Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

06/09/2021

Oportunidades de prácticas na Unión Europea

5399F_1630927261_glenn-carstens-peters-npxXWgQ33ZQ-unsplash.jpg
  • Os prazos de presentación de solicitudes pecharán ao longo do mes de setembro.
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2021. Desde a Fundación Galicia Europa, achegamos as diferentes oportunidades de prácticas en organismos da Unión Europea, cuxo prazo de inscrición finaliza este mes de setembro.

PRÁCTICAS NAS DELEGACIÓNS DO SERVIZO EUROPEO DE ACCIÓN EXTERIOR

Como todos os meses, as convocatorias en diferentes delegacións do SEAE publícanse de maneira regular na súa páxina web, polo que che recomendamos botarlle unha ollada por se algunha se axusta ao teu perfil.

CENTRO COMÚN DE INVESTIGACIÓN

De maneira periódica, o Centro Común de Investigación publica na súa páxina web unha serie de bolsas de prácticas para diferentes proxectos, relacionadas con eidos diversos como historia, cultura, economía, biodiversidade... 

Actualmente ten abertas dez convocatorias, relacionadas coa saúde, seguridade, comunicación e seguridade nuclear. 

AXENCIA EUROPEA PARA A SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO
  • A data límite para presentar a túa candidatura é o 7 de setembro.
Esta axencia ten aberta unha convocatoria de bolsas para as súas sedes en Bilbao (País Vasco) e Bruxelas durante seis meses. As persoas interesadas terán que cumprir unha serie de requisitos xerais, como:
  • Ter nacionalidade dun Estado membro. 
  • Ter unha titulación universitaria.
  • Ter coñecemento en polo menos dous idiomas oficiais da Unión Europea, tendo que ser un deles o inglés. 
As unidades ás que poderás presentar a túa candidatura son:
  • Centro de Recursos e Servizos.
  • Secretaría da Rede (oficina de Bruxelas). 
  • Unidade de Comunicación e Promoción.
  • Unidade de Prevención e Investigación.
Máis información na seguinte ligazón

TRIBUNAL DE XUSTIZA DA UNIÓN EUROPEA
  • A data límite é o 15 de setembro.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea é a autoridade xudicial da Unión e vela pola aplicación e a interpretación uniforme do Dereito da Unión. O Tribunal ofrece cada ano un número limitado de prazas para realizar prácticas remuneradas nos gabinetes dos Membros do Tribunal de Xustiza e do Tribunal Xeral da Unión Europea, así como nos servizos do Tribunal de Xustiza, cunha duración de cinco meses (salvo na Dirección de Interpretación, na que o período será de dez a doce semanas).

Os requisitos para poder optar a estas bolsas son:
  • Ser nacional dun Estado membro da UE.
  • Ter unha titulación universitaria en Dereito ou Ciencias Políticas; e para as prácticas na Dirección de Interpretación, un título de intérprete de conferencias.
  • Ter un coñecemento perfecto dunha das linguas oficiais da UE así como un bo coñecemento dunha segunda. Recoméndase que unha das dúas linguas sexa o francés.
Podes atopar máis información na seguinte ligazón

COMITÉ DAS REXIÓNS
  • A data límite é o 30 de setembro.
O Comité das Rexións é un organismo consultivo da UE composto por representantes a escala local e rexional dos Estados membros, que ten por obxectivo dar voz ás rexións e cidades europeas sobre a lexislación da UE. 

Actualmente, oferta bolsas de prácticas remuneradas durante un período de cinco meses en Bruxelas, onde a persoa solicitante poderá seleccionar até tres departamentos de interese do Comité. 

As persoas que desexen presentarse a esta convocatoria, deberán de reunir os seguintes requisitos:
  • Ser nacional dun Estado membro. 
  • Ter unha titulación universitaria.
  • Ter fluidez en dous dos idiomas oficiais da Unión Europea, tendo que ser un deles o inglés ou francés.
  • As persoas candidatas non poderán ter desfrutado máis de oito semanas consecutivas doutra bolsa ou contrato laboral nunha institución europea.
Consulta toda a información na páxina web do Comité das Rexións. 

COMITÉ ECONÓMICO E SOCIAL EUROPEO
  • A data límite é o 30 de setembro.
O Comité Económico e Social Europeo é un órgano consultivo da Unión Europea composto por representantes das organizacións de traballadores/as e empresarios/as, así como doutros grupos de interese, que ten por obxecto emitir ditames sobre cuestións da UE e actuar como ponte entre as institucións da UE con capacidade decisoria e a cidadanía europea. Actualmente, oferta bolsas de prácticas remuneradas por un período de cinco meses.

Para aplicar, ademais de ter interese polos eidos de actuación do Comité, as persoas candidatas terán que reunir os seguintes requisitos:
  • Ser nacional dun Estado membro.
  • Ter unha titulación universitaria.
  • Ter coñecemento en dúas linguas oficiais da Unión Europea, tendo que ser unha delas o inglés ou o francés.
Podes consultar máis información sobre esta oportunidade na seguinte ligazón

GUÍA DE PRÁCTICAS DA FUNDACIÓN GALICIA EUROPA

Na Guía de prácticas e saídas laborais na Unión Europea e organizacións internacionais poderás atopar máis información sobre diferentes oportunidades dentro da Unión Europea e noutros organismos internacionais.


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante