Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/12/2019

A Xunta presenta en Bruxelas un vídeo para instar a ter en conta aos profesionais do mar na xestión marítimo-pesqueira como parte da solución aos problemas do sector

A conselleira do Mar presenta en Bruxelas o vídeo Galicia desde el mar. Fonte: © Xunta de Galicia 2019.jpg
  • A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presentou en Bruxelas o vídeo ‘Galicia, desde o mar’, que mostra a realidade do sector pesqueiro galego.
  • A peza audiovisual presentada pola Consellería do Mar pretende mostrar a faciana dalgúns dos milleiros de galegos que viven do mar en Galicia e que están comprometidos coa conservación e o bo estado do medio mariño.
  • A Xunta pretende concienciar ás autoridades europeas do impacto que as súas decisións teñen en moitas familias da comunidade galega e que, ao tomalas, avalíen tanto os aspectos medioambientais como os económicos e sociais.
  • Esta acción súmase aos informes presentados polo Executivo galego, tanto en Madrid como en Bruxelas, para advertir do impacto que terían na frota os recortes propostos nas cotas de pesca de pescada e xurelo para o ano 2020.
Bruxelas, 11 de decembro de 2019. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presentou hoxe en Bruxelas o vídeo ´Galicia, desde o mar´ -Galicia, by the sea-, para mostrar ás autoridades europeas, e á sociedade en xeral, a realidade do mar e das súas xentes na comunidade autónoma galega e concienciar da importancia de que o aspecto social sexa tido en conta á hora de adoptar medidas de xestión como a fixación dos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas. De feito, a titular de Mar incidiu en que os profesionais do mar, lonxe de supoñer un problema para o medio mariño, son parte da solución ás dificultades que se poidan atopar neste eido pois “non entenden a súa vida sen o mar e están concienciados no seu coidado”.

A representante do Executivo galego salientou que Galicia é unha rexión relativamente pequena pero cun sector pesqueiro moi importante e que os protagonistas desta peza audiovisual son xente real, traballadoras e traballadores da pesca, do marisqueo e da acuicultura de Galicia que están comprometidos coa conservación do medio mariño e dos seus recursos porque son a garantía de futuro do seu medio de vida, que será tamén o das xeracións vindeiras.

Rosa Quintana lembrou que das decisións que se toman en Bruxelas, como a fixación das posibilidades de pesca para 2020 da próxima semana, dependen milleiros de familias e apelou a telas en conta e traballar da man para seguir mellorando os resultados obtidos nos últimos anos. De feito, apuntou, unha mostra dese bo labor do sector e da conciencia na conservación dos recursos é que a maioría das pesqueiras nas que faena a frota galega se atopan en bo estado biolóxico, en niveis de rendemento máximo sustentable (RMS).

Neste sentido, a titular de Mar explicou que o medio mariño dá emprego directo en Galicia a máis de 20.000 persoas e a unhas 80.000 de xeito indirecto, pois cada posto de traballo no mar xera entre catro e catro e medio en terra. Trátase de familias, incidiu, que todos os decembros se xogan o seu futuro inmediato coa fixación das posibilidades de pesca do ano seguinte e instou a que o Consello de Ministros de Pesca da próxima semana non se vexa reducido a un simple baile de cifras á alza ou á baixa nas toneladas de peixe que se poden capturar. Detrás deses números, remarcou, hai milleiros de persoas, moitas delas galegas, que dependen completamente do mar. «Son persoas ás que, como din no vídeo, non lles saen escamas porque a pel non llo permite ou que están tan integradas no mar que só lles falta falar cos peixes», salientou a representante da Xunta.

Estudos de impacto socioeconómico
A presentación do vídeo ”Galicia, desde o mar” pretende concienciar da necesidade de que na xestión marítimo-pesqueira se teñan en conta tanto o aspecto medioambiental como o económico e o social pois da explotación dos recursos pesqueiros dependen moitos profesionais do mar e poboacións costeiras enteiras. Pero con ese obxectivo, Galicia tamén entregou xa ao Goberno do Estado e á Comisión Europea informes sobre o impacto que terían na comunidade autónoma as propostas de recortes de cotas na pescada -un 20% de media entre augas do Cantábrico Noroeste e Gran Sol- e no xurelo -un 48% de media entre augas do Cantábrico e ao sur de Fisterra- para o próximo exercicio.

Só nestas dúas especies a perda de ingresos roldaría os 90 millóns de euros e afectaría de xeito directo a preto de 3.700 tripulantes. A maiores, a Consellería do Mar tamén levou ante Madrid e Bruxelas outros informes como o do estado da cigala no Cantábrico Noroeste ou o dos prexuízos que causa no palangre galego a non extensión a todas as frotas da norma que prohibe o cercenamento das aletas aos tiburóns.

A presentación do vídeo contou coa asistencia de eurodeputados, persoal da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea (DG Mare), responsables doutras comunidades autónomas, da representación permanente de España na UE, membros da Fundación Galicia Europa e representantes do sector e doutras rexións altamente dependentes da pesca. A titular de Mar agradeceu a súa presenza e a colaboración desinteresada dos protagonistas da peza audiovisual, profesionais do mar que puxeron faciana e voz aos milleiros de traballadores do sector pesqueiro galego.


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante