Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

03/07/2019

Masterclass musicais, unha acción formativa en interpretación de instrumentos de teclado do Proxecto LIDERA

Cartel das clases maxistrais de música no festival IKFEM 2019 no marco do proxecto LIDERA. Fonte: IKFEM.png
  • Estas clases musicais están dirixidas a mozas e mozos galegos e portugueses de entre 16 e 30 anos.
  • O prazo de inscrición abarca desde o 25 de xuño ao 10 de xullo e realízase mediante a cobertura dun formulario telemático.
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2019. Convócase un programa formativo no eido musical a través de clases maxistrais para a interpretación de instrumentos de teclado; cubrindo períodos históricos moi amplos, desde a música renacentista, medieval, barroca, clásica ou contemporánea, ata a tradicional, o jazz ou a moderna. Esta iniciativa formativa desenvólvese no festival IKFEM´19 ("International Keyboard Festival & Masterclass da Eurocidade Tui – Valença 2019") no marco do proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo do proxecto LIDERA).

Trátase dunha actividade formativa que reforzará as sinerxias entre a cultura galega e portuguesa e permitirá descubrir o patrimonio cultural das dúas ribeiras do río Miño entre Galicia e Portugal. De feito, con estas clases maxistrais créase un espazo onde a persoa música, ademais de enriquecerse individualmente como intérprete recibindo clases do seu instrumento, amplía a súa visión global da música aprendendo o resto dos estilos musicais e instrumentos que están intrínsicamente ligados ao seu.

DESTINATARIOS
Os destinatarios destas clases maxistrais son mozas e mozos galegas/os e portugueses con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.

A) No caso do piano clásico, piano jazz, acordeón, cravo e o órgano:
  • Persoas con titulación ou estudando nun centro oficial de música.
  • Persoas con experiencia en interpretación de instrumentos de teclado.
B) No caso da zanfona e o canto:
  • Persoas con coñecementos musicais.
  • Persoas con experiencia en interpretación de instrumentos de teclado.
LUGARES DE REALIZACIÓN
Estas masterclass musicais vanse impartir nas localidades de Tui e Valença do Minho.

DATAS
As datas oficiais para esta acción formativa comprenden desde o 17 ao 21 de xullo de 2019, en horario de mañá e tarde. A/o moza/o participante deberá incorporarse á actividade o 17 de xullo ás 9.00 horas no Espazo Xove de Tui (r/ Sanz, 28, 36700 Tui).

PRAZAS
Un total de 50 prazas se ofertan para mozas e mozos activas/os; 10 por especialidade, agás nos instrumentos de órgano e cravo que contarán con 5 prazas respectivamente.

COBERTURA
Os gastos de aloxamento, manutención e transporte correrán a cargo do/a mozo/a participante nas actividades musicais.

ACTIVIDADES
As actividades que conforman o evento se desenvolverán en diferentes horarios:
  • En horario de mañá: sesións formativas individuais de instrumentos.
  • En horario de tarde: sesións grupais nas que cada día cada mozo/a participante asistirá a unha clase por especialidade para aprender de forma global.
Esta iniciativa formativa musical completarase con actividades paralelas adicadas á composición, un obradoiro sobre música mecánica e fonografía, a proxeción dun documental sobre Enrique Granados, prácticas de combo e concertos de estudantes xunto á programación de concertos do IKFEM.

1. Masterclass de instrumento.
Piano clásico
10 participantes.
Profesor: Maurizio Moretti.

Piano Jazz
10 participantes.
Profesor: Abe Rábade.

Acordeón
10 participantes.
Profesor: Víctor Prieto.

Zanfona
10 participantes.
Profesor: Germán Díaz.

Canto
10 participantes.
Profesor: Luis Mª Pacetti.
Asistente: Lourdes Leiva.
Pianista acompañante: Daniel Pereira.

Cravo
5 participantes.
Profesor: Daniel Oyarzábal.

Órgano
5 participantes.
Profesor: Daniel Oyarzábal.

2. Obradoiros.
Documental
‘O amor e a morte. Historia de Enrique Granados’.
Profesora: Rosa Torres Pardo.

Composición
Sinfonismo galego dos séculos XX e XXI.
Profesor: Juan Durán.

Obradorio de zanfona e instrumentos mecánicos
Os participantes aprenden a perforar unha melodía en cartóns para despois tocala cun instrumento mecánico.
Profesor: Germán Díaz.

3. Concertos dos participantes.
As/os mellores participantes elixidas/os polos profesores actuarán en tres concertos e terán a oportunidade de tocar conxuntamente nun combo de jazz con batería e contrabaixo.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN
A inscrición para este evento se poderá levar a cabo do 25 de xuño ao 10 de xullo de 2019, a través do envío deste formulario electrónico.

ADMISIÓN
A continuación, se expoñen os criterios de selección dos participantes para estas clases maxistrais de música.

A) Piano clásico, piano jazz, acordeón, cravo e órgano:
  1. Mozos e mozas con idades entre 18 e 30 anos con titulación ou estudando nun centro oficial de música, por rigorosa orde de inscrición.
  2. Mozos e mozas con idades entre 18 e 30 anos con experiencia en interpretación de instrumentos de teclado.
  3. Mozos e mozas con idades entre 16 e 17 anos con titulación ou estudando nun centro oficial de música, por rigorosa orde de inscrición.
  4. Mozos e mozas con idades entre 18 e 30 anos con experiencia en interpretación de instrumentos de teclado.
B) Zanfona e canto:
  1. Mozas e mozos con idades entre 18 e 30 anos con experiencia en interpretación de instrumentos de teclado.
  2. Mozas e mozos con idades entre 18 e 30 anos con coñecementos musicais, por rigorosa orde de inscrición.
  3. Mozas e mozos con idades entre 18 e 17 anos con experiencia en interpretación de instrumentos de teclado.
  4. Mozas e mozos con idades entre 16 e 17 anos con coñecementos musicais, por rigorosa orde de inscrición.
Os/as solicitantes seleccionados/as recibirán un correo electrónico de confirmación da praza. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, de non recibir comunicación nos cinco días hábiles seguintes, entenderase que non conseguiu praza.

Para obter máis información sobre esta acción de formación musical, as interesadas e interesados poden chamar ao teléfono 638359028 ou ven mandar un correo electrónico á dirección masterclass@ikfem.com. Así mesmo, se pode atopar información máis detallada da iniciativa na propia páxina oficial do festival IKFEM.

Proxecto LIDERA
Esta actividade enmárcase no proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA), aprobado ao abeiro do programa Interreg V-A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e que ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento das mozas e mozos do territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692,93 euros cunha financiación dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.

Esta iniciativa formativa forma parte da actividade “Cataliza” que ten como obxectivo mellorar, potenciar e impulsar a viabilidade dos proxectos e ideas da xuventude mediante a realización de actividades de tutorización e asesoramento individualizado, formación especializada e coaching persoal.

Obteña máis información do proxecto LIDERA aquí.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante