Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/10/2017

Galicia apoia no Comité Europeo das Rexións que Cataluña respecte á Constitución e a legalidade europea

Gamallo durante a súa intervención sobre Cataluña no pleno do CdR. © Fundación Galicia Europa Ver máis...


·        O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, participou no pleno do Comité das Rexións (CdR), onde chamou ao Goberno catalán a non romper as últimas pontes de diálogo

·        O CdR reclamou tamén que as rexións sexan claves na execución da Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T), pedindo á UE que non inverta os fondos unicamente na rede primaria

·        Nesta sesión plenaria celebrouse por primeira vez o debate do Estado da Unión desde o punto de vista local, con motivo da Semana Europea das Rexións e Cidades que se está a celebrar esta semana en Bruxelas

Bruxelas, 11 de outubro de 2017. O Comité Europeo das Rexións (CdR) debateu onte na súa sesión plenaria sobre a situación política de Cataluña. Os representantes políticos españois no CdR esixiron ao Goberno catalán que respecte á Constitución e a legalidade europea, que nos trouxo o maior período de paz no continente. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, acudiu ao pleno en representación da nosa comunidade. Gamallo pediu que o Goberno catalán non adopte medidas unilaterais que acaben coas pontes de diálogos con España e a Unión Europea. O noso representante quixo recoñecer tamén o papel dos alcaldes cataláns que si están a cumprir a lei nestes difíciles momentos.

A posición da delegación española no CdR encóntrase en consonancia coa mantida polas institucións europeas ao longo destes días. A postura da UE é clara: vulnerar a Constitución é violar a legalidade europea, polo que esixe ao Goberno catalán o seu cumprimento. Pola súa banda, o presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, presente no pleno, subliñou que só a UE é a reposta aos problemas de Europa. Por iso, Tusk fixo un chamamento ao presidente de Cataluña para que respecte o orden constitucional e manteña os canles institucionias. A diversidade de Europa constitúe unha riqueza que non ampara saltarse as leis.

Neste pleno aprobouse tamén un ditame sobre o futuro do Mecanismo Conectar Europa, un instrumento fundamental para o desenvolvemento da Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T). Os representantes locais e rexionais destacan a necesidade dunha administración multinivel, que implique ás rexións na xestión desta rede que é fundamental para facilitar a mobilidade de cidadáns e mercadorías na UE. Pola súa banda, na sesión tivo lugar tamén a declaración Situación da Unión: punto de vista das rexións e cidades. Trátase da primeira vez que o CdR celebra un debate deste tipo, contando coa presenza do presidente do CdR, Karl Heinz Lambertz, e de Donald Tusk, nun evento enmarcado na Semana Europea das Rexións e Cidades que se está a celebrar esta semana en Bruxelas. Máis aló deste debate e o ditame de transporte, no ámbito da economía o Comité aprobou unha proposta sobre o Semestre Europeo.

 

Futuro do Mecanismo Conectar Europa

No ditame aprobado neste pleno do CdR, os líderes locais e rexionais lembraron que unha boa rede de transporte é vital para o correcto funcionamento do mercado interior e o fortalecemento da cohesión económica, social e territorial, polo que acolle satisfactoriamente a avaliación do Mecanismo Conectar Europa (MCE) que está a levar a cabo a Comisión Europea. O MCE é o principal programa de apoio financeiro para o desenvolvemento da chamada Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T), un conxunto planificado de redes prioritarias de transporte pensadas para facilitar a comunicación de persoas e mercancías en toda a UE. Con todo, no marco da devandita avaliación o CdR subliña algúns aspectos mellorables, como a insuficiente asignación orzamentaria, a complexidade procedimental e o escaso papel concedido ás rexións.

As rexións e cidades son moi importantes na fase de execución e seguimento dos investimentos públicos, por iso o Comité solicita que a próxima revisión do MCE debería abordarse desde a perspectiva de “coprodución” da RTE-T entre distintas administracións. Galicia apoia esta maior relevancia das rexións na xestión do transporte europeo, pasando a incluírse os entes territoriais como partes lexitimadas para presentar proxectos.

 

Semestre Europeo de 2017

O CdR aprobou tamén unha resolución sobre o Semestre Europeo de 2017, o sistema de coordinación das políticas económicas dos Estados membros. Tras consultar os documentos relativos a este ano, os representantes locais e rexionais sinalaron a necesidade de reactivar os investimentos. Para tal fin, sería necesario abordar os desaxustes entre as competencias e os recursos financeiros dos gobernos locais e rexionais, así como garantir a continuidade da política de cohesión como principal instrumento de investimento. O Comité convida as institucións da UE a poñer en práctica a súa proposta de elaborar un código de conduta para a participación dos entes locais e rexionais no Semestre Europeo. No marco desta resolución, Galicia apoiou unha emenda para que este proceso teña máis en conta os cambios demográficos aos que se enfronta un gran número de rexións europeas. 


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante