Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/11/2019

“Elixe o teu futuro”: obradoiros teóricos prácticos de orientación profesional

Imaxe da web da Consellería de Xuventude da Xunta de Galicia (xuventude.net).jpg Ver máis...
  • Estes eventos formativos terán lugar os días 13, 20 e 27 deste mes en distintas cidades galegas.
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2019. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social, convoca uns obradoiros teóricos prácticos de orientación profesional e persoal co obxectivo de apoiar á xuventude no seu proceso de toma de decisións da súa traxectoria profesional, ao tempo que reforza a súa formación en habilidades transversais que melloren as súas oportunidades de emprego e emprendemento. Os obradoiros vanse celebrar en diversas cidades de Galicia:  o primeiro deles terá lugar en Ourense o día 13 de novembro, o segundo obradoiro será o 20 de novembro en Lugo, e o terceiro e último vaise celebrar en Vigo o día 27 de novembro.

OBXECTIVOS:
- Desenvolver as competencias de autocoñecemento e toma de decisión.
- Apoio na toma de decisión na futura traxectoria profesional.
- Promover a introspeción e coñecemento dun/ha mesmo/a.
- Apoio ao adestramento no proceso de toma de decisións.
- Apoio á orientación vocacional e o recoñecemento de habilidades e competencias profesionais.
- Mellora da autoestima na procura de emprego. Identificación e adestramento de habilidades emocionais.
- Formar en habilidades transversais.
- Mellora das oportunidades de emprego e emprendemento dos mozos e mozas.

DESTINATARIOS/AS: Mozos e mozas galegos/as e portugueses con idades comprendidas entre 18 e 30 anos.

PRAZAS POR XORNADA: Un mínimo de 5 e un máximo de 25 persoas.

PRAZO DE INSCRICIÓN: Do 4 de novembro ás 12:00 horas do día anterior hábil á realización da xornada.

INSCRICIÓN: Mediante o envío de formulario electrónico.

ADMISIÓN:
Será por rigorosa orde de inscrición, ata cubrir a totalidade de prazas en cada localidade. Os/as solicitantes seleccionados/as recibirán un correo electrónico de confirmación da praza. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, de non recibir comunicación no día anterior á xornada, entenderase que non obtivo praza.

CUMPRIMENTO DA NORMATIVA DE PROTECCIÓN DE DATOS:
Os datos persoais recadados neste programa serán tratados na súa condición de responsable pola Consellería de Política Social coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste programa.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado comprométese ao cumprimento da súa obriga de segredo dos datos de carácter persoal e adoptará todas as medidas técnicas e de seguridade para asegurar a confidencialidade dos devanditos datos, así como evitar a súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizado, habida conta, en todo momento, do estado da tecnoloxía.


Proxecto LIDERA
Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA), aprobado ao abeiro do programa Interreg V-A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e que ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento das mozas e mozos do territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692,93 euros cunha financiación dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

Este encontro forma parte da actividade “Emprende” dirixida a aquelas iniciativas, ideas, entidades que desexen iniciar unha nova liña de negocio que conten cun grao de madurez suficiente co obxectivo de apoialas, afianzalas e acompañalas durante a súa posta en marcha. Neste encontro os mozos e mozas poderán coñecer e intercambiar experiencias con outras persoas mozos , tanto do propio territorio do proxecto como doutros territorios transfronteirizos.

Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.

Obteña máis información do proxecto LIDERA aquí.

Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante