Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

29/11/2019

A Xunta de Galicia ofrece ás universidades da Crusoe impulsar encontros na UE ante o novo marco orzamentario europeo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a reunión cos representantes das universidades da Crusoe esta mañá en Vigo. Fonte: © Xunta de Galicia.jpg
  • O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou hoxe nunha rolda de prensa no marco do Comité Executivo da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste de Europa (Crusoe).
  • Rueda apostou tamén por potenciar a Resoe e redefinir os seus grupos de traballo en consonancia coas novas prioridades europeas.
Vigo, 29 de novembro de 2019. A Xunta de Galicia ofreceu ás universidades que se integran dentro da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste de Europa (Crusoe) impulsar encontros en Bruxelas, con responsables da Comisión Europea, ante o novo marco orzamentario que se abre a partir do próximo ano na UE.

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou hoxe na rolda de prensa que se celebrou en Vigo no marco do Comité Executivo da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste de Europa (Crusoe). No acto tamén participaron o director xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Jesús Gamallo, o presidente da Crusoe e reitor da Universidade do Minho, Rui Vieira de Castro; o secretario xeral da Crusoe, Salustiano Mato; xunto con reitores e responsables doutras universidades.

Alfonso Rueda agradeceu o traballo que teñen realizado as universidades durante estes anos dentro da Crusoe e tamén para dotar de contido á Macrorrexión de rexións do Suroeste de Europa (Resoe). Este papel será aínda máis fundamental nos próximos anos, en tanto a nova Comisión Europea ten manifestado que apostará pola innovación e a educación, ademais de pola transición climática ou a dixitalización: todas elas áreas nas que o ámbito universitario ten moito que achegar.

En coordinación con esta nova etapa na UE, a Xunta aposta tamén por potenciar no próximo ano a Resoe e redefinir os seus grupos de traballo en consonancia coas novas prioridades que marca a Unión Europea.

Resoe
A Xunta impulsou e promoveu hai case dez anos e de forma pioneira a creación da Resoe. Inicialmente estaba constituída por Galicia, Castela e León e a Rexión Norte de Portugal. Posteriormente, foise ampliando coas incorporacións de Asturias, a Rexión Centro de Portugal e Cantabria. Polo tanto, actualmente está composta por catro comunidades autónomas de España e dúas rexións portuguesas. Estes territorios representan a preto de 13 millóns de habitantes e o 31,6% de extensión da Península Ibérica.

Entre os obxectivos da Resoe, están desenvolver e ampliar as posibilidades da cooperación territorial europea, deseñar fórmulas de cooperación flexibles e eficaces e fomentar o desenvolvemento da sociedade de coñecemento a través da investigación, a educación e as tecnoloxías da información.

Para avanzar nestes obxectivos, creáronse seis grupos de traballo: declive demográfico e envellecemento activo; competitividade industrial; educación, cultura e I+D+i (liderado por Galicia e que traballa en coordinación coa Crusoe); transportes e loxística; turismo; e emprego e mocidade.

Fonte: Xunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante