Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

18/07/2017

A Unión Europea recoñece a boa saúde do caladoiro cantábrico-noroeste fronte a outros nos que faena a frota europea

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, co comisario europeo de Pesca, Karmenu Vella. © Xunta de Galicia
  • A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu en Bruxelas ao Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea
  • A conselleira amosou a súa satisfacción e destacou que isto acredita o traballo que se estivo facendo e o esforzo que fixo o sector pesqueiro
  • En relación ao Rendemento Máximo Sustentable,  indicou que todos os Estados membros compartiron a proposta da Comisión de acadalo o máis rápido posible, pero sempre tendo en conta o impacto socioeconómico sobre as especies
  • Outro dos aspectos no que coincidiron a maioría dos países membros é a necesidade dunha maior flexibilidade na aplicación da obriga de desembarque de capturas

Bruxelas, 17 de xullo de 2017. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu onte en Bruxelas ao Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea, onde representou ás comunidades autónomas españolas en materia de pesca. Alí amosou a súa satisfacción debido a que durante esta xuntanza “se puxo en evidencia que o caladoiro Cantábrico-Noroeste está moitísimo mellor que o resto de caladoiros nos que faena a frota europea, de feito temos o 68% dos nosos stocks en Rendemento Máximo Sustentable (RMS)”, explicou.

Este recoñecemento, subliñou, “acredita o traballo que se estivo facendo e o esforzo que fixo o sector pesqueiro e tamén nos dá pé para poder seguir traballando nesa mesma dirección”. En relación ao RMS -o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes cada ano sen prexudicar o stock- a titular de Mar indicou que durante a reunión todos os Estados membros compartiron a proposta da Comisión de acadalo o máis rápido posible, pero sempre tendo en conta o impacto socioeconómico sobre as especies pesqueiras. Unha proposta, sinalou Rosa Quintana, que Galicia vén defendendo dende o minuto un e no marco das negociacións da actual Política Común de Pesca.

Outro dos aspectos no que coincidiron a maioría dos países membros e que destacou a conselleira do Mar é a necesidade dunha maior flexibilidade na aplicación da obriga de desembarque de capturas. Neste sentido, lembrou que Galicia defende que a Unión Europea amplíe a listaxe de especies accesorias a excluír do cómputo dos descartes e fixo fincapé na problemática destas especies coñecidas tamén co nome de especies de estrangulamento ou choke, que son aquelas que non teñen cota ou a cota é escasa e que se encontran entre as capturas dos barcos.

Unha problemática que provoca abortar a posibilidade de pesca xa nas primeiras semanas ou meses do ano e da que, segundo subliñou Rosa Quintana, Galicia advertiu “dende o minuto un no marco da reforma da PCP”.  Nesta liña, apelou a “seguir traballando entre todos coa Comisión para buscar a solución a esta problemática”. Así, explicou, é necesario “analizar especie por especie para coñecer ben como se comporta cada unha das pesquerías e en función diso adoptar unhas medidas ou outras”.

Ademais destacou a importancia de “aportar todos os datos dos que dispoñemos todos os países membros para axudar a que o coñecemento que existe sobre as especies sexa o mellor posible”. O obxectivo, explicou, é poder adoptar as mellores medidas para a actividade do sector.

 

Consello de Ministros

No Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea celebrado onte en Bruxelas debateuse a comunicación da Comisión Europea sobre as posibilidades de pesca para o 2018. Nel a conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañou á Ministra de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, en representación das comunidades autónomas españolas en materia de pesca.

Este martes a conselleira do Mar continuará a súa estancia en Bruxelas e reunirase co titular de emprego da dirección xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da UE, Stefan Olsson. Neste encontro, Rosa Quintana presentaralle a Stefan Olsson o informe que recolle o traballo realizado pola Administración galega para reforzar a defensa dos intereses da frota de baixura en relación ás obrigas sobre o botiquín de tipo “C” que deben levar a bordo dos buques. Este paso dáse trala reunión celebrada entre ambos en decembro do ano pasado en Bruxelas e co obxectivo de aportar información complementaria á UE na materia.

Fonte: Consellería do Mar (Xunta de Galicia)


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante