Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

01/10/2019

Aberto o prazo de inscrición para o evento ´Mocidade´ sobre emprendemento, creatividade e talento xuvenil

4646F_1569934789_mocidade.jpg
  • A iniciativa contará con mesas redondas, charlas, espectáculos en directo e concertos musicais.
  • Terá lugar entre o 25 e o 27 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
  • A inscrición é gratuíta e dará acceso ás actividades, así como ao aloxamento e manutención durante os tres días do encontro.
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2019. Xa está aberta a inscrición para participar en Mocidade: Encontro da xuventude creativa e emprendedora Galicia-Norte de Portugal que ofrece 400 prazas. Trátase dun espazo de formación, creatividade, emprendemento, cultura e lecer que permitirá establecer sinerxías, compartir experiencias, proxectos e ideas, así como impulsar á xuventude no seu desenvolvemento persoal e profesional.

O obxectivo deste encontro, que terá lugar do 25 ao 27 de outubro na Cidade da Cultura, é fomentar a creatividade e o espírito emprendedor da mocidade galega e portuguesa a través dun espazo aberto á participación, ao tempo que fortalecerá os lazos de cooperación transfronteiriza Galicia–Norte de Portugal, especialmente en temas que melloren a empregabilidade da xuventude. Así, no transcurso da cita, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela habilitará un punto de recollida de currículos e a Fundación Galicia Europa no seu stand poñerá as novas tecnoloxías ao servizo da xuventude emprendedora, que dun xeito participativo interactuará  respondendo ás liñas básica do emprendemento e as nova ideas.

"Mocidade" procura promover o diálogo entre os participantes galegos e portugueses, pero tamén busca asentarse como un evento de referencia para as mozas e mozos grazas a unha programación multidisciplinar, moderna e á vangarda das novas correntes e sectores emerxentes, como poden ser os videoxogos. De feito, os días 25 e 26 a firma e-Sports contará cunha zona para exhibición na que poderán participar as mozas e mozos participantes.

Este evento está destinado ás mozas e mozos galegos e portugues de entre 18 e 30 anos de idade. A inscrición é totalmente gratuíta e dará acceso a todas as mesas redondas, charlas e dinámicas do evento, aos concertos musicais, así como ao aloxamento e manutención durante os tres días do encontro. Para solicitar unha das prazas que se ofertan deberase realizar a solicitude a través do formulario habilitado na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Nesta mesma páxina os interesados poderán coñecer máis información sobre o evento.

Programación diaria
O primeiro día a programación contará con dúas mesas redondas, a primeira delas baixo o nome Emprendemento: da idea á realidade e a segunda, Claves para xerar futuro: actitude, aptitude e talento, na que participarán, entre outros, o rapeiro freestyle Arkano, o artista Abelo Valis e a deportista galega paraolímpica Desirée Vila. Para finalizar a xornada, haberá música ao vivo a cargo de Baiuca e Ortiga.

O día 26 pola mañá poñerase en marcha un novo relatorio co título Novas profesións: as oportunidades na industria dos videoxogos. Ademais, haberá diversos espectáculos en directo, un de creación de graffitis, un showcooking e unha charla sobre como funciona un equipo de e-Sports. Pola tarde, haberá unha nova charla, neste caso, ofrecida polo artista El Langui co nome: Xuventude inquieta, xuventude creativa: superación, expresión e creatividade. Tamén na xornada vespertina celebrarase a mesa redonda Comunidade Tech e para rematar de novo con música a cargo de Blanco Palamera, Triángulo de Amor Bizarro e Cora Novoa.

A última xornada, os participantes en Mocidade realizará o último tramo do Camiño de Santiago, desde o Monte do Gozo ata a Praza do Obradoiro. Por último terá lugar unha actuación de Presumido e The Sunflowers para pechar o evento.

Proxecto LIDERA
Esta actividade enmárcase no proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA), aprobado ao abeiro do programa Interreg V-A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e que ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento das mozas e mozos do territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692,93 euros cunha financiación dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

Este encontro forma parte da actividade “Emprende” dirixida a aquelas iniciativas, ideas, entidades que desexen iniciar unha nova liña de negocio que conten cun grao de madurez suficiente co obxectivo de apoialas, afianzalas e acompañalas durante a súa posta en marcha. Neste encontro os mozos e mozas poderán coñecer e intercambiar experiencias con outras persoas mozos , tanto do propio territorio do proxecto como doutros territorios transfronteirizos.

Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.

Obteña máis información do proxecto LIDERA aquí.

FonteXunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante