Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

19/04/2021

Aberta a primeira convocatoria de propostas do Corpo Europeo de Solidariedade 2021-2027

5314F_1618826159_volunteers-helping-with-donations-for-world-food-day-min.jpg
  • A prioridade marcada para este ano é a saúde, polo que se mobilizará ás persoas voluntarias para que traballen en proxectos centrados nos desafíos sanitarios e recuperación dos países, especialmente no contexto actual.
  • O prazo de presentación de proxectos para esta primeira convocatoria, tanto para o voluntariado como axuda humanitaria, permanecerá aberto desde o 15 de abril até o 5 de outubro.
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2021. A Comisión Europea lanzou este xoves a primeira convocatoria de propostas de proxectos de voluntariado do novo Corpo Europeo de Solidariedade 21-27, dotada dun orzamento de 1.000 millóns de euros para o período citado, dos que 138 millóns se destinarán a este primeiro ano, o que permitirá que máis de 275.000 mozas e mozos participen como voluntarios.

O Corpo Europeo de Solidariedade aposta pola participación da mocidade en actividades de voluntariado en diferentes eidos, como actividades culturais, axuda a persoas en risco de exclusión social ou apoio a actuacións medioambientais. Debido ao contexto de crise sanitaria actual, a prioridade marcada para este ano é a saúde, polo que se mobilizará ás persoas voluntarias para que traballen en proxectos centrados nos desafíos sanitarios e recuperación dos países. A partir do ano que vén, o programa tamén contemplará as actividades de voluntariado en axuda humanitaria en todo o mundo, o que permitirá que as mozas e mozos contribúan na resolución dos retos humanitarios en terceiros países. 

Para poder presentarse á convocatoria, as organizacións terán que contar cun “selo de calidade” que certifique e garanta que as súas actividades son acordes aos obxectivos e principios do Corpo Europeo de Solidariedade. A Comisión adiantou que toda organización que o desexe, tanto pública como privada, poderá solicitar este selo para acollerse a esta oportunidade de financiamento. 

Da mesma maneira, todos aqueles grupos de mozas e mozos que estean rexistrados no portal do Corpo Europeo de Solidariedade poderán solicitar directamente o financiamento para proxectos solidarios deseñados, desenvolvidos e dirixidos por eles. 

O prazo de presentación de proxectos para esta primeira convocatoria, tanto para o voluntariado como axuda humanitaria, permanecerá aberto desde o 15 de abril até o 5 de outubro. Os selos de calidade poden presentarse en calquera momento, mais no caso de querer solicitar o selo de calidade no eido da axuda humanitaria o prazo só estará aberto até o 22 de setembro. 

CONTEXTO

O 11 de decembro de 2020, a Comisión Europea acollía con satisfacción o acordo político sobre o Corpo Europeo de Solidariedade entre o Parlamento Europeo e os Estados membros para o período 21-27. Este programa permite que mozas e mozos de entre 18 e 30 anos participen en actividades de voluntariado en eidos diversos como medio ambiente, cultura ou educación. Por primeira vez, o programa permitirá a realización de actividades de voluntariado no ámbito da axuda humanitaria, establecendo como requisito máximo de idade os 35 anos nestes casos. 

O novo Corpo Europeo de Solidariedade baséase en catro eixos principais: a promoción da inclusión e a diversidade; a contribución na incorporación de prácticas ecolóxicas nos proxectos; o apoio á transición dixital a través do fomento de competencias dixitais; e a participación e implicación da mocidade nos procesos democráticos.

Ligazóns relacionadas

Corpo Europeo de Solidariedade

Comunicado de prensa da Comisión

Guía do Corpo Europeo de Solidariedade


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante