Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

05/08/2019

Os europeos móstranse optimistas ante a situación da UE segundo a última enquisa publicada por Eurobarómetro

O Eurobarómetro estándar de primavera de 2019 presenta os mellores resultados da enquisa desde o ano 2014. Fonte: © European Union 2017 Fotógrafo: John Charlton.jpg
  • O Eurobarómetro estándar de primavera de 2019 publicado hoxe arroxa os mellores resultados dos últimos cinco anos, en base ás respostas dadas polos 27.464 cidadáns europeos dos 28 Estados membros e os cinco países candidatos que participaron neste estudo demoscópico.
Bruxelas, 5 de agosto de 2019. Unha nova enquisa do Eurobarómetro publicada hoxe no sitio web da Comisión Europea mostra unha gran mellora na percepción global da Unión Europea por parte dos cidadáns, en aspectos que van desde a economía ata a situación da democracia. Trátase dos mellores resultados obtidos desde a enquisa do Eurobarómetro de xuño de 2014, que se levou a cabo antes de que a Comisión Juncker asumise o seu mandato.

Este último Eurobarómetro estándar realizouse tras as eleccións europeas, entre o 7 de xuño e o 1 de xullo de 2019, nos 28 países da UE e os cinco países candidatos a entrar no concilio europeo (Albania, Macedonia do Norte, Montenegro, Serbia e Turquía). Entre as principais conclusións do estudo demoscópico destacan o apoio récord ao euro e o ascenso do cambio climático ao 2º posto na clasificación das principais preocupacións a nivel da UE, xusto por detrás da inmigración que segue como maior preocupación da cidadanía europea.

Principais conclusións do Eurobarómetro

1. O optimismo e a confianza no futuro alcanzan o seu nivel máis alto desde 2014:

A confianza na UE sitúase no seu nivel máis alto desde o ano 2014 e segue sendo superior á confianza nos gobernos ou os parlamentos nacionais. A confianza na UE rexistrou un aumento en 20 dos 28 Estados membros; sendo as puntuacións máis altas as de Lituania (72%), Dinamarca (68%) e Estonia (60%). Ademais, máis da metade dos enquisados «tenden a confiar» na UE. É o caso de Luxemburgo (59%), Finlandia (58%), Portugal (57%), Malta e Suecia (56% en ambos os casos), Bulgaria e Hungría (55% en ambos casos), Irlanda, Polonia, os Países Baixos e Chipre (54% en todos eles), Romanía e Austria (52% en ambos), e Letonia e Bélxica (51% nos dous países).

A proporción de enquisados que teñen unha imaxe positiva da UE (45%) aumentou en 23 Estados membros respecto do último Eurobarómetro estándar realizado no outono de 2018; especialmente en Chipre (47%, 11 puntos máis), Hungría (52%, nove puntos máis), Grecia (33%, oito puntos máis), Romanía (60%, oito puntos máis) e Portugal (60%, sete puntos máis). Así mesmo, rexistrouse un aumento de dous puntos porcentuais respecto da pasada enquisa de outono (dez puntos porcentuais máis desde a primavera de 2014), de maneira que se alcanzou o nivel máis alto dos últimos dez anos. O 37% dos enquisados teñen unha imaxe neutral da UE (un punto máis en comparación co  Eurobarómetro de outono de 2018), mentres que só unha quinta parte teñen unha imaxe negativa (17%, tres puntos menos). Esta é a puntuación máis baixa en dez anos.

A maioría dos europeos móstranse optimistas ante o futuro da UE (61%, tres puntos porcentuais máis), mentres que os pesimistas supoñen só o 34% (tres puntos menos). Irlanda (85%), Dinamarca (79%), Lituania (76%) e Polonia (74%) son os países máis optimistas. No outro extremo da balanza sitúanse o Reino Unido (47% fronte a 46% no outono 2018) e Francia (50% fronte a 45 % no outono de 2018), sendo os menos optimistas.

O 55% dos europeos afirman estar satisfeitos co funcionamento da democracia na Unión. Trátase da puntuación máis alta desde o outono de 2004 (cinco puntos porcentuais máis desde o outono de 2018; 11 puntos máis desde a primavera de 2014), mentres que o número dos "non satisfeitos" diminuiu en cinco puntos porcentuais ata o 36%.

Ademais, a maioría dos europeos consideran que «a súa voz conta na UE». A media da Europa dos Vinteoito alcanza o 56% (sete puntos porcentuais máis desde o outono de 2018; 11 puntos máis desde a primavera de 2018; 14 puntos máis desde a primavera de 2014) e as puntuacións máis altas rexístranse en Suecia (86%), Dinamarca (81%) e os Países Baixos (76%).

2. Récord de apoio ao euro na enquisa:

Máis de tres cuartas partes dos enquisados da zona do euro (76%, un punto porcentual máis, nove puntos máis desde a primavera de 2014) mostráronse a favor da moeda única da UE, o que supón un novo récord do apoio á unión económica e monetaria e ao euro. Na UE no seu conxunto, o apoio ao euro mantense estable no 62%.

As opinións positivas sobre a situación das economías nacionais seguen sendo predominantes (un 49% consideran que a situación é boa, mentres que un 47% consideran que é mala). A maioría dos participantes en 17 Estados membros (fronte a 16 no outono de 2018) afirman que a situación económica nacional é boa. Luxemburgo (94%), Dinamarca (91%) e os Países Baixos (90%) son os países coas puntuacións máis altas. Os países que presentan a menor porcentaxe de opinións positivas son Grecia (7%), Croacia e Bulgaria (20% en ambos casos), Italia (22%), España (26%) e Francia (29%).

3. A cidadanía da UE e a libre circulación son os principais logros da UE segundo os europeos:

Nos 28 Estados membros máis da metade dos enquisados se senten cidadáns da UE. Na Unión no seu conxunto, son un 73% quen expresa este sentimento (dous puntos porcentuais máis desde o outono de 2018) e, a nivel nacional, as puntuacións varían desde o 93% de Luxemburgo, o 88% de Alemaña e o 87% de España, ata o 57% de Grecia e Italia e o 52% de Bulgaria.

Unha gran maioría dos cidadáns da Unión Europea apoian «a libre circulación dos cidadáns, para que poidan vivir, traballar, estudar e facer negocios en calquera lugar da UE» (81% dos participantes, dous puntos porcentuais menos desde o outono de 2018) e, en cada Estado membro da UE, máis de dous terzos das persoas enquisadas comparten esta idea, con porcentaxes que varían desde o 94% de Lituania ata o 68% de Italia e o Reino Unido.

4. Aumento da preocupación polo cambio climático e o medio ambiente entre as principais preocupacións da cidadanía a nivel nacional e da UE: 

A inmigración segue sendo a principal preocupación a nivel da UE, cun 34% de mencións, a pesar de que experimentou un forte descenso (seis puntos porcentuais menos desde o outono de 2018). O cambio climático, que se situou en quinta posición no outono de 2018, experimenta un gran incremento (seis puntos porcentuais máis que entón) e pasa a ser a segunda preocupación máis importante. Existen tres motivos de preocupación con puntuacións idénticas: a situación económica (18%, non varía), a situación da facenda pública (18%, un punto menos) e o terrorismo (18%, dous puntos menos), seguidos do medio ambiente (principal preocupación do 13% dos enquisados, preocupación que rexistrou un aumento de catro puntos porcentuais).

O desemprego, situado actualmente na sétima posición a nivel da UE (12%), segue sendo a principal preocupación a nivel nacional (21%, dous puntos porcentuais menos), xunto co aumento dos prezos/da inflación /do custo da vida (21%, non varía) e a saúde e a seguridade social (21 %, un punto máis desde outono de 2018). As cuestións de medio ambiente, clima e enerxía séguenlles de preto tras experimentar un forte aumento (20%, seis puntos máis). A inmigración, cun 17% de mencións (catro puntos porcentuais menos desde o outono de 2018 e 19 puntos menos desde o outono de 2015), deixa por primeira vez de ser un dos tres primeiros motivos de preocupación a nivel nacional desde a primavera de 2014. Pola súa parte, a situación económica sitúase en sexto lugar (16%, un punto máis).

Contexto
O "Eurobarómetro estándar de primavera de 2019" (EB 91) levouse a cabo entre o 7 de xuño e o 1 de xullo de 2019 mediante entrevistas presenciais nos 28 Estados membros da UE e os 5 países candidatos. En total, realizáronse 27.464 entrevistas a cidadás e cidadáns nos Estados membros da Europa dos Vinteoito entre o 7 e o 25 de xuño de 2019.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante