03/02/2012

A Xunta demanda en Bruxelas unha política europea integradora e forte para impulsar a competitividade do sector naval

  • O secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria, Borja Verea, salientou a necesidade de atopar solucións concretas para o sector naval galego, como a axilización na aprobación dun novo ‘tax lease’
  • Verea propuxo o establecemento de ferramentas financeiras comunitarias para facilitar o acceso ao crédito no sector
  • A sede da Fundación Galicia Europa acolleu unha reunión na que se sentaron as bases para a creación da primeira rede rexional de clústers europeos desta industria

Bruxelas, 2 de febreiro de 2012.- A Xunta de Galicia demandou hoxe en Bruxelas o establecemento dunha política europea integradora e forte para reforzar a competitividade do sector naval e potenciar a innovación tecnolóxica e produtiva, facendo fronte á competencia crecente das potencias emerxentes. Neste sentido, o secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria, Borja Verea Fraiz, na súa intervención no Parlamento Europeo dentro da audiencia pública ´Pensa diferente: novos horizontes para a industria marítima´, reclamou a “consideración da construción naval como un sector específico no que se deben concentrar as políticas de apoio” por parte de Unión Europea.

Neste encontro, que se inscribe na iniciativa ´Maritime Industries for Blue Growth´, na que Galicia participa a través da Fundación Galicia Europa e que contempla a creación dunha rede de rexións con sector naval, Verea Fraiz salientou a “calidade e especialización dos estaleiros galegos” e demandou solucións concretas para o sector naval galego, como a axilización na autorización da nova proposta realizada polo Goberno español respecto ao tax lease, unha situación que deu un importante xiro co cambio de goberno.

Neste sentido, cómpre lembrar que o conselleiro de Economía e Industria presentou onte en Vigo a folla de ruta do Goberno central para a aprobación dun novo réxime de axudas para a contratación de buques, que segundo os prazos que manexa o Ministerio de Industria podería estar autorizado no mes de maio.

Título de la foto
De esquerda a dereita, Borja Verea co director de Innovación Industrial e Industria da Mobilidade, Carlo Pettinnelli; Tomás Casquero, xerente do clúster galego Aclunaga; e o vicepresidente da plataforma tecnolóxica europea ‘Waterborne’

Pola súa banda, o secretario xeral da Consellería de Economía e Industria incidiu tamén na necesidade de establecer un sistema impositivo xeral europeo, que permita aos países membros ser competitivos no mercado internacional, así como pola diferenciación de produtos e tecnoloxías. Así mesmo, propuxo ás institucións europeas o establecemento de ferramentas financeiras para facilitar o acceso ao crédito para poder financiar a construción de buques.

Na reunión no Parlamento Europeo, as 11 rexións participantes na iniciativa presentaron un memorando de entendemento á Comisión Europea e ao Parlamento no que demandan unha política sólida para o sector a nivel comunitario.

Creación dunha rede rexional de clústers europeos do sector naval

Tamén ao abeiro da iniciativa ´Maritime Industries for Blue Growth´, a Fundación Galicia Europa, en colaboración coa Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga), organizou una reunión de clústers europeos do sector naval na que se sentaron as bases para a creación da primeira rede rexional de clústers marítimos europeos. Na apertura deste encontro, Borja Verea destacou que “só a través da colaboración entre o sector, as institucións europeas e as autoridades rexionais e nacionais será posible atopar unha resposta de futuro para a industria naval”. Posteriormente, o director de Innovación Industrial da Comisión Europea, Carlo Pettinnelli, explicou que a iniciativa de crear unha rede de clústers podería beneficiarse das actuacións que desenvolve a Comisión Europea en favor da internacionalización e o networking de clústers.

  • XUNTA DE GALICIA
  • NOVAGALICIA
  • CAMARAS
  • ZONA FRANCA
  • DIP. CORUÑA
  • DIP. LUGO

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Compatibilidade da web