08/10/2020
A Fundación Galicia Europa participa nas xornadas sobre mobilidade laboral promovidas pola Asociación Área Empresarial do Tambre
O obxectivo do programa é “promover un coñecemento e unha actitude positiva cara a mobilidade laboral e a procura de emprego no estranxeiro nun mercado laboral dinamizado e globalizado”
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2020. A Fundación Galicia Europa participou onte, 7 de outubro de 2020, nas xornadas de “Mobilidade Laboral e Procura de Emprego por Europa” do Programa Integrado de Emprego da Asociación Área Empresarial do Tambre, coa finalidade de dar resposta a moitas incógnitas ao redor da busca de emprego en Europa, como o proceso de planificación, cara onde dirixirse, como preparar as candidaturas ou que fontes de información existen. En definitiva, búscase a promoción de coñecemento e actitudes positivas cara a mobilidade laboral e a procura de emprego no estranxeiro.
A xornada, levada a cabo a través da plataforma Zoom desde as 10.00h até as 14.00h, contou coa participación das/os seguintes relatoras/es:
- Rosa Sánchez Santos, de Uninova, que achegou información sobre o programa CE Erasmus for Young Entrepreneurs.
- Cristina Villadóniga, de Europe Direct Coruña, realizou unha presentación sobre a entidade, informando sobre as súas funcións e actividades.
- Desde a Fundación Galicia Europa, Jonatan Santos expuxo as diferentes prácticas e saídas laborais relacionadas coa Unión Europea, desde organismos públicos galegos até institucións europeas.
- José Manuel Maceira, da Confederación de Empresarios de Galicia, fixo unha presentación sobre a entidade e as posibilidades que ofrece a Rede EURES.
Desde a Fundación fíxose fincapé nas diferentes bolsas e prácticas que existen na Unión Europea, e informouse sobre a importancia do desenvolvemento das competencias persoais e profesionais a través de iniciativas como o Corpo Europeo de Solidariedade.