Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...
29/04/2011
Tui, 29 de abril de 2011. O proxecto EMPRENDE, que alenta aos mozos a crear as súas propias empresas e promocionar o emprego xuvenil, presentouse esta mañá en Tui. Este proxecto, do que é socia a Fundación Galicia Europa, inscríbese no Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, desenvolverase entre 2011 e 2012, e conta cun orzamento de máis de 727.000 euros, cun 75% a cargo de FEDER.
No acto de presentación, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, salientou o propósito desta nova iniciativa de implicar á xuventude galega e portuguesa en novas experiencias de crecemento e revitalización económica desta área. Deste Traballo estímase que EMPRENDE podería beneficiar a máis de 20.000 persoas a través do asesoramento, da cooperación empresarial, do apoio a iniciativas xuvenís e da formación destinada a mozos emprendedores.
A Fundación Galicia Europa participa neste proxecto xunto co Instituto Português da Juventude, a Confederación de Empresarios de Galicia, a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles de Portugal, e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, quen ademais exerce como socio líder.
A FGE formará parte de todas as actividades destinadas ao fomento da competitividade e promoción de emprego desenvolvidas dentro de EMPRENDE, con especial énfase no ámbito da difusión dos seus resultados.