Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

24/07/2019

”EUROCIUDADE CHAVES-VERÍN: Situación e Perspectivas”, un estudo sobre o presente e futuro do territorio transfronteirizo

Presentación do estudo Eurocidade.jpg
  • O estudo presentouse este mércores, na sede da Eurocidade situada na parroquia verinense de Feces de Abaixo. 
  • As recomendacións presentadas teñen como obxectivo asegurar o futuro do proxecto. 
Feces de Abaixo, 24 de xullo de 2019. O estudo "EUROCIDADE CHAVES-VERÍN: Situación e Perspectivas" enmárcase dentro do proxecto Eurocidade 2020, financiado polo programa Interreg V-A España-Portugal – POCTEP. O seu obxectivo é promover a reflexión sobre a situación do proxecto como instrumento de promoción da cooperación transfronteiriza para o desenvolvemento local e rexional. Para iso, analiza tanto o punto de vista institucional como a visión dos mozos do territorio sobre a Eurocidade.

A partir das opinións e reflexións compartidas tanto polos responsables políticos dende a súa creación, como polos mozos locais de entre 16 e 30 anos, o traballo analiza os méritos e debilidades da Eurociudade presentando propostas e recomendacións baseadas nas expectativas de todos os participantes no estudo.

Para obter a información sobre o que é, e o que debería ser a Eurocidade, leváronse a cabo entrevistas presenciais, entrevistas escritas, máis de 190 cuestionarios, grupos de discusión e analizáronse máis de 70 fontes documentais durante os seis meses que durou o estudo. Debido ao proceso de envellecemento poboacional, considerouse especialmente relevante a visión da poboación residente de menos de 30 anos, para coñecer as súas prioridades á hora de atraer e reter poboación e talento. 

Durante a presentación, Xosé Lago, coordinador rexional POCTEP e subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza, salientou a importancia de promover a eurocidadanía, especialmente nos ámbitos sanitario, social e cultural. Subliñou a importancia de que unha Eurocidade tan nova como esta chegue a este punto de inflexión para estudar e analizar o seu futuro .

Nerea Pérez Adriano, a técnica de proxectos europeos da Eurociudade Chaves-Verín e parte do equipo de redacción do estudo, subliñou os logros do proxecto así como os retos aos que se enfronta no futuro inmediato. Entre as recomendacións que propón o estudo, destaca a necesidade de explotar a vontade da poboación máis nova da zona de continuar formando parte deste proxecto. Para iso é necesario maximizar as oportunidades derivadas do recoñecemento externo alcanzado polo territorio e incrementar a capacidade para concretar investimentos importantes para a rexión e para os seus cidadáns. Tamén establece como prioridade fomentar a cooperación entre as comunidades locais e involucrar ás institucións na resolución de problemas. Por outra banda, Pérez asegurou que a Eurocidade debe abordar os temas fundamentais que continúan impedindo a disolución efectiva das fronteiras, orientando as axendas políticas rexionais, nacionais e europeas. Agradeceu dun xeito especial as achegas da mocidade nos diferentes grupos de traballo e sobre todo a súa presenza no acto.

Tralo fluido e intenso debate entre relatores e asistentes, no que se aclararon moitas das dúbidas sobre o estudo, tomou a palabra Rodrigo Moreira, xefe de División de Sustentabilidade e Competitividade da Cámara Municipal de Chaves, para presentar as conclusións, reafirmando a aposta por unha cooperación transfronteiriza efectiva e valiosa para a comunidade.

Pola súa banda, Diego Lorenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín, clausurou o acto coa firme convición de que a Eurocidade ten moito que achegar á poboación de A Raia e que, en gran parte, o futuro desta comarca está ligado a este proxecto europeo. Destacou a implicación da poboación máis nova, que mostrou especial interese e compromiso, e a cooperación de todas as institucións da contorna, agradecendo a todos os asistentes a súa presenza e resaltando o bo traballo realizado no estudo, que será un referente no que comezarán a traballar esta mesma tarde.

Proxecto Eurocidade_2020
Aprobado ao amparo do programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP), este proxecto ten como obxectivo consolidar a Eurocidade Chaves-Verín como ferramenta de integración europea e de desenvolvemento sustentable. Conta cun orzamento de 1,8 millóns de euros cofinanciados ao 75% por FEDER e cunha duración de catro anos (2016-2019). 

Son socios do proxecto a AECT Eurocidade Chaves-Verín, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, a Fundación Galicia Europa, o Instituto Portugués do Desporto e dá Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas (FNAJ), o Concello de Verín e a Cámara Municipal de Chaves.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante