Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

14/10/2020

O Parlamento Europeo vota a favor de prohibir as prácticas non remuneradas

5153F_1602684654_Sin_t__tulo.png
  • Os principais puntos da moción son: a prohibición das bolsas e prácticas non remuneradas, asegurar que non se discrimine a ningún colectivo e que a Garantía Xuvenil sexa vinculante para os Estados membros
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2020. O pasado xoves, 8 de outubro, o Parlamento Europeo adoptaba unha resolución na que se expresaba a necesidade de prohibir os contratos de prácticas non remuneradas. Con 574 votos a favor, 77 en contra e 43 abstencións, o Parlamento urxe aos Estados membros a asegurar que as ofertas laborais destinadas á mocidade dispoñan de condicións adecuadas, sostibles e que conten cunha remuneración xusta.

Esta resolución vótase nun contexto de incerteza, no que as taxas de paro non deixan de aumentar por mor da crise sanitaria que se está a vivir –provocada pola COVID-19– tal e como sucedeu coa crise económica de 2008. En agosto, as taxas de desemprego xuvenil acadaban o 17,6% na Unión Europea, e espérase que estas cifras se agraven aínda máis nos vindeiros meses. Neste sentido, a resolución explica que 1 de cada 6 mozos e mozas perderon o seu traballo durante a pandemia. Por este motivo, urxe adoptar medidas destinadas a garantir unhas condicións laborais estables para a mocidade.

O presidente do Parlamento Europeo, David Sassoli, explicou que a loita contra as prácticas non remuneradas non é unha novidade, senón que leva ocorrendo durante moito tempo e é algo que precisa cambiar. Desde a introdución da Garantía Xuvenil en 2013, creáronse milleiros de oportunidades e máis de 24 millóns de mozos e mozas atoparon emprego ou continuaron a súa educación. Por este motivo, o Parlamento insta a reforzar dito instrumento e, en concordancia coa declaración expresada pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, dotalo de permanencia para combater o desemprego xuvenil, así como tamén aumentar o orzamento destinado para tal fin.

O Parlamento insta, ademais, a converter a Garantía Xuvenil nun instrumento vinculante para tódolos Estados membros. Desta maneira, non só se buscan unhas condicións axeitadas e remuneración acorde ao traballo realizado, senón tamén limitar a duración e número de prácticas e bolsas, evitando que a mocidade encadee contratos de prácticas durante tempos prolongados e baixo condicións non adecuadas. Explica, asemade, que a resposta ante o desemprego non ha de vir desde a capacitación, a reciclaxe profesional e a mellora das capacidades, senón desde a creación de empregos sostibles e de calidade.

Complementariamente, o Parlamento Europeo solicita á Comisión Europea e aos Estados membros a traballar de maneira conxunta na busca de posibilidades para introducir un instrumento legal común que asegure e reforce unha remuneración xusta para as bolsas e prácticas na Unión Europea. Coa finalidade de dotar de maior comunicación esta acción, insta á Comisión a crear un portal web dedicado ás bolsas e prácticas da Unión Europea, unindo tódalas iniciativas e ofertas existentes nunha única páxina.

Fonte: El Parlamento insta a los países a aprovechar el máximo la Garantía Juvenil


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante