Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

28/05/2019

Literaturas Irmás-Irmãs, unha ponte literaria entre as dúas ribeiras do Miño no marco do Proxecto LIDERA

As Literaturas Irmás-Irmãs supón unha ponte literaria entre as dúas ribeiras do Miño.jpg
  • As obras da poeta portuguesa Sophia de Mello Breyner Andresen e o escritor galego Agustín Fernández Paz son os libros que se expoñen actualmente nas bibliotecas das dúas cidades participantes no proxecto; Redondela e Monçao.
Santiago, 28 de maio de 2019. O proxecto Literaturas Irmás-Irmãs nace como unha das accións de visibilización da realidade transfronteiriza de Galicia-Norte de Portugal, no marco do segundo curso de Axentes de Cooperación Transfronteiriza. Este curso foi desenvolvido pola Fundación Galicia Europa coma unha actividade do Proxecto LIDERA, un proxecto europeo que se enmarca no programa Interreg V A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP). Ante o reto de levar a cabo unha actividade que sirva para visibilizar e fomentar a cooperación transfronteiriza, a alumna Tania Lago Míguez impulsou este proxecto e actualmente atópase coordinando as publicacións nas plataformas anteriormente mencionadas. O devandito proxecto só foi posible grazas ao gran exemplo de cooperación, colaboración e comunicación logradas entre o Concello de Redondela, a Cámara Municipal de Monçao e as súas bibliotecas municipais.

A gran permeabilidade das zonas transfronteirizas en canto á cultura, á lingua ou ás relacións interpersoais, ten como un dos seus grandes expoñentes o caso concreto da fronteira entre Galicia e o Norte de Portugal. Se a cultura é unha realidade capaz de traspasar fronteiras físicas con facilidade, nesta Eurorrexión esta facilidade intensifícase ao compartir ambos os territorios un vehículo común: a lingua. O galego e o portugués son linguas que comparten a mesma orixe, sendo a súa primeira fonte de literatura escrita as cantigas medievais escritas en galego-portugués. A pesar da súa distinta evolución ao longo da historia, na actualidade permanecen o suficientemente próximas para que os habitantes dun e outro territorio teñan entre eles unha intercomprensión natural.

Deste xeito nace Literaturas  Irmás- Irmãs, unha ponte literaria entre ambas rexións que sirve de achegamento a autores e obras que, a pesar da proximidade xeográfica e lingüística, moitas veces non resultan de fácil acceso aos lectores que os comprenden con relativa facilidade na súa lingua orixinal. Por iso, e como orixe de todo bo lector, as bibliotecas presentáronse como os alicerces perfectos para esta ponte. Así, a través dun intercambio bibliotecario cunha periodicidade trimestral, a figura dun autor ou autora viaxa acompañado da súa obra a unha biblioteca do outro lado do Miño e alí permanece dispoñible para os lectores que queiran atreverse.

Actualmente, o proxecto desenvólvese nas poboacións de Redondela e Monçao. A estreita relación entre as dúas poboacións é unha realidade dende hai máis de 20 anos, cando formalizaron un irmandamento baseándose na lenda común que dá orixe ás súas festas patronais: Un ser mitolóxico semellante a un dragón que en tempos ancestrais era temido por secuestrar ás novas (curiosamente recibe o mesmo nome nas dúas poboacións “Coca”). A día de hoxe desenvolven o proxecto Literaturas Irmás- Irmãs nas súas bibliotecas municipais a modo dun “irmandamento bibliotecario”, pois cada tres meses deciden cales serán os autores ou autoras intercambiados para enviar xunto con información sobre a súa obra e parte dos seus fondos bibliográficos á súa “biblioteca irmá”.

Os libros, así como unha breve información sobre a vida do autor, permanecen expostos e ao alcance da curiosidade dos lectores. Tamén son obxecto de distintas actividades relacionadas con elas, pois se involucran na lectura destas obras os clubs de lectura de ambas as bibliotecas. Recentemente, o 20 de marzo, tivo lugar un encontro dos lectores das bibliotecas de Redondela e Monçao con Manuel Rivas, escritor galego que foi o primeiro autor intercambiado xunto a José Saramago. Neste encontro, as conversacións entre os lectores de ambas poboacións e co propio autor puxeron de manifesto a inmensa proximidade, non só das linguas, se non das historias e vivencias que ambas as rexións comparten e o facilmente que nos recoñecemos nas historias do outro.

Dende marzo, son as obras da poeta portuguesa Sophia de Mello Breyner Andresen e o escritor galego Agustín Fernández Paz as que se expoñen nas bibliotecas destas poboacións hermanadas ao dispor dos seus usuarios. A actualización e toda a información relativa ao proxecto, os autores e obras intercambiados, así como cuestións relacionadas coa literatura galega e portuguesa están dispoñibles nas plataformas virtuais vinculadas a Literaturas  Irmás- Irmas, en Instagram e o seu blogue.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante