Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

14/10/2019

Aberta a inscrición para participar no campo de voluntariado transfronteirizo que terá lugar na Eurocidade Chaves-Verín

4654F_1571052662_image_gallery__1_.jpg
  • O obxectivo principal desta iniciativa é promover a inmersión cultural e etnográfica a través das novas tecnoloxías.
  • O prazo de inscrición estará aberto ata o día 23 de outubro, puidendo realizarse mediante o formulario electrónico pertinente localizado na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2019. A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, abre a inscrición para participar no campo de voluntariado transfronteirizo, posto en marcha no marco do proxecto europeo Eurocidade_2020 aprobado ao abeiro do programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP).

Trátase dunha iniciativa destinada a mozas e mozos galegos e portugueses con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos e que ten como finalidade promover a inmersión cultural e etnográfica a través das novas tecnoloxías. O obxectivo é crear sinerxías entre os mozos e mozas de Galicia e o Norte de Portugal co fin de que xurdan novas oportunidades na zona transfronteiriza Chaves-Verín, apoiar o desenvolvemento desta área a través da tecnoloxía e dinamizala a través de programas con valor social.

Entre as tarefas que se van levar a cabo, atópase a creación dunha web-app promocional e rutas virtuais que potencien o turismo medioambiental na zona. Tamén se elaborará un vídeo para a difusión da Eurocidade a partir do aprendido no campo de voluntariado. Ademais, desenvolveranse actividades complementarias como visitas turísticas, obradoiros, rutas de sendeirismo e veladas nocturnas.

O prazo de inscrición estará aberto ata o día 23 deste mes de outubro, pode realizarse a través do formulario electrónico á disposición de todos os interesados na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A inscrición realizarase por estrita orde de reserva de praza e aqueles que fosen seleccionados recibirán un correo electrónico de confirmación da praza.


Proxecto EUROCIDADE_2020
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial  Eurocidade  Chaves-Verín é unha agrupación de municipios transfronteiriza con personalidade xurídica propia en España e Portugal que ten como misión xestionar de forma conxunta competencias locais co obxectivo de promover a converxencia institucional, económica, social, cultural e ambiental de todo o seu territorio de actuación.

O proxecto Eurocidade 2020 é en esencia un proxecto de cooperación transfronteiriza (CT) ao ser liderado e permitir a realización do obxecto social dunha AECT: a Eurocidade Chaves-Verín.
Pretende fomentar o diálogo entre os diferentes axentes do territorio da Eurocidade e consolidar a CT entre eles mediante a promoción da súa participación nas accións do proxecto e preparar a Eurocidade Chaves-Verín para os desafíos post 2020 asegurando a sustentabilidade da AECT que a xestiona.

Persegue dar cumprimento, en proximidade, aos obxectivos da estratexia Europa 2020, potenciando o historial da  CT como elemento xerador do crecemento intelixente, inclusivo e sustentable, a favor da mellora da calidade de vida dos seus cidadáns.

Todas as actuacións da AECT teñen como primeiros beneficiarios os cidadáns polo que o principal resultado esperado do proxecto é a melloría da calidade de vida dos cidadáns do espazo de cooperación (e da súa contorna máis próxima). 

Preténdese alcanzar unha cidadanía máis activa e participativa na construción da Eurocidade e, consecuentemente, na construción da UE, un maior recoñecemento do apoio e importancia da UE no desenvolvemento local.

EUROCIDADE_2020 consolidará a  Eurocidade Chaves-Verín como ferramenta de integración Europea e de desenvolvemento sustentable.

Pode atopar a información sobre a participación da Fundación Galicia Europa no proxecto Eurocidade 2020 aquí.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante