04/02/2021
Oportunidades de prácticas na Unión Europea
- Os prazos finalizan a comezos da semana que vén.
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2021. Desde a Fundación Galicia Europa achegamos as ofertas de bolsas de prácticas no Valedor do Pobo Europeo e no Banco Central Europeo, dirixidas a persoas con titulación universitaria e cun bo dominio do inglés. Búscanse perfís no eido da informática, a psicoloxía e a economía.
VALEDOR DO POBO EUROPEO
O Valedor do Pobo Europeo, institución encargada de investigar as reclamacións relativas a unha posible mala xestión por parte de institucións e organismos da UE, oferta unha bolsa de prácticas remuneradas na súa sede de Estrasburgo. Esta oportunidade está dirixida a aquelas persoas que teñan coñecemento e experiencia no desenvolvemento web e nas ferramentas e aplicacións propias do Valedor do Pobo. Así, os requisitos son:
- Ser nacional dun Estado membro.
- Non ter desfrutado durante máis de oito semanas ou dous meses –consecutivos– de prácticas ou traballo remunerado en institucións ou organismos europeos.
- Ter titulación de grao ou máster en Desenvolvemento de Software.
- Ter coñecemento profundo nun dos idiomas oficiais da Unión Europea e bo nunha segunda lingua oficial. Non obstante, as linguas empregadas na institución son o inglés e o francés, polo que o coñecemento nunha delas é obrigatorio.
- Complementariamente, terán que ter coñecementos en Java, Angular, HTML5/CSS3, Hibernate, Spring e Javascript, entre outros.
A bolsa, cunha duración de doce meses, dará comezo o 1 de marzo e o formulario estará aberto até o vindeiro 8 de febreiro.
Consulta máis requisitos, funcións a realizar e procedemento de solicitude (que será en liña) na seguinte
ligazón.
BANCO CENTRAL EUROPEO
O Banco Central Europeo ten abertas dúas convocatorias de prácticas na actualidade:
Unha bolsa remunerada, de tres a doce meses de duración, na Dirección de Billetes, destinada a persoas con titulación en psicoloxía, neurociencia, biofísica ou neuromarketing e cun nivel C1 en inglés e un B1 nunha segunda lingua oficial da UE.
Poderanse ter en conta outros requisitos, como un máster nos eidos referidos anteriormente e coñecemento en métodos estatísticos.
Unha bolsa remunerada na Dirección de Infraestrutura de Mercado e Pagos, orientada, entre outras funcións, á prestación de servizos de pago e liquidación de valores. Cunha duración de tres a doce meses, a bolsa diríxese a persoas con titulación de grao en Economía, Administración de Empresas, Finanzas, Comunicación, Dereito, Auditoría ou eidos afíns aos mencionados, ademais dun nivel de C1 en inglés e B1 nunha segunda lingua oficial da UE. Valoraranse outros méritos como o coñecemento na xestión de proxectos ou experiencia en pagos e liquidación de valores.
O período de prácticas comezará, aproximadamente, entre agosto e setembro de 2021.
O prazo de solicitudes finaliza o
10 de febreiro. Consulta na
páxina web do Banco Central Europeo toda a información.
GUÍA DE PRÁCTICAS DA FUNDACIÓN GALICIA EUROPA