Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

13/10/2017

Galicia defende ante a Unión Europea a conveniencia dun novo fondo de financiamento pesqueiro que dea continuidade ao que se atopa en vigor

A conselleira do Mar durante a súa intervención na conferencia. © Xunta de Galicia Ver máis...
  • A conselleira do Mar participou na conferencia `Máis alá de 2020: o apoio ás comunidades costeiras de Europa´, que se celebra en Tallin
  • Rosa Quintana fixo fincapé na necesidade dun futuro fondo de financiamento orientado a conseguir os obxectivos da Política Común de Pesca e simplificado para facilitar a súa aplicación práctica ás administracións e pescadores 
  • Destacou como prioridades de Galicia para o novo fondo o relevo xeneracional, o apoio á organización, o mantemento da competitividade do sector transformador e a diversificación do sector nas zonas costeiras rurais
  • Puxo de relevo a necesidade das axudas a empresas de alto volume de emprego ou facturación, co obxectivo de manter a súa capacidade de I+D+i ou de mellora de estándares laborais 

Tallin, 13 de outubro de 2017. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu onte en Tallin a conveniencia dun novo fondo de financiamento pesqueiro que dea continuidade ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que se atopa en vigor. Un novo fondo que é necesario, subliñou, para que os pescadores e acuicultores poidan adaptarse ás liñas marcadas por Europa. É dicir, que sexa acorde e coordinado coa normativa europea, cunha estrutura específica para a pesca, o marisqueo, a acuicultura e a transformación, e orientado a conseguir os obxectivos da Política Común de Pesca e da Política Marítima Integrada.

Así o destacou na sesión plenaria O FEMP no apoio dos obxectivos da Política Pesqueira Común e da Política Marítima da Unión Europea, enmarcada na conferencia Máis alá de 2020: o apoio ás comunidades costeiras de Europa, que se celebra entre onte e hoxe en Tallin, e que organizan Estonia, como estado membro que preside a Unión Europea, e a Comisión Europea. Un encontro no que tamén participa a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e no que a conselleira do Mar tamén fixo fincapé na necesidade dun futuro fondo de financiamento simplificado para facilitar a súa aplicación práctica ás administracións e pescadores e adaptado á realidade e ás necesidades dos sectores do mar.

En canto á estrutura deste futuro fondo, Rosa Quintana puxo de relevo a necesidade de que sexa horizontal e común para aquelas cuestións integrais que requiren de actuacións xerais e coordinadas entre Estados ou rexións, como a Política Marítima ou o plan de Acción do Atlántico. Ademais, a conselleira citou as prioridades de Galicia para o novo fondo de financiamento.

Entre elas destacou o relevo xeneracional, baseando o apoio dos fondos a cuestións como a formación e a mellora da calidade de vida con especial atención á seguridade e comodidade das tripulacións. Tamén nas facilidades para acceder ao sector, a través do apoio a aspectos como a compra de buques, especialmente na xente moza.

Outras das prioridades de Galicia de cara ao novo fondo, que destacou a titular de Mar, son a adecuación ao esforzo pesqueiro, o apoio á mellora da organización e o reforzo do espírito de colectividade dos bens comúns que hai no mar para mellorar a súa xestión e explotación. Tamén son liñas prioritarias, engadiu, o manter a competitividade do sector transformador e a diversificación económica do sector, especialmente en zonas costeiras rurais.

Nesta última liña a conselleira citou como exemplo os preto de 210 proxectos con máis de 13,4 millóns de euros de inversión acadados entre 2016 e 2017 grazas ao labor dos grupos de acción local do sector pesqueiro. Uns proxectos, engadiu, que se suman ás 426 iniciativas propiciadas entre 2009 e o 2015 polos Grupos de Acción Costeira. Deles, algúns están expostos nesta conferencia de Tallin como exemplo de boas prácticas.

 

Propostas de mellora

En relación aos aspectos a recuperar no futuro fondo, Rosa Quintana fixo fincapé na necesidade das axudas a empresas de alto volume de emprego ou facturación, aínda que sexa de forma parcial e en determinados eixos. Isto, aclarou, debido a que a súa capacidade de impulso en materias como I+D+i ou mellora de estándares laborais pode perderse por falta de axudas.

Para acadar os obxectivos de atención ao sector, a conselleira do Mar cualificou o apoio público en forma de subvención como a mellor opción debido a que garante o control do destino e aplicación sobre algo concreto. Tamén porque xera efecto dinamizador directo sobre a economía, estimula as iniciativas en cuestións radicadas nos obxectivos da PCP, xera confianza e asegura a obtención de financiamento.

Ademais, en relación ao actual FEMP, a titular de Mar subliñou que Galicia se atopa con dúas dificultades engadidas á tardanza en aprobar o regulamento e o programa operativo. Por unha banda, as dificultades de coñecer de forma áxil, clara e certeira os criterios de elixibilidade e as actuacións encaixables no fondo, como por exemplo o caso das iniciativas de I+D+i. Por outra banda, as dificultades para definir como aplicar na práctica os obxectivos da PCP. Un exemplo deste caso é o das iniciativas sobre minoración de descartes. Neste sentido, Rosa Quintana apelou a introducir posibles melloras na aplicación deste tipo de fondos aplicando a adaptación e a simplificación.

 

Galicia e o FEMP

Durante a súa intervención, a titular de Mar tamén puxo de relevo a importancia dos fondos pesqueiros para Galicia, xa que, sinalou, contribuíron a aspectos como a obtención dun sector transformador competitivo e punteiro a nivel mundial. Ademais lembrou que, grazas a este tipo de fondos, ata o 2020 Galicia dispón de 487 millóns de euros de axuda pública e ten reservado o 51% dos fondos dispoñibles en España para as comunidades autónomas.

 

A conferencia

Durante os dous días desta conferencia que acolle a capital de Estonia, diferentes axentes interesados de toda a Unión Europea discutirán como o fondo de financiamento pesqueiro está axudando a apoiar a implementación da Política Pesqueira Común e da Política Marítima no período de programación actual (2014-2020).  Así, este encontro no que participa Galicia por invitación directa da DG MARE, está aberto entre outros, aos xestores de proxectos, políticos, representantes da industria e científicos. Ademais representa a oportunidade de discutir os retos actuais e futuros das comunidades costeiras, así como as posibles respostas políticas.

Fonte: Xunta de Galicia


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante