Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

09/11/2018

Mostra e Encontro da xuventude emprendedora Galicia-Norte de Portugal (MEXE 2018)

4438F_1541765740_91d16572500ce77da25c9b7f64525db0_L.jpg
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2018. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega) o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave participan na “Mostra e Encontro da xuventude emprendedora Galicia- Norte de Portugal (MEXE)  organizado pola Federação Nacional das Associações Juvenis de Portugal (FNAJ) os días 23, 24 e 25 de novembro de 2018 en Arcos de Valdevez (Portugal).

Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA), aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e que ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do  territorio.

Obxectivo: o encontro ten por obxectivo crear un espazo aberto ao asociacionismo xuvenil e de reflexión  sobre a empregabilidade xuvenil e a importancia da participación das persoas mozas na sociedade, na cooperación transfronteiriza e no desenvolvemento das rexións.

Será un espazo para tratar temas de interese común, principalmente aqueles que están relacionados co emprego e emprendemento xuvenil; unha mostra de ideas combinada con debates, conferencias, masterclasses, teatro e visitas pedagóxicas, entre outras actividades complementarias.

Preténdese que esta mostra encontro sexa un espazo de aprendizaxe, información sobre emprego e emprendemento, animación, cultura e lecer que poida constituír un marco cualitativo na afirmación do asociacionismo xuvenil desta dinámica rexión do Norte de Portugal e Galicia.

Datas de realización: do 23 ao 25 de novembro de 2018.
Lugar de realización: 
Casa das Artes de Arcos de Valdevez
Rúa Carlos da Cunha (Xardín dos centenarios)
Arcos de Valdevez (Distrito de Viana)
Portugal
Destinatarios:  mozos e mozas que sexan membros de asociacións xuvenís ou de grupos informais, de entre 18 e 30 anos.
Prazas ofertadas:  ofertase un total de 100 prazas, con un máximo de 4 prazas por asociación ou grupo informal.
Inscrición:  será a través de formulario  electrónico.
Prazo de inscrición:  do 8 ao 19 de novembro de 2018.
Admisión: as prazas serán adxudicadas por rigoroso orde de inscrición.

No caso de que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas ofertadas establecerase unha lista de reserva por orde de entrada e no suposto de baixas poderán ser adxudicadas as vacantes por dito orde.

As persoas participantes das asociacións e grupos informais recibirán un correo de confirmación unha vez rematado o prazo de inscrición. No suposto de non ter recibido ningún correo nos dous días posteriores á finalización do prazo de inscrición, se entende desestimada a súa petición.

Cobertura:  aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple.
Transporte:  haberá servizo de transporte dende Galicia a Arcos de Valdevez con saída o día 23 de novembro (en horario de tarde)  desde A Coruña, con paradas en Santiago, Pontevedra e Vigo e regreso o día 25 de novembro (en horario de tarde) ao remate do programa de actividades facendo o mesmo percorrido.
O servizo de transporte poderá ser ampliado ás cidades de Lugo e Ourense no caso de existir un mínimo de 10 persoas para realizar a viaxe.

Para mais información: subactividades-xuventude.ctb@xunta.gal
 
FORMULARIO DE INSCRICIÓN

Proxecto Lidera

O proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA) foi  aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP)  e  ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do  territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros cunha financiación dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

Esta mostra e encontro forma parte da actividade “Emprende” dirixida a aquelas iniciativas, ideas, entidades que desexen iniciar unha nova liña de negocio, que conten cun grao de madurez suficiente co obxectivo de apoialas, afianzalas e acompañalas durante a súa posta en marcha.  Neste encontro os mozos e mozas poderán coñecer e intercambiar experiencias con outras persoas mozos , tanto do propio territorio do proxecto como doutros territorios transfronteirizos.

Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega), o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante