Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

23/09/2019

Terceiro aniversario do Corpo Europeo de Solidariedade

Servicio_de_Voluntariado_Europeo_traballando_en_Vluchtelingenwerk__Bruxelas._Fonte____European_Union_2016.jpg
  • Desde a súa creación en 2016, máis de 161.000 mozos de entre 18 e 30 anos asinaron a súa adhesión a esta iniciativa solidaria que cambiou a vida de moitas persoas.
  • A maioría das actividades financiadas no marco do Corpo Europeo de Solidariedade bríndalles aos mozos a oportunidade de realizar actividades de voluntariado, aínda que tamén lles permite realizar períodos de prácticas e mesmo atopar opcións de emprego.
Bruxelas, 23 de setembro de 2019. O pasado 13 de setembro cumpríanse tres anos desde o anuncio do presidente Juncker, no seu discurso sobre o estado da Unión de 2016, da creación dun corpo europeo de solidariedade que brindase aos mozos a oportunidade de participar nunha ampla gama de actividades solidarias en toda a Unión.

Ao longo destes tres anos, máis de 161.000 mozos de entre 18 e 30 anos asinaron a súa adhesión a este Corpo Europeo de Solidariedade, unha iniciativa que cambiou a vida de moitas persoas. Aínda que a maioría das actividades financiadas no seo desta iniciativa brindan a oportunidade de realizar actividades de voluntariado (individualmente ou en equipo), os mozos tamén poden beneficiarse de períodos de prácticas e de emprego. Ademais, os propios mozos poden poñer en marcha proxectos de solidariedade nos que inicien, desenvolvan e xestionen actividades que contribúan a realizar un cambio positivo nas súas comunidades, á vez que viven no estranxeiro e adquiren valiosas capacidades.

No terceiro aniversario da iniciativa, o comisario de Educación, Cultura, Mocidade e Deporte, Tibor Navracsics, quixo destacar que «nos últimos 3 anos avanzamos moito. Nun tempo récord, puxemos en marcha un novo programa que permite aos mozos e ás organizacións axudar aos demais, contribuíndo a crear unha sociedade máis unida e  empática. Éncheme de orgullo ver a tantos mozos desexando implicarse e participar en proxectos sobre o terreo. O seu entusiasmo é unha auténtica fonte de inspiración. Este é o motivo polo cal propuxen que se amplíe e potencie o Corpo Europeo de Solidariedade despois de 2020».

A inclusión é un dos temas máis comúns que abordan os proxectos do Corpo Europeo de Solidariedade, pero non o único. Outros temas son o traballo xuvenil, o cambio climático, o desenvolvemento comunitario, a cidadanía, a educación ou a cultura. Espérase que nos próximos meses e anos se cren decenas de miles de oportunidades máis nestes ámbitos. Doutra banda, unha de cada tres oportunidades financiadas polo Corpo Europeo de Solidariedade está reservada a mozos con menos oportunidades que afrontan obstáculos como discapacidades ou problemas de aprendizaxe ou obstáculos económicos, sociais ou xeográficos.

Por exemplo, en Letonia, un proxecto bautizado ”Un lugar especial para xente especial” promove a integración de mozas con discapacidade no mercado de traballo, empregándoos e implicándoos en todas as actividades dun café que segue o modelo de empresa social en Riga. En Grecia, hai voluntarios que axudan a protexer o bosque de  Xylokastro e Derveni regando e plantando árbores e limpando os camiños forestais. Por último, en Suecia, a través dun proxecto que busca concienciar sobre o clima, os voluntarios infórmanse sobre o cambio climático e a biodiversidade axudando no xardín ecolóxico e a ecoaldea, e participando en actividades de divulgación. Un exemplo de proxecto iniciado polos propios voluntarios é o de Lituania, onde cinco participantes procedentes dun centro de mozos con discapacidade crearon o seu propio proxecto, o Café da Solidariedade, o que lles permitiu establecer novas amizades e establecer conexións persoais coa súa comunidade.

Contexto
No seu discurso sobre o estado da Unión de setembro de 2016, o presidente Juncker anunciou a creación dun Corpo Europeo de Solidariedade que brindase aos mozos europeos oportunidades para participar en actividades solidarias e contribuír á sociedade no marco da estratexia máis ampla da Comisión de investir nos mozos. O Corpo Europeo de Solidariedade é a resposta ao interese real de participar en proxectos sociais mostrado polos mozos. Nunha enquisa do Eurobarómetro publicada na primavera de 2019, máis da metade dos mozos enquisados afirmaron participar en actividades de voluntariado ou proxectos comunitarios locais, e tres de cada catro, participar en movementos ou actividades de voluntariado organizados.

Apenas tres meses despois do anuncio do presidente Juncker, o 7 de decembro de 2016 púxose en marcha o Corpo Europeo de Solidariedade, co obxectivo de chegar a unha participación de 100.000 mozos para finais de 2020. Durante a fase inicial, mobilizáronse oito programas diferentes de financiamento da Unión para ofrecer oportunidades de voluntariado, prácticas ou emprego.

O 30 de maio de 2017, a Comisión presentou unha proposta para dotar ao Corpo Europeo de Solidariedade dunha única base xurídica, do seu propio mecanismo de financiamento e dun conxunto máis amplo de actividades de solidariedade. O novo Regulamento entrou en vigor o 5 de outubro de 2018; ademais, o Corpo conta co seu propio orzamento, de 375,6 millóns de euros, ata 2020.

As primeiras convocatorias de propostas puxéronse en marcha en agosto e novembro de 2018 e deron lugar á creación de 20.000 novas oportunidades. Na actualidade, hai aberta outra convocatoria de propostas, que se espera xere outras 7.000 oportunidades e cuxo prazo para a presentación de solicitudes finaliza o 1 de outubro de 2019. Nesta convocatoria convídase as organizacións que contan cun selo de calidade a solicitar axudas e poñer en marcha proxectos para que os mozos participen en actividades de voluntariado, traballen ou realicen períodos de prácticas. Tamén poden presentar candidaturas grupos de mozos para xestionar os seus propios proxectos de solidariedade. Os mozos interesados en participar nun proxecto financiado poden inscribirse directamente no portal do Corpo Europeo de Solidariedade.

O 11 de xuño de 2018, a Comisión presentou a súa proposta relativa ao Corpo Europeo de Solidariedade no marco do próximo orzamento da Unión a longo prazo para o período 2021-2027, cunha asignación de 1 260 millóns de euros, co fin de que ao redor de 350 000 mozos poidan participar en actividades de solidariedade durante 7 anos.

Se precisas mais inforamción sobre como participar no Corpo Europeo de Solidariedade podes atopala na nosa Guía de Prácticas e Saídas Laborais na Unión Europea e Organizacións Internacionais.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante