11/01/2021
Aberta a consulta en liña do Diálogo coa Mocidade
- O Consello da Xuventude de España manterá a consulta en liña até o vindeiro 17 de xaneiro.
Santiago de Compostela, 11 de xaneiro do 2021. A iniciativa europea “Diálogo coa Mocidade” lanza unha consulta en liña enmarcada dentro do proxecto “Europa para a xuventude. Mocidade para Europa: espazo para a democracia e a participación”, que busca coñecer a opinión da xuventude sobre os diversos aspectos da situación actual deste colectivo dentro da Unión Europea en relación con distintos eidos, tales como o emprego ou a educación.
Poderán participar na consulta todas aquelas persoas con idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos a través da seguinte
ligazón, e só até o vindeiro 17 de xaneiro. Os resultados obtidos serán trasladados á Comisión Europea, institución encargada de estudalos e validalos na
Youth Conference de Portugal, que terá lugar no ano 2021.
DIÁLOGO DA UNIÓN EUROPEA COA MOCIDADE
“Diálogo coa Mocidade” é un proxecto que promove a participación da xuventude europea no desenvolvemento político, social, económico e cultural a través do fomento do debate entre a xuventude e os/as responsables das tomas das decisións en todas as fases deste procedemento: deseño, implementación, seguimento e avaliación das políticas públicas (especialmente aquelas que teñan repercusión na mocidade).
Na actualidade estase a desenvolver o VIII Ciclo de Diálogo, que pon o foco no fortalecemento da participación democrática e na autonomía da xuventude, así como na creación de espazos concretos para debater as cuestións máis relevantes.