Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

19/07/2017

A Xunta defende ante a UE as demandas da frota de baixura galega sobre o botiquín que debe levar a bordo dos buques

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, na reunión co titular de emprego da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da UE, Stefan Olsson. © Xunta de Galicia
  • A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reuniuse co titular de emprego da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da UE, Stefan Olsson
  • Solicita a posibilidade de realizar unha reclasificación dos botiquíns engadindo unha nova categoría que simplifique os seus contidos e dea resposta ás necesidades da frota de baixura
  • Esta e outras propostas forman parte do informe presentado por Rosa Quintana a Stefan Olsson, realizado pola Administración galega sobre a materia
  • A titular de Mar destacou que o director xeral valorou moi positivamente o traballo realizado dende Galicia neste informe e o feito de que fose elaborado por técnicos de distintos departamentos implicados e que conte co consenso dos representantes do sector

Bruxelas, 19 de xullo de 2017. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu onte unha vez máis ante a Unión Europea as demandas da frota de baixura de Galicia sobre o botiquín que debe levar a bordo dos buques. Neste sentido, solicitoulle que considere a posibilidade de realizar unha reclasificación dos botiquíns e engada unha nova categoría, denominada “C-LOCAL”, para as embarcacións de artes menores, é dicir, os buques que navegan e pescan dentro das augas interiores ou en zonas situadas a menos de 10 millas náuticas da costa.

Esta é unha das demandas que reflicte o informe que recolle o traballo realizado pola Administración galega na materia. Un documento que a conselleira do Mar trasladou esta mañá en Bruxelas ao titular de emprego da dirección xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da UE, Stefan Olsson.

Durante o encontro, a conselleira explicou ao director xeral que, tal e como reflicte o informe, con esta nova categoría simplificaríanse ao imprescindible os contidos do botiquín tipo “C”, que teñen que levar obrigatoriamente na actualidade as embarcacións de artes menores. É dicir incluiríase a dotación de botiquín dunha balsa de salvamento cunhas pequenas modificacións.

Neste sentido, o informe recomenda un botiquín con 6 medicamentos e 13 utensilios, reducindo cada concepto nun 75% e nun 55% respectivamente, en relación ao que se require na actualidade. Deste xeito, explicou a conselleira, podería adecuarse a situación normativa a unhas circunstancias de actividade propias de Galicia.

Rosa Quintana apoiou esta proposta con diferentes argumentos sobre a realidade da frota de baixura. Nesta liña expuxo a Stefan Olsson que as embarcacións que compoñen esta frota faenan moi preto da costa e requírenselle un botiquín de medicamentos que é complicado de utilizar pola súa pequena dimensión e debido a que non teñen ponte. A isto engadiu que hai medicamentos que están obrigados a levar e que non necesitan nin utilizan.

A titular de Mar destacou que o director xeral agradeceu e valorou moi positivamente o traballo realizado dende Galicia neste informe e o feito de que “sexa un traballo tecnicamente avalado e que conte co consenso de todos os representantes do sector”. Ademais puxo a disposición o traballo da Xunta para seguir aportando información sobre esta cuestión.

Outra das propostas que recolle este documento e que Rosa Quintana expuxo na reunión é a necesidade de resumir e actualizar os contidos da guía sanitaria que debe portar o botiquín. En relación a este aspecto, o informe sinala que o seu formato debe ser do tipo dunha ficha plastificada para evitar o seu deterioro. Outro dos aspectos que propón é levar o botiquín nunha mochila, xa que é máis práctica e máis sinxela de acomodar na embarcación. Ademais tamén recomenda que sexa obrigatorio actualizar a formación sanitaria cando se produza unha modificación do contido dos botiquíns por incorporar novos medicamentos ou materiais médicos.

 

Xestións da Xunta

Este mesmo documento foi entregado no mes de abril polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, ao director xeral de Asuntos Marítimos e Pesqueiros da Comisión Europea, João Aguiar, durante unha visita a Bruxelas. Agora a titular de Mar quixo entregarllo persoalmente a Stefan Olsson, co obxectivo de complementar as propostas de Galicia en defensa da flexibilización das obrigas esixidas a esta frota. Unhas propostas que trasladou a este director xeral nunha reunión mantida con el en decembro de 2016, coincidindo coa revisión que está a facer a Unión Europea sobre a normativa que regula estes aspectos.

O informe é froito do grupo de traballo constituído en xaneiro deste ano polas consellerías de Mar, Sanidade e de Economía, Emprego e Industria, a través do 061 e do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) para reforzar e continuar coa defensa dos intereses da frota de baixura en relación ás obrigas sobre o botiquín. Ademais a solicitude de nova categorización xa foi realizada a través dunha misiva á Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, o pasado mes de marzo.

Fonte: Consellería do Mar (Xunta de Galicia)


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante