Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

14/12/2017

Galicia dá a benvida a mozos e mozas europeos que realizarán proxectos de voluntariado a través do Programa Erasmus+

Foto de familia dos mozos participantes no programa. © Xunta de Galicia
  • Os participantes implicaranse no día a día de organizacións que traballan no ámbito da xuventude e o desenvolvemento persoal e socioeducativo
  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, deulles a benvida ‘a unha das comunidades coa mocidade máis activa’ en voluntariado europeo

Bruxelas, 14 de decembro de 2017. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse este martes con mozos e mozas de 16 países europeos que desenvolven un curso de formación no marco do programa Erasmus+:Xuventude en Acción que lles servirá para poñer en marcha diversos proxectos de voluntariado en Galicia.

Con esta acción formativa, os 28 participantes adquirirán, entre outras, habilidades comunicativas e sociais para a convivencia, ferramentas para a prevención de conflitos e a xestión de crise e nocións do contexto social e cultural das zonas onde executarán as accións.

Cecilia Vázquez quixo coñecer as impresións e traxectorias dos mozos e mozas e animounos a aproveitar ao máximo esta experiencia e aprendizaxe no Servizo Voluntario Europeo, “co que poderedes –díxolles- comezar a tecer redes e vínculos de amizade e colaboración fóra dos vosos países de orixe e gañar en coñecemento e valores”. Ademais, agradeceu a súa presencia en Galicia, “unha das comunidades coa mocidade máis activa no programa Erasmus+:Xuventude en Acción como así o reflicte o número de proxectos presentados e aprobados e os fondos recibidos da Unión Europea”.

Os participantes, na súa maior parte mulleres e con idades comprendidas entre os 17 e 30 anos, proceden de Alemaña, Reino Unido, Irlanda, Italia, Austria, Portugal. Bélxica, Bielorrusia, Estonia, Xeorxia, Grecia, Luxemburgo, Polonia, República Checa, Romanía e Serbia. 26 deles quedaranse en Galicia e dous en Valencia en proxectos de entre dúas semanas e 12 meses de duración.

En Galicia, o mozos e mozas implicaranse no día a día de organizacións que traballan no ámbito da xuventude, o desenvolvemento persoal e socioeducativo e o medio ambiente. Estes colectivos de acollida son a Asociación recreativa e cultural Os Tilos (Teo); ANPA María Casares do IES Elviña (A Coruña); Concello de Ribadavia; Clínica San Rafael (Vigo); Asociación xuvenil Amencer (Ourense); Asociación cultural Muxelka (A Coruña); Centro Xuvenil Abertal (Vigo); Asociación socioeducativa Edúcere (Lugo); Centro sociocultural O Ensanche (Santiago); Asociación xuvenil Vrenza (Teo); Centro sociocultural Fontiñas (Santiago); ANPA A Laguna do CEIP Ría do Burgo; Arela (Vigo); Centro sociocultural Santa Marta (Santiago); Escola de tempo libre Don Bosco (Santiago); Centro sociocultural do Castiñeiriño (Santiago); Aspanaex (Vigo); Centro sociocultural José Saramago (Santiago); ANPA Xanela do CEIP María Pita (A Coruña); Asociación cultural Ingalicia (A Coruña), e Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Santiago).

Esta iniciativa enmárcase no Plan de Formación establecido pola Axencia Nacional Española do programa Erasmus+: Xuventude en Acción, no que se inclúe o Servizo Voluntario Europeo, axencia da que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado forma parte.

Nas dúas primeiras quendas do 2017 foron aprobados en Galicia un total de 24 proxectos de Servizo Voluntario Europeo, por un importe de 330.123 euros e con 63 mozos e mozas europeos participantes.

Fonte: Xunta de Galicia


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante