Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

29/03/2021

Máis de 120 mozas e mozos danse cita nos encontros virtuais da Fundación Galicia Europa

5296F_1617027013_MicrosoftTeams-image.jpeg
  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, inaugurou a semana pasada os encontros virtuais da Fundación Galicia Europa “Diálogos con”
  • Ao longo das dúas xornadas nas que se desenvolveu o evento, os participantes puideron coñecer, da man de  bolseiras da Fundación Galicia Europa e de institucións comunitarias, as oportunidades de prácticas e as saídas laborais que ofrece o ámbito europeo
Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2021. A semana pasada, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, inaugurou os encontros virtuais “Diálogos con”, da Fundación Galicia Europa, sobre prácticas e saídas laborais para a mocidade na Unión Europea, que contaron tamén coa participación da directora da oficina desta entidade en Bruxelas, Ana Ramos.

Durante a súa intervención, a directora xeral referiuse ás experiencias laborais internacionais da xuventude, así como ás do ámbito do voluntariado, como un gran valor para Galicia ao seu regreso. Nesta mesma liña, Ana Ramos, eloxiou o gran talento que existe na comunidade autónoma e animou aos mozos e mozas a aproveitar estes encontros para facer todas as preguntas necesarias e despexar as súas dúbidas sobre a materia. 

Ao longo das dúas xornadas nas que se desenvolveu o evento, máis de 120 mozos galegos puideron coñecer, da man de  bolseiros da Fundación Galicia Europa e de institucións comunitarias, como o Parlamento Europeo e a Comisión Europea, as oportunidades de prácticas e saídas laborais que ofrece o ámbito comunitario, así como os requisitos para optar ás mesmas. Ademais, os participantes puideron dialogar con antigos  bolseiros sobre a súa propia experiencia persoal.

“Diálogos con”  é  unha iniciativa organizada  pola Fundación Galicia Europa, en colaboración  coa Consellería de Política Social, enmarcada dentro da súa sección #EuroXuventude, coa que desexa continuar a dar resposta a un dous seus obxectivos fundacionais: formar e sensibilizar sobre Europa en Galicia.

A Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, esta fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 350 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante