Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

25/05/2011

A Fundación Galicia Europa e os seus socios europeos abordan unha estratexia común para a eco-innovación

  • A FGE asiste ao comité de seguimento do proxecto Eco-innova que se celebra entre o 25 e o 27 de maio en Gales
  • Os socios presentarán as súas estratexias territoriais de desenvolvemento e buscarán a súa posta en común

Santiago, 25 de maio de 2011.- A Fundación Galicia Europa (FGE) participa estes días no comité de seguimento do proxecto Eco-innova que inicia hoxe as súas reunións na Universidade de Glamorgan en Gales. Dentro destas xornadas, a FGE e os socios integrantes do proxecto lanzarán formalmente a “Estratexia Común para a Eco-innovación” na que se recollerán as directrices para impulsar o crecemento económico e a ecoloxía nas rexións europeas.

A FGE exporá ante o comité de seguimento as medidas e recomendacións necesarias para desenvolver proxectos ecoeficientes en Galicia nos sectores agrícola, pesqueiro, forestal, medioambiental e industrial. A “Estratexia Común en Galicia” recolle diversas actuacións para cada ámbito concreto orientadas ao aumento da produtividade e competitividade das pemes xunto co respecto ao medio ambiente, así como apunta novas oportunidades de ecoinnovación.

Estas propostas son froito dos estudos realizados sobre estes 5 eidos a finais de 2010 na nosa comunidade, e cuxos resultados se presentaron nunha reunión celebrada o pasado mes de marzo en Bordeos. Nela, cada socio participante deu a coñecer a situación nos seus territorios e emprazáronse a trazar unha estratexia común de desenvolvemento baseada na necesidade de facilitar o ecoemprendemento, contribuír ao crecemento sustentable das pemes e crear un mecanismo transnacional de colaboración. Ademais, o consorcio acordou a posta en marcha dun toolbox de servizos transnacionais que sirva como fonte dinamizadora da eco-innovación e eco-emprendemento.

 

A innovación a través da ecoloxía

O proxecto Eco-Innova, adscrito ao Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico, é promovido por catro socios: o Concello de Ourense, a FGE, ADRAT e ACIBTM de Portugal, Bordeux Productic de Aquitania (Francia) e a Universidade de Glamorgan en Gales.

Este consorcio busca impulsar a innovación ecolóxica nas rexións europeas, especialmente na área atlántica, é dicir, animar ás pemes a que aposten polo crecemento económico sustentable. De feito, este sector xa factura en Galicia uns 1.100 millóns de euros anuais, proporcionando emprego a 7.000 persoas e representando o 1,5% do Valor Engadido Bruto da comunidade.

Eco-innova, iniciado en xullo de 2010, ten unha duración de 35 meses e dispón dun orzamento de 1.435.489,54 euros, do que un 65% é financiado polos fondos FEDER.

 

Máis información sobre o proxecto Eco-innova aquí.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante