12/11/2020
Participa como Embaixador/a no proxecto “Europe on Track”
- Inscríbete até o 22 de novembro e comeza unha viaxe en tren durante un mes para coñecer as diferentes opinións da xuventude de toda Europa
Santiago, 12 de novembro de 2020. Ábrese o prazo de inscrición para unha nova edición do proxecto Europe on Track, no que as persoas seleccionadas, de entre 18 e 30 anos, poderán compartir unha experiencia única e innovadora a través dunha viaxe en tren por Europa. Este ano o tema é “Europe on Track 8: Change is within YOUth! All aboard the Activism Express”, e ten o obxectivo de afianzar o activismo político na xuventude, así como empoderala, para que tomen o liderado ante este novo contexto de incerteza.
Os embaixadores e embaixadoras farán un total de catro rutas en diferentes grupos, tendo a posibilidade de visitar cada unha das cidades incluídas en cada percorrido durante dous ou tres días. En cada parada, ademais, terán a oportunidade de participar en workshops en universidades e institutos, coñecer a xente local e entrevistalas para descubrir e coñecer novas ideas en relación ao eido da xuventude europea. Transmitirán toda a información que recompilen a través de artigos, foto álbums, vídeos e actualizacións diarias nas redes sociais.
Como consecuencia da crise derivada da COVID-19, este ano unha das rutas será online, e o grupo encargado terá como tarefa facilitar os workshops online e realizar entrevistas online ás persoas participantes doutros países.
Os embaixadores e embaixadoras recibirán unha formación previa á posta en marcha de Europe on Track e terán cubertos tódolos gastos que se deriven do proxecto, como o transporte, aloxamento, comida, a viaxe e aquelas actividades enmarcadas no mesmo.
Consulta toda a información relacionada co proxecto e inscríbete
antes do 22 de novembro na páxina oficial de
Europe on Track.