Bruxelas. Gamallo defendeu que o presidente Núñez Feijóo fose o responsable de elaborar este importante informe, xa que Galicia concentra o 10% do emprego europeo en materia de pesca, así como o 10% das capturas comunitarias. Ademais, a pesca constitúe un alicerce fundamental da economía da nosa comunidade, significando ao redor do 2,1% da riqueza galega e proporcionando emprego a máis de 100.000 persoas.

O FEMP é o fondo das políticas marítima e pesqueira da UE para 2014-2020. Supón un dos cinco Fondos Estructurais e de Inversión Europeos (Fondos EIE), que se complementan entre si co fin de fomentar a recuperación en Europa a partir do crecemento e o emprego. O FEMP axuda aos pescadores na transición á pesca sustentable e contribúe a que as comunidades pesqueiras diversifiquen a súa economía, mellorando a calidade de vida nestes territorios. Con 1.200 millóns de euros, España é o Estado membro que recibe máis aportacións deste instrumento.

 

Galicia e o FEMP

Galicia tiña un especial interese en redactar este ditame, en tanto que constitúe a rexión europeo máis beneficiada polo fondo. O FEMP contribuíu a aspectos como a obtención dun sector transformador competitivo e punteiro a nivel mundial. Ademais, ata o 2020 Galicia dispón de 487 millóns de euros de axuda pública e ten reservado o 51% dos fondos dispoñibles en España para as comunidades autónomas. Só entre 2016 e 2017 puxéronse en marcha 210 proxectos no ámbito local do sector pesqueiro mediante este diñeiro.

Por esta razón, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou o pasado mes de outubro na conferencia `Máis alá de 2020: o apoio ás comunidades costeiras de Europa´, celebrada en Tallin. O Goberno galego subliña a necesidade dun futuro fondo de financiamento orientado a conseguir os obxectivos da Política Común de Pesca e simplificado para facilitar a súa aplicación práctica ás administracións e pescadores. As prioridades de Galicia para o novo fondo pasan polo relevo xeracional, o apoio á organización, o mantemento da competitividade do sector transformador e a diversificación do sector nas zonas costeiras rurais.

Pola súa banda, o obxectivo da nosa comunidade é que o ditame CdR inclúa propostas de mellora para este fondo. Entre elas destaca a necesidade das axudas a empresas de alto volume de emprego ou facturación, xa que súa capacidade de impulso no eido da I+D+i ou mellora de estándares laborais pode perderse por falta de axudas. Ademais, o actual fondo xera dificultades engadidas pola tardanza en aprobar o regulamento e o programa operativo, dificultando o coñecemento dos criterios de elixibilidade.

 

Calendario de aprobación do ditame

Segundo o CdR, o ditame galego sobre o futuro do FEMP será aprobado na sesión plenaria de maio, previo debate nas reunións da comisión NAT de xaneiro e marzo. O texto sería deste xeito lanzado antes de que a Comisión Europea publique no verán de 2018 a súa nova proposta de FEMP, na que se prevé un lixeira transferencia de prioridades da Política Pesqueira Común á Política Marítima.

Tras ser chave na implementación da Política Pesqueira Común e da Política Marítima no período de programación actual (2014-2020), o debate sobre como o FEMP debe contribuír ao desenvolvemento das rexións costeiras despois de 2020 será un dos principais temas de interese europeo para Galicia o ano que vén.

 

 

 

A Comisión NAT do Comité Europeo das Rexións

Neste mandato, Galicia participa en dúas comisións do Comité das Rexións (CdR). Unha delas é a de Recursos Naturais (NAT), que traballa en asuntos como a Política Agrícola Común (PAC), o desenvolvemento rural ou a pesca. 

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante