Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

12/02/2021

Oportunidades de prácticas na Unión Europea e outros organismos internacionais

5261F_1613133797_businesswoman-working-in-the-office-with-smile-while-sitting.jpg
  • Todos os prazos finalizan no mes de febreiro.
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2021. Desde a Fundación Galicia Europa achegamos as ofertas de bolsas de prácticas na Unión Europea e outros organismos internacionais, dirixidas a persoas con titulación universitaria e cun bo dominio do inglés. Búscanse perfís no eido do dereito, a comunicación e a economía, entre outros.

PRÁCTICAS NAS DELEGACIÓNS DO SERVIZO EUROPEO DE ACCIÓN EXTERIOR

As convocatorias en diferentes delegacións do SEAE publícanse de maneira regular na súa páxina web, polo que che recomendamos botarlle unha ollada por se algunha se axusta ao teu perfil!

PROGRAMA DE PRÁCTICAS DA OTAN

A data límite para inscribirse é o 17 de febreiro.

Actualmente, a OTAN ten abertas tres convocatorias de prácticas na sede de Brunssum, nos Países Baixos. 
  • Unha na Office of the Political Advisor, co obxecto de supervisar e analizar os temas de seguridade internacional máis relevantes. Esta oportunidade, cunha duración de seis meses, diríxese a persoas con titulación universitaria (en Ciencia Política, Relacións Internacionais, Estudos Estratéxicos ou similares), que estean matriculadas nun Máster e teñan bo coñecemento en inglés. 
  • Unha no Integrated Advisory Team, Information Knowledge Management Division, cunha duración de seis meses e que terá como función principal a cooperación e asistencia ao Business Continuity Plan Developer. Diríxese a estudantes de grao en eidos como Administración de Empresas, Xestión de Crises, Seguridade Pública ou afíns, ademais doutros méritos a valorar como ter experiencia en bases de datos ou coñecemento sobre procesos de xestión de riscos. 
  • Unha na Military Public Affairs Branch da Communications Division, que ten como función principal a coordinación e sincronización da actividade comunicativa. Así, a bolsa diríxese a estudantes de Máster en Xornalismo Multimedia e ramas afíns, que teñan competencias comunicativas e coñecementos de ofimática. 
As prácticas terán unha duración de seis meses, comezando en setembro (2021) e rematando en febreiro (2022).
 
Consulta toda a información na páxina oficial da OTAN.

CENTRO COMÚN DE INVESTIGACIÓN

A data límite é o 24 de febreiro.

O Centro Común de Investigación oferta unha bolsa de prácticas na Dirección de Enerxía, Transporte e Clima, cunha duración de cinco meses na súa sede de Ispra (Italia). O obxectivo das prácticas é que a persoa seleccionada se involucre nas actividades de investigación orientadas a avaliar o impacto dos contaminantes atmosféricos e os seus custos nos Balcáns Occidentais. 

O CCI busca a unha persoa cunha titulación universitaria en eidos afíns ás ciencias ambientais, enxeñaría, economía ou matemáticas, e que ademais teña, polo menos, un nivel B2 de inglés.

Consulta toda a información na seguinte ligazón.  

AUTORIDADE EUROPEA DE VALORES E MERCADOS

O prazo está aberto até o 28 de febreiro.

A AEVM ten abertas tres convocatorias remuneradas, dirixidas a perfís diferentes:
  • Unha para o seu departamento legal, responsable de ofrecer apoio ao resto de departamentos en materia xurídica. Así, a bolsa diríxese a persoas con titulación universitaria e un nivel de B2 en inglés, ademais doutros méritos que poderán ser tidos en conta como o grao en dereito ou especialización en financiamento comunitario. A duración será de 6 a 12 meses e realizarase na sede de París. 
  • Unha bolsa para o ámbito de mercados financeiros, buscando perfís con titulación universitaria e un nivel de B2 en inglés. Tamén se terán en conta outros méritos, aínda que non son obrigatorios, como unha titulación vinculada ao eido económico, coñecemento sobre mercados financeiros e o emprego de aplicacións de manexo de datos. A duración será de 6 a 12 meses na sede de París. 
  • Unha bolsa de carácter transversal en distintos departamentos, como o de asuntos corporativos ou o de recursos humanos. Polo seu carácter multidisciplinar, os requisitos varían dependendo do posto que se solicite (consulta aquí as posibilidades abertas), mais todas as persoas solicitantes deberán ter titulación universitaria e un nivel B2 de inglés. A duración será de 6 a 12 meses terá lugar na sede de París.
O procedemento será a través da plataforma e-Recruitment. 

Nesta ligazón podes consultar todas as condicións das bolsas. 

CENTRO EUROPEO DE LINGUAS MODERNAS 

A data límite é o 28 de febreiro, para comezar en xullo (até decembro).

Todas aquelas persoas interesadas en realizar as prácticas no CELM, teñen a posibilidade de presentarse a catro convocatorias, dirixidas a perfís diferentes:
  • A bolsa en Administración está orientada a persoas con titulación universitaria,  coñecemento de inglés e/ou francés e interese na realización de actividades e tarefas administrativas e de contabilidade. 
  • A bolsa en Xestión Web, de carácter más técnico, diríxese a persoas con titulación universitaria e, preferentemente, un posgrao. Complementariamente, terán que falar inglés e francés. As funcións principais serán actualizar a información da páxina web e realizar publicacións de maneira periódica.
  • Unha bolsa no Centro de Comunicación, Documentación e Recursos, dirixida a persoas cunha titulación relacionada cos eidos de biblioteca, información ou comunicación, e que dispoñan dun gran coñecemento do inglés e/ou do francés, ademais doutras competencias como a motivación e boa organización.
  • O Programa Internship, encargado da organización e loxística, céntrase nos aspectos prácticos da organización de talleres e meetings. As funcións divídense entre o programme assistant, programme secretary and the trainee
Consulta na seguinte ligazón toda a información. 

GUÍA DE PRÁCTICAS DA FUNDACIÓN GALICIA EUROPA

Na Guía de prácticas e saídas laborais na Unión Europea e organizacións internacionais poderás atopar máis información sobre diferentes oportunidades dentro da Unión Europea e noutros organismos internacionais.



Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante