Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

15/07/2021

O Comité Europeo das Rexións celebra o seu pleno número 145

5385F_1626354357_FG_210630_COR_161.JPG
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia no 145º pleno do Comité Europeo das Rexións, no que avogou por reforzar a cooperación transfronteiriza a través dun maior apoio financeiro ás eurorrexións
  • Galicia presentou 22 emendas a cinco ditames e unha resolución das cales foron aprobadas 17.
Bruxelas, 15 de xullo de 2021. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia no 145º pleno do Comité Europeo das Rexións. Ao longo das dúas xornadas que compuxeron o pleno, presentáronse un total de 13 ditames e dúas resolucións para a súa aprobación. Galicia presentou un total de 22 emendas, das cales 17 foron aprobadas, aos ditames “Estratexia de mobilidade sostible e intelixente”; “Intensificar a ambición climática de Europa para 2030: camiño á COP26”; “Cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de aquí a 2030”; “O futuro dos aeroportos rexionais: retos e oportunidades”, “Plan de Acción para a Economía Social”, e unha á proposta de resolución sobre o tema “Unha visión para Europa: o futuro da cooperación transfronteiriza”.
  • Estratexia de mobilidade sostible e intelixente: Galicia presentou 6 emendas, das cales catro foron aprobadas e dous foron parcialmente recollidas no texto final, coas que se pretendía dar un maior respaldo ao autobús como transporte colectivo enerxéticamente eficiente e contribuír á mobilidade sostible. Ao mesmo tempo, tamén se pediu o establecemento de mecanismos que garantan o acceso dos entes rexionais e locais aos fondos europeos necesarios para a transición en materia de mobilidade.
  • Intensificar a ambición climática de Europa para 2030: camiño á COP26: Galicia presentou sete emendas das cales catro foron aprobadas, dúas foron parcialmente aceptadas e unha foi rexeitada. As propostas fan referencia a sectores como o agrícola, o forestal ou o da construción que coas súas accións poden contribuír a mitigar o cambio climático, dinamizar as zonas rurais e favorecer o asentamento de poboación. Ademais, fai fincapé na necesaria participación dos niveles rexionais e locais en cuestións climáticas e de transición enerxética.
  • Cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de aquí a 2030”: Galicia presentou unha emenda, que foi aprobada. Con ela, o ditame final insta ás as cidades e rexións a que traballen a prol dos obxectivos de desenvolvemento sostible a nivel rexional e local, e non tanto na revisión voluntaria local e rexional dos ODS, como sinalaba o borrador inicial.
  • O futuro dos aeroportos rexionais: retos e oportunidades”: Galicia presentou unha emenda, que foi aprobada. O ditame chama a atención sobre a necesidade de mellorar os patróns de mobilidade de acceso aos aeroportos, promovendo transportes colectivos que produzan baixas ou nulas emisións como é o caso do ferrocarril . A emenda de Galicia reivindica que non sempre é posible facilitar a mobilidade por ferrocarril xa que por condicionantes xeográficos ou técnicos pode non ser viable este medio de transporte.
  • Un plan de acción para a economía social: Galicia presentou un total de seis emendas, as cales foron aprobadas na súa totalidade. Algunhas fan referencia á necesidade de ter en conta a perspectiva de xénero nas medidas propostas polo ditame e nos mecanismos de seguimento previstos, nas posibilidades de acceso a financiamento, e na garantía dunha composición equilibrada por razón de xénero nos distintos órganos de goberno das empresas de economía social. O resto das emendas galegas fan fincapé na contribución que poden facer as entidades da economía social na fixación de poboación nos territorios e para xerar oportunidades e emprego.
Durante o pleno tamén se aprobaron outros ditames como os de “Forxar unha Europa resiliente fronte ao cambio climático – A nova Estratexia da UE de adaptación ao cambio climático”,  “Infraestruturas enerxéticas transeuropeas: un Regulamento revisado adaptado á transición ecolóxica e dixital”, “Resiliencia das entidades críticas”; “Asociación renovada cos países veciños meridionais – Unha nova Axenda para o Mediterráneo”, “Lei de Servizos Dixitais e Lei de Mercados Dixitais”, “Plan de Acción para a Democracia Europea”, “Estratexia para reforzar a aplicación da Carta dos Dereitos Fundamentais na UE” ou o “Plan de futuro para o sector dos coidados e os coidadores: oportunidades locais e rexionais dun desafío europeo”. 

Finalmente, tamén se aprobou outra resolución sobre as propostas do Comité Europeo das Rexións relativas ao programa de traballo da Comisión Europea para 2022.

O Comité Europeo das Rexións
O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante