Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

10/04/2018

Feijóo trasladaralle ao comisario europeo de agricultura a aposta de Galicia por unha PAC 100% comunitaria e que garanta un rural vivo, activo e sustentable

O presidente da Xunta participou, esta mañá, na xornada sobre a repercusión da nova Política Agraria Común en Galicia.jpg
  • Di que Europa non se pode permitir un rural envellecido nin despoboado; e subliña que co apoio de fondos europeos, en 2017, a Xunta axudou a preto de 500 mozos a incorporarse á actividade agraria
  • Resalta a importancia de ter en conta a diversidade do rural europeo, axudar a mellorar a competitividade das rexións con poboación dispersa e as explotacións pequenas
  • No eido da demanda, expón a necesidade de satisfacer uns consumidores cada vez máis concienciados e que reclaman un produto de alta calidade e que respecte o benestar animal
  • Lembra que con estes fondos, o agro galego dispón de máis seguridade ante situacións imprevisibles como alarmas sanitarias; de máis protección contra a volatilidade do mercado; e dunha remuneración máis xusta

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2018. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o comisario europeo de Agricultura e Desenvolvemento rural, Phil Hogan, visitará Galicia nos próximos meses para coñecer de primeira man as prioridades da Comunidade galega que, tal e como expresou Feijóo, aposta por unha PAC 100% comunitaria, estruturada en dous piares (axudas directas e desenvolvemento rural) e que garanta un rural vivo, activo e cada vez máis sustentable desde o punto de vista económico e ambiental.

Durante unha xornada sobre a repercusión da nova Política Agraria Común, o responsable do Executivo autonómico aseverou que modernizar o sector primario europeo “é un reto que nos convoca a todos” e ante o que Galicia vai facer escoitar a súa voz. “A través do compromiso compartido entre as institucións nacionais e comunitarias poderemos chegar á mellor PAC, aquela que nos permita responder satisfactoriamente as necesidades presentes e futuras do rural europeo”, dixo, referíndose, entre outras, á adaptación da produción de alimentos á demanda mundial; a unha xestión dos recursos sustentable e respectuosa co ambiente; ou ao impulso da incorporación dos máis novos á economía rural.

Sobre este último aspecto, Feijóo defendeu unha PAC que prime a remuda xeracional e aseverou que Europa non se pode permitir un rural envellecido nin un rural despoboado. Ao respecto subliñou que, por exemplo, co apoio de fondos europeos, en 2017 a Xunta axudou a preto de 500 mozos a incorporarse á actividade agraria; “e é necesario seguir avanzando nesa dirección”.

Ademais dunha PAC cada vez máis sinxela e con menos carga normativa e administrativa, resaltou a importancia de ter en conta a diversidade do rural europeo, e axudar especialmente a mellorar a competitividade das rexións con poboación dispersa, explotacións de pequeno tamaño, e con actividade agrícola localizada en zonas montañosas ou de difícil acceso.

E, no eido da demanda, expuxo a necesidade de satisfacer a uns consumidores cada vez máis concienciados e que reclaman un produto de alta calidade e que respecte o benestar animal, a través do fomento de campañas que promovan unha alimentación sa e equilibrada.

Así mesmo, e desde a posición como líderes en produción leiteira -4 de cada 10 litros saen de Galicia-, aseverou que a Comunidade seguirá defendendo unha PAC que priorice as axudas directas e financiadas ao 100% por fondos comunitarios; e que respecte a asignación actual para o conxunto das medidas, tamén de desenvolvemento rural.

Ao longo da súa intervención, Feijóo agradeceu a presenza do responsable de mercado lácteo da Dirección xeral de Agricultura da Comisión Europea, Carlos Martín; do xefe da unidade 1B de desenvolvemento rural do Consello da UE, César Cortes; e do secretario xeral de Agricultura e Alimentación, Carlos Cabanas. E concluíu a súa intervención incidindo en que, nun momento decisivo para os sectores primarios europeos, a nosa Comunidade defenderá en todos os foros a necesidade dunha PAC forte, que manteña a súa dotación orzamentaria e que escorrente calquera tentación de renacionalizarse.

Non en van, cómpre lembrar que con estes fondos, os profesionais do agro galego dispoñen de máis seguridade ante situacións imprevisibles como alarmas sanitarias; de máis protección contra a volatilidade do mercado; e dunha remuneración máis xusta.



© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante